Elena Varela
A Mar, a rosa de cen follas
Aquelas que medramos no IES A Xunqueira II sentimos que nada será igual se ela non percorre os corredores do instituto para conseguir meternos dentro das aulas. Non será o mesmo aprender galego, ler en galego, soñar en galego, vivir en galego. Sen ela todo tería sido moito máis aburrido, menos intenso, máis normal. Xunto a ela, todo foi extraordinario.
Logo de moitos anos compartindo debates, malos e bos momentos, dúbidas, apuntamentos, medos e moitas revolucións, Mar, a nosa mestra de Lingua Galega e Literatura remata a súa docencia no que foi o noso fogar durante moitos anos.
Sei que en moitas partes do mundo, en portos distantes, en illas afastadas, arquitectas, médicos, avogadas, cociñeiros, terapeutas ocupacionais, mestres, actrices e outras miles de profesións máis acórdanse de ti a miúdo, e están agradecidos/as por cruzarse no camiño da vida contigo.
Cando a salvaxe adolescencia vive dentro de ti é moi difícil traspasar as corazas e ver máis alá do superficial. Ti arrasaches ao teu paso, meténdote dentro de cada corazón co que te cruzaches e removendo tódalas emocións que vivían no seu interior.
Grazas polo teu sentido do humor que é único. Polo teu sorriso, pola túa mirada que fai calar e fai falar, tan viva e rebelde. Grazas pola man tendida sempre, pola teu respecto e polo teu amor a unha profesión tan necesaria. A nosa vida xa non volveu ser a mesma dende a túa chegada e asegúrote que aprendemos moito contigo, vaia se aprendemos! Grazas por “levar na alma un pouco de mariña, un pouco de pirata, un pouco de poeta e quilo e medio de paciencia concentrada.”
Deséxoche (sei que todos e todas as que tivemos a sorte de gozar de ti) que nesta etapa nova que comezas sigas igual de ilusionada, soñadora e revolucionaria; que te fagas experta en novos ámbitos da vida e que te enriquezas de toda a maxia que deixas ao teu paso. Pero sobre todo, deséxoche que sexas feliz e que oxalá, a vida te trate como mereces.
Grazas coa alma. Quérote pola vida, Mar.