Beatriz Suárez-Vence Castro
Quosque Tandem
O Colectivo Pedaladas ten toda a miña admiración. Tanto polo seus obxectivos (uso da bicicleta como medio de transporte urbano) como pola súa santa paciencia e corrección, virtudes ambas que eu perdo cada vez que escoito falar da Boa Vila como modelo de cidade e vénseme á cabeza a miña bici. Adoito perdelas tamén cando din "modelo de cidade" e miro a miña cadela, pero iso é materia doutros artigos.
O caso é que miren se é riquiña a xente que forma esta Asociación de amigos das duás rodas que estiveron sen decir nin chío, preocupándose do seu, informando, ensinando, facendo saídas coa bici pola cidade, pero sempre sen protestar polo intento de suicidio que supón escoller a bici para os desprazamentos pola vila.
Pero como toda a paciencia ten o seu límite, o domingo pasado, coincidindo coa nova de que en Foz (o de Iguazú, non o de Lugo) dixeron que o modelo urbano de Lores é "unha das experiencias urbanas máis exitosas do mundo", os de Pedaladas pensaron que igual era o momento de falar un pouco máis do tema que nos ocupa.
Aínda así seguen a ser tan educados que, referíndose os carrís bici da nosa cidade, dixeron que veñen a ser "pouco operativos".
Eu, emulando a Willy Toledo, aínda que salvando as enormes diferencias que nos separan, declareime en desobediencia civil, (somentes respecto o modelo urbano, enténdanme) dende o mesmo día que vin coma os coches desembocaban directamente no anaco de carril bici que hai uns anos adornaba a rúa fronte ó Hospital Provincial. Foi unha miragre que non fósemos parar a este centro sanitario todos os que percorríamos o paso, porque ademaís de xuntarse cos coches, desaparecía, coma nun truco de maxia de Pedro Volta, o chegar a Benito Corbal, isto é medio metro máis adiante. A maneira en que se solventou o abraiante inconveniente foi seguir coa maxia e facelo desaparecer por completo: Morreu o can, rematou a rabia.
O que temos os desobedientes civiles é que somos contestatarios e un chisco impertinentes e, por iso, en lugar de referirme os carrís bicis que temos como "pouco operativos" chamámolos directamente troulas mariñeriras, porque son un insulto a intelixencia dos ciclistas urbanos en particular e de todos os pontevedreses en xeral.
Outro feito que contribuiu enormemente para acubillarme na desobediencia civil no eido do tráfico rodado, aconteceu cando diante mesmo das dependencias da Policía Nacional unha furgoneta rebasou a miña bici con tanta forza que me deixou facendo equilibrios coma un pallaso sobre dúas rodas na pista do circo e, por riba, me pelou os cotelos da man esquerda co espello retrovisor e seguíu ruta coma se o que acababa de facer estivese recollido nalgún apartado do Código da Circulación.
Dende ese día, a calzada morreu para a miña bici e a partir de entón só circulo con ela polas beirarrúas, sorteando peóns coma nun xogo de marcianiños, mantendome firme fronte a olladas cheas de malignidade e algún que outro rapapolvo, ben merecido supoño. É o que ten a rebeldía, que tes que acostumbrarte a ela.
Na miña defensa teño que explicarles que cando unha está a piques de perder os cotelos da man, que son máis necesarios do que poden parecer, o cerebro ofuscado pola dor rabiosa so pensa en salvar o que lle queda de pel coma pode. E se para iso ten que subir coa bici á beirarrúa, pois sobe.
Pedaladas, en troques, segue sen infrinxir nengunha norma do exitoso plan urbano. Deus os colla confesados porque así tamén empecei eu e miren coma acabei.
Cando se forman asociacións, os seus integrantes empezan cheos de ilusión facendo as cousas ben ata que se dan de fouciños coa teimudez dunha corporación municipal que non quere nin escoitar nin ver o que piden os cidadadáns, prestando máis atención o que lle din os de fóra, esquecendo que non son eles os que enchen de cartos as arcas municipais senon nós, que somos os que pagamos os impostos. E un, vaise desencantando.
O colectivo Pedaladas e todos os amigos da bici estamos a facernos a mesma pregunta que na antiga Roma facíalle ó senado a Catilina, ainda que traducido daquel fermoso latín que xa casi ningúen estudia: "Quosque tándem abutere Catilina patientia nostra?": Ata cando, Catilina, vas seguir abusando da nosa paciencia?
Cambiando un pouco as Catilinas polas catalinas e deixando o tándem, ben pode recordar o noso rexedor que, na actualidade, o pobo é o auténtico soberano e porén non debería, cando menos, negárselle o dereito a ser escoitado. Máis aínda cando o que di baséase no sentido común.
No caso de preguntarlle a un neno se unha cidade que non ten carril bici para as bicis está ben ou mal feita, adiviñan o que respondeiría? Pois iso.
Recordemos a arte oratoria das Catilinarias e recoñezamos tamén o valor do ben feito e incansable labor de Pedaladas. Que non se nos veñan abaixo. Que fan moitísima falla.