Marta Rodríguez Engroba
As nosas vidas, as das nosas crianzas, dependen dunha computadora
Agora todo o mundo se racha as vestiduras. Todo o mundo se escandaliza e pide responsabilidades. Non dan creto, non saen do seu asombro…..! Os titulares sucédense e as declaracións diante das cámaras e dos micrófonos garanten que a audiencia non decaiga.
Ese é o rastro que deixan cinco asasinatos machistas en dous días, nos que tamén dúas nenas foron as vítimas dun mal nacido.
E eu pregúntome, de que vos escandalizades tanto?. A que ven tanto asombro?.
Isto non é casualidade, non ocorreu por azar. Estes salvaxes asasinatos son, nin más nin menos, o resultado dun sistema cómplice, que axuda a que a nós, as mulleres, e as nosas crianzas nos maten, porque aínda sendo evidentes as súas múltiples e letais eivas, ninguén ten interés en mudalo, porque para quen o manexa é infinitamente máis cómodo.
Un exemplo clarísimo do que estou a dicir é o famoso VioGen, ese test policial "máxico",que acaba de matar esta mesma semana a dúas nenas, así, como soa, froito dun programa informático, elaborado, segundo di a Policía por mentes privilexiadas e cunha psicoloxía que non somos quen nin de imaxinar, e que ten a potestade de decidir a protección que as vítimas de violencia de xénero que acuden a denunciar precisan, que, usual e curiosamente, adoita ser bastante menor que a que a vítima reclama.
Cunha serie de preguntas xenéricas, que para nada van ter en conta o factor humano nin as circunstancias reais de cada caso, a vida da muller e, en moitos casos, dos seus fillos, pasa a estar nas mans dunha computadora.
Preguntas como se o agresor ten permiso de armas, consume alcohol ou outras sustancias, ou a ausencia de anteriores episodios violentos van restando puntos ao nivel de risco, e, porén, facendo menor a necesidade de protección.
O factor humano non se ten en conta en absoluto. Insisto, non esquezamos que estamos a falar dun programa informático, que, como tal, é frio, aséptico e mecánico.
De nada serve que a muller, a vista do resultado arroxado polo programa, se este é de risco baixo, insista no seu medo, en que corre perigo, que tamén teme polos seus fillos, que a súa é a crónica dunha morte anunciada.
É inútil. O que di o aparello vai a misa. Un aparello que, como obxecto que é, non valora esa ollada xélida do noso agresor que todas as vítimas de violencia de xénero coñecemos tan ben e que nos conxela o sangue.
Tampouco "puntúan" esas ameazas máis ou menos veladas que nos fai chegar nas súas mensaxes, nas súas chamadas, por moito que as amosemos, que as lean, que as escoiten. Se non di explicitamente que nos vai matar, a computadora di que non corremos perigo.
Como tampouco interpreta como perigosos eses encontros co noso verdugo alá onde vamos e a calquera hora do día, nin esas conversas que el mantén coa súa contorna dicindo que calquera día nos vai matar. Para a computadora, para ese máxico programa, non hai evidencias dabondo.
Obviamente, ese programa, o VioGen, está manexado por persoas, por seres humanos, pero que, en ocasións, de humanos precisamente teñen pouco, e por moito que se lles insista en que ese resultado de risco baixo que tan frecuentemente arroxa o test non é real, nada vai mudar.
O único que a muller conseguirá é que se lle repita ata a saciedade que non hai probras reais e que o que di o VioGen é irrefutable.
Nada disto é novo, como digo ao comezo deste artigo, e podo dicir ben alto e ben claro que desde Si, hai saída, o colectivo contra a violencia de xénero do que formo parte, levamos nin se sabe canto tempo dando a voz de alarma sobre isto.
Todo é en balde. Evaluar o risco correctamente e na súa xusta medida requeriría, por suposto, moito máis esforzo que sentarse fronte a unha computadora.
Serían precisas moitas horas de conversa, moita paciencia, moita sensibilidade e moita psicoloxía por parte dos policías, e pretender iso, por desgraza, e malia que sei que non gaño amigos facendo estas manifestacións, é, en non poucas ocasións, como crer nos Reis Magos, pura ilusión.
Non soamente os executores materiais dos crimes machistas son os culpables.
Un sistema claramente ineficaz, que nos deixa "á mercé" dos nosos maltratadores, do que o VioGen é un exemplo máis, unido a desidia e a irresponsabilidade daqueles que, tendo a potestade, non fan nada para mudalo, tamén están a matarnos. A nós, aos nosos fillos.
Deixar que as nosas vidas dependan dunha computadora é tan só un exemplo máis.
Asociación Si, hai saída