Francisco Freire Vila
Algúns puntos febles
A Lei orgánica para a mellora da calidade educativa (LOMCE) é unha lei feita sen consenso, sen calidade e presenta moitos puntos febles. Comento algúns:
1. ÿ unha lei que busca a calidade na autonomía dos centros e na rendición de contas, é dicir, na competencia aberta entre centros que, entendidos como empresas, loitarán por ter os mellores alumnos e alumnas para non perder recursos da Administración. Os centros con alumnos non interesantes para o sistema terán menos recursos da Administración e convertiranse en centros de 2º nivel. Copia, pois, o modelo de Inglaterra, que non é un exemplo nin de resultados académicos no sistema educativo nin de convivencia pacífica. Por que non copia o modelo Filandés?
Por outra banda, desaparece a referencia expresa á prohibición de realizar clasificacións de centros e á súa publicación. Con iso legalízase. A publicación de listados de centros segundo resultados está orientada á utilización destas listas con fins discriminatorios, segregadores e non educativos pois fai que os pais elixan entre aqueles centros con mellores resultados.
2. A formación profesional básica (FPB) será o camiño que tomen os alumnos de 15 anos que non continúen cara ao bacharelato. A FPB non proporciona ao alumno o graduado escolar, algo que si ocorría cos programas de cualificación profesional inicial (PCPI).
3. Segrega o alumnado moi pronto ao obrigalo a escoller entre unha vía académica ou unha profesional. Xa en terceiro da ESO o alumnado escolle matemáticas académicas ou matemáticas aplicadas e en cuarto da ESO terán que ir por ensinanzas académicas (bacharelato) ou por ensinanzas aplicadas (formación profesional). ÿ algo sabido que o alumnado de ámbitos de renda máis baixa se incline antes pola vía profesional. Nos países onde se realiza esta segregación os resultados son peores. En Finlandia, que é o modelo sempre presentado como ideal (aínda que merece moitos matices) a etapa de secundaria é común para todos os alumnos.
4. A Constitución só asegura a gratuidad na educación básica e a LOMCE deixa claro que a educación básica só é primaria, ESO e FPB, polo tanto, toda a educación infantil, o bacharelato, os graos medio e superior de formación profesional, réxime especial (EOI, escolas de arte, artes escénicas) e a universidade poderían ser de pago.
5. Esta lei enche o sistema educativo de obstáculos coa introdución de probas de avaliación externa. Non é un ensino integral de avaliación continua, é unha preparación para as diferentes reválidas:
- Os alumnos teñen que superar tres reválidas para titular. A primeira reválida é en sexto de Primaria. Aínda que non terá carácter eliminatorio, si constará no expediente do alumno.
- Para obter o título de graduado escolar o alumno debe superar a segunda reválida, que nesta ocasión si ten carácter excluínte. O alumnado que a supere poderá acceder ao bacharelato ou á formación profesional, dependendo de se optaron pola vía profesional ou académica.
- Elimínase a selectividade pero os alumnos deben superar unha nova reválida para obter o título de bacharelato. O criterio de acceso a cada unha das carreiras será definido por cada unha das universidades como entrevista ou proba tipo exame, ou talvez, baremando titulación académica á marxe do título.
6. En primaria, desaparecen materias como educación para a cidadanía, redúcense as horas de música e disgrégase coñecemento do medio. En cuarto da ESO, ciencias sociais, xeografía e historia desaparecen das materias obrigatorias e non entran dentro das optativas. Ademais o alumnado que decida ir por ciencias deixará de estudar historia en 2.º da ESO, (polo que só terán coñecementos históricos ata o Barroco). Desaparece educación para a cidadanía e redúcense horas de filosofía a favor de relixión que pasa a ser puntuable. Redúcense o espazo ás tecnoloxías e plástica.
7. O castelán pasa a ser unha materia troncal, mentres que o galego convértese nunha materia de especialidade. Se temos en conta que o tempo destinado ás materias troncais debe ocupar un mínimo do 50% do horario lectivo, o das específicas un máximo dun 50% e o das de especialidade non teñen asignado un tempo, entón é evidente que o galego situarase por detrás da relixión e da 2ª lingua estranxeira.
8. Coa LOMCE asegúrase o mantemento dos concertos con aqueles colexios que segregan por sexo.
9. Os pais e nais deixan de participar de forma activa no centro como, por exemplo, colaborar no deseño do proxecto educativo do centro xa que o Consello Escolar deixa de ser un órgano de decisión e pasa a ser un órgano consultivo.
A busca da calidade no ensino non está en reestruturar de novo o sistema educativo nin en crear competitividade porque os malos estudantes seguirán sendo malos estudantes, ou incluso pésimos estudantes, e os bos estudantes seguirán sendo bos estudantes. A calidade no ensino está en facer dun mal estudante un bo estudante e a LOMCE non está orientada para conseguir iso, non hai que ser un experto para velo.
25.04.2013