Pedro J. Peón Estévez
A PO-546
- O moi chusco "Plan Social"e a Moi Triste Estrada PO - 546 Pontevedra- Praceres -
(Drama en acto único)
Este título pode levar a crer que o seguinte texto é un sainete, entremés ou peza cómica polo estilo. Nada máis lonxe da crúa realidade.
A fin de centrarnos un pouco sobre o mapa diremos que a estrada 546 é esa que vai de Pontevedra ós Praceres que algúns chaman "carretera velha de Marín "(quixera eu saber cal é a nova) O curioso é que ó e tramo pontevedrés -ate a ponte do tren en Molhabao- dinlhe rúa Rosalía Castro, nome que a Rajoi non lhe entra na cachamúa. Sóalhe máis o marino golpista Salvador Moreno que a escritora galega universal. Ben; Rajoi é un tanto especial e o seu ten difícil arranxo. O outro cabo (Praceres, Estribela, Cantodarea) seica se chama rúa Avelino Montero...un lío; demasiados nomes para tan cutre vieiro. Coido que Rosalía Castro é a estrada enteira desde o Pazo da Xustiza (ou a Praza da Cultura) ó nó dos Praceres.
A 546 foi, e segue sendo unha arteria principal de comunicación entre Pontevedra e o Morrazo. Eu convídoos a percorrela no arco que abrangue a enseada de Lourizán -algún tempo, mar de Pontevedra- desde Punta Saínhas (curva de Raimundo) ate a rotonda da Galería nos Praceres.
Comezamos no espazo entre o Pazo da xustiza e o edificio modernista "Ojo al tren". A partires daí, a rúa estréitase uns tres metros respecto da linha do Pazo e como un metro pola outra banda nos voladizos. Vista desde alí, Rosalía Castro, arteria principal, non é máis que unha trincheira infame, víctima do tradicional urbanismo especulativo-depredador. Pasadas as pontes da Ría e do tren en Molhabao a vía comeza a tomar tintes terceiromundistas (con construccións ruinosas e deshabitadas abeiradas, arcéns e beirarrúas inexistentes a tramos, destruídos, selváticos). Os refugalhos da todopoderosa constructora José Malvar presa da desolación e as silvas (quen te viu e quen te ve!) A antiga fábrica do xabrón semi-derrubada con aparcadoiros ilegais a carón e tamén fronte á estación de servizo. Na recta antes da "curva de Raimundo"a cousa empeora. Aínda non se albisca o "motor de Pontevedra"e a beirarrúa da esquerda fica rota, chea de furados e maleza. A da dereita nin existe pois, para facerlhe sitio ó tren, cravaron a bionda directamente enriba da linha da calzada e todos tan felices!
E acadamos Punta Saínhas de onde parten, polo interior, a 645 e o "ferrocarril" formando un arco case circular e unha corda desde a tal punta ata o Cabo dos Praceres (a clasificación deste vial aínda está por definir pois uns dinlhe autovía, estrada, corredor...Eu prefiro a que lhe deu a xente, é dicir: "avenida", así; entre cominhas e con moita sorna) que non é outra cousa que o muro de contención do "motor de Pontevedra"que xa se albisca preto. O espazo que hai entre estas linhas é e enseada de Lourizán, recheada con area do banco marisqueiro para erguer a celulosa encima. O resto, (balsas de entre a estrada e o ferrocarril) foi recheado"a lo tonto, a lo tonto "mentres as autoridades de onte e hoxe miraban para outro lado. Estes recheos ilegais truxeron consigo unha praga de Plumeiro de Pampa que ninguén pensa erradicar, malia atoparse diante dos focinhos da Escola de Capataces Forestais, Escola Superior de Enxenheiros Forestais e Granxa Fitopatolóxica do Areeiro, nada menos! A partires daquí permítanme ralentizar a marcha para reparar nalgúns detalhes, curiosos cando menos. Atopámosnos en Punta Saínhas, na "curva de Raimundo". Da antiga contructora Raimundo Vázquez (RV, "rebentavivos", nin rastro). As súas instalacións son agora armacéns de Tecnopesca e, rebasada esta, onde o desaparecido chalet de Javier Sánchez Cantón hai unha fileira de chalets adosados. Pola dereita hai unha densa matogueira entre a cal houbo unha apodrecida caseta de control, totalmente inútil, que tinha un insultante cartel que ponhía: "Cóidame; estou a protexer a túa saúde"...mandatruco!.
Uns pasos máis adiante atopamos dous carteis. O primeiro é un panel informativo de Tráfico que consta de dous elementos. No superior dase conta do número da estrada e unha frecha indica que a Marín vaise de fronte. Na parte inferior hai unha frecha oblicua cara á esquerda e un nome: Pontemuínhos. Non é a primeira vez que comento este feito nin será a útima, malia ter claro que ninguén queira tomar nota. Vai: Pontemuínhos é xusto o que vai tralo sinal. É ese tramo que vai desde Punta Saínhas ate as Cocheiras. É un topónimo antiquísimo de orixe desconhecida. Calquera pode chamarlhe ó seu barrio como lhe pete (a min tamén me daría vergonha vivir nun sitio que levase o horrendo nome de "poblado de celulosas") pero outra cousa é apropiarse do nome do lugar e pretender deixar a este sen el. Pontemuínhos é o tramo que vai desde As Cocheiras á "curva de Raimundo ", a zona da xunqueira de Gandarela salvada pola estrada de Marín elevada entre muros de contención e con pontelhas de paso das augas da devandita xunqueira e o regato da Torre cara o mar. A sinalización errada, a un e outro lado, sobre a 546 anulou este dato patrimonial. Soe pasar, e todo por non preguntar (ou preguntar a colonos que nada saben ou que son interesadamente ignorantes).
Inmediatamente detrás deste cartel hai outro que anuncia o Pazo de Lourizán informando que a 1'3 Km. atópase a "Ruta dos xardíns da camelia". Debe de ser verdade a xusgar pola auténtica sabana da beirarrúa na que está emprazado.
Pouco máis adiante chegamos á entrada do autodenominado "motor de Pontevedra". Uns metros antes, outro aparcadoiro ilegal e, xusto despois, unha curiosa pasarela cun extranho cartel: "acceso peatonal"... usurpando o espazo aéreo dos herdeiros de dona Concha Boullosa??
Sigo a andar. O velho barrio de Lourizán-Igrexa, noutora bulicioso, fica deserto a media manhá. En chegando atopamos dous carteis insólitos. Un amarelo que recomenda arredarse1'50 m. dos ciclistas pois é esta unha "estrada frecuentada por ciclistas". Con tal advertencia, os de Pedaladas ficaron contentos. Un bocado máis adiante hai un sinal que me deixa abraiado: un sinal de perigo cun peón endentro. Caminhan por aquí peóns perigosos?. Inaudito. Nese lugar non existe beirarrúa algunha pero, tranquilos, se algo pasa a culpa será do peón.
Tiro unha foto desde a curva de Montero e quedoume completísima con catro elementos invasores a saber: á esquerda, eucaliptos; pola dereita, mimosas; por baixo, mesta fileira de "Cortaderia selloana "(o famoso plumón da Pampa) e, de fondo, a celulosa...quen dá máis?. Estas cousas non saen no paradisíaco blogue de Xoán Conodevelha, máis conhecido por Eladio o Carracho. Ten unha cámara cun filtro de camuflaxe. Chámanlhes cámaras intelixentes, disque.
Pero sigamos co roteiro que aínda queda que andar. Estamos chegando ó Sartán á altura da velha "Fábrica da Lus"da Fenosa onde viviu, tempo hai, o grandísimo amigo Tino Fiúza, decano dos DJ de Galiza, e familia. A este lugar tamén lhe chamaron, perante décadas, A Estación, pois aquí tinha parada aquel lendario tranvía a vapor, primeiro transporte de viaxeiros da historia entre Pontevedra e Marín. Cómpre engadir que nesta área, tanto ten de onde sopre o vento, fede a celulosa a cotío. O conto aquel do "olor cero"é eso: un conto. Pasamos o Sartán e entramos nos Linhares. En Vixide subo un anaco polo acceso do cemiterio e tiro unha foto cara Marín, co mesmo, ou case, punto de vista da famosa foto de Zagala pero 130 anos despois. Que tan distinta da súa me quedou! O que foi un vasto areal, hoxe é un batiburrillo de desgracias no que non se aprecia ningún "emprego indirecto"mais si moita merda directa e indirecta. Nin que dicir ten que a andaina segue a ser incómoda e perigosa como non hai outra. Caminhar pola 645 é todo un deporte de risco. Pobres dos peóns que se ven obrigados a andar a cotío por estas marxes!
Na recta dos Linhares seguimos atopando beirarúas impracticables e, iso si, aparcadoiros ilegais...é que por aquí nunca pasa a policía de tráfico, ou?
Antes de acadar os Praceres tiro unha derradeira foto. En primeiro plano, a 645 e uns canavais. Como plano máis lonxano, o colexio Sagrado Corazón e de plano medio elementos da macrodepuradora que a caicaxe pretende ampliar para centralizar os zurulhos de media provincia en Lourizán...e onde se non, cagonaputa? A tristemente célebre "depuradora". A nosa particular Cidade da Larafuza. Será melhor calar...Si, pero non sen antes facer unha visita á praza dos Praceres. Moito Tribunal Superior, moita sentenza firme pero os pasos a nivel seguen aí. E os responsables fóra da cadea...que?, oín ben?...quen dixo democracia?
Permítanme que vaia concluíndo. A PO 645 é unha vía terceiromundista; suxa, perigosa, degradada, inhumana á que non se lhe tocou en décadas malia estar utilizada a diario por varias industrias pesadas. Unha delas anda aireando un programa propagandístico ó que dá o pretencioso e rimbombante nome Plan Social de Pontevedra que consiste en repartir unhas cadelas, previo contrato, fotos e aturar perorata de Casal e trala publicación de supostos agradecementos. A esta "repanhota"acuden colectivos de pedichóns de todas as pelaxes e todas latitudes, os máis deles de recente invención. Casal é unha especie de rei midas repartindo graus (tiiitas, tiiitas...!) a unhas pitas que venhen de lonxe pois esta raza de paxaros pedigüenhos non existe en Pontevedra.
O que é celulosas non hai que deducilo dunhas fotos e un comentarios na internet. Para conhecer celulosas e a súa política basta ver o seu entorno que é o máis suxo e degradado da provincia, o mais ruinoso inmobiliariamente falando, sen saneamento, sen un mal parque, lonxa de marisco, sen servizos de ningún tipo. Deprimido e pespovoado. Nada que ver coa outra banda da ría. E esa estrada 546 pola que leva servíndose celulosas perante 60 anos e que verdadeiramente dá noxo.
O próximo está diante dun. Por iso se chama próximo. Non fai falta procuralo nas antípodas.