Marta Rodríguez Engroba
Vítimas de violencia de xénero. Somos seres humanos en perigo, non parte dun experimento
Xa non sei nin que pensar.
Non sei se é cuestión de teimosía, de xordeira e cegueira selectivas, sinxelamente burremia ou tal vez moitos intereses creados.
Penso que é algo de todo, malia que, no meu foro interno, estou convencida de que os últimos, os intereses, xogan un papel fundamental.
O caso é que, uns por outros, a nós, ás mulleres, ás nosas crianzas, nos seguen maltratando e asasinando sen que ninguén semlle facer nada por impedilo.
Nin sequera a derradeira vaga de crimes machistas, unha máis, por certo, malia que semelle que é algo novo que sorprendeu a todos, fixo que aqueles que teñen competencias se apearan da burra, con perdón, e admitiran dunha vez que o sistema non funciona, que axuda a que nos maten, que colabora para facelo.
A cuestión é que, claro, desde o goberno, algo hai que dicir, máis que nada porque urxe un lavado de imaxe e mesmo de conciencia, porque facer, o que é facer, con todo o meu respecto, o dubidaba e o dubido, cada vez máis. De novo, sorprendéronnos coas sisudas conclusións ás que chegaron as brillantes mentes pensantes que teñen as vidas das mulleres que están a sufrir a violencia machista e as das súas crianzas nas súas mans.
O mesmo dá que quedara máis que demostrado que o famoso VioGen, o test empregado para avaliar o grao de risco da muller maltratada, non soamente non funcionan senón que axuda a que nos maten, ademais e isto xa clama ao ceo, de obviar os menores.
O mesmo daba que a muller manifestar o seu pánico ante os resultados arroxados pola computadora, case sempre menores dos reais, e que repetira ata a saciedade que a súa vida, a dos seus fillos, estaba en grave perigo, que o seu verdugo ía ir a por eles.
O que dicía a maquiniña ía a misa, e se, como consecuencia disto, o desenlace era tráxico, minuto de silencio, pancarta, foto e a outra cousa.
De nada serviu tampouco que aquelas que traballamos directamente coas vítimas, que vivimos con elas o seu día a día, como é o caso de Si, hai saída, déramos a voz de alarma. Non se nos escoitou nin menos aínda se nos deu resposta, nin sequera por unha elemental cuestión de cortesía.
Agora, cando os crimes machistas alcanzaron cotas escandalosas, o goberno decidiu "tomar medidas" (a verdade é que, se non estivera a falar de algo tan tráxico, sería para escachar coa risa, porque isto semella un vodevil cómico, pero dos malos), e de novo sorprenden coas súas solucións máxicas que, unha vez máis se xestionarán, como non!, a golpe de computadora.
Dá igual a cantas mulleres e menores asasinen. Eles seguen erre que erre, polo que, como medida urxente, unha vez máis sacan da chisteira, oh, sorpresa!, un novo test, que vai avaliar, seica, o risco de asasinato machista, porque van ter a deferencia de pararse a considerar que, ao mellor, un maltratador pode chegar a matar así, de súpeto, sen pasar por un proceso progresivo de endurecemento do maltrato... e non se decataron ata agora!
Van ser, ademais, tan considerados, que pensan ter en conta as ameazas directas e explícitas de morte ou a proximidade dun divorcio ou dunha separación, entre outros factores, din, claves.
Que están, a rirse de nós?
Teñen a máis lixeira idea das mulleres que manifestan todo isto cando acoden a denunciar e ás que non se lles fai nin o máis mínimo caso ou mesmo se lles tacha de exaxeradas, cando non de histéricas?
E esta pregunta lánzolla principalmente á señora secretaria de Estado de Seguridade, Ana Botella, que ten a desfachatez de admitir que cuestións como preguntarlle á muller maltratada se teme pola súa vida ou pola dos seus fillos non se facían.
Non é que non se fixeran, Sra. Botella, é que por moito que a muller manifestar o seu terror e a súa certeza da traxedia que estaba por vir, non se lle escoitaba e segue sen facerse!
Precisaban evidencias, dicíanlle. O seu medo, a súa total e terrible seguridade de que o seu maltratador ía ir por elas, poida que polos seus fillos, non abondaba, polo tanto, non se lle podía protexer.
Pero, na miña opinión, todo isto, que xa é malo dabondo, non é o peor. O peor é que, e insisto no que dixen ao comezo, dá a sensación de que a nós, as vítimas, nos están empregando como material para levar a cabo experimentos, a ver se nunha destas, o burro toca a frauta por casualidade, e as estatísticas de mulleres e crianzas asasinadas diminúe, porque en realidade iso é o que importa, as estatísticas.
Se acaso, tras un discreto silencio temporal, se o "patinazo" cometido é demasiado escandaloso, se lle dá traslado a outra e a seguir cobrando de por vida!
E se non hai departamento, observatorio ou algo similar onde acoplar o persoal, a cuestión tampouco é un problema. Rapidamente créase, e todo arranxado.
O que non semellan ter en conta, a Sra. Botella nin ninguén do goberno, é a reclamación que reiteramos unha e outra vez e que ninguén escoita ou, mellor dito, quere escoitar:
- Afastar de todo canto teña que ver coa violencia de xénero, coa asistencia e axuda a vítimas a todo aquel persoal que carece de humanidade e da empatía máis elemental para levar a cabo tan sensible cometido.
Que deixen de taparnos a boca co argumento da súa esmeradísima formación, que seguramente terán, diso ninguén dubida, pero que non abonda, porque os sentimentos, o poñerse na pel de quen está a sufrir, non se aprende en ningún cursiño nin en ningunha facultade. Sinxelamente, se ten ou non. Así de claro.
A selección deste persoal non se pode seguir a facer, baixo ningún concepto, baseándose tan só en méritos profesionais ou académicos que, obviamente, non garanten a calidade humana, primordial, e que se está a deixar nun lugar secundario, cando non a obviala por completo.
Non abonda con que os políticos escoiten os seus "acólitos", nin tampouco aos seus adeptos, que saben que, probablemente, algo gañarán coa súa fidelidade, nin tampouco con colocalos nos postos "estratéxicos", como se fai unha e outra vez, e non abonda sinxelamente porque non coñecen a realidade das vítimas da violencia machista, nin, na maioría dos casos, teñen nin o máis mínimo interese en facelo.
Hai que rematar, e de xeito urxente, con este bucle letal de intereses, politiqueo e postureo que non deixa de custar vidas, e mentres isto non se faga, todo é inútil. Sinxela palabrería baleira.
E xa para rematar, de novo, no nome de tantas e tantas mulleres e das súas crianzas que están a vivir no inferno, de Si, hai saída e no meu propio, a nosa mensaxe ao goberno en xeral e á Sra. Botella en particular:
Deixen de experimentar con nós, coas nosas vidas, e cumpran coa súa obriga, protexernos; unha obriga, por certo, pola que son vostedes xenerosamente remunerados e que non están a cumprir nin de lonxe. E tan só lembrarlles algo que me dá alma que esquecen: a violencia de xénero chama a calquera porta e métese dentro en calquera momento, sen avisar e sen distincións. Ninguén está libre. Repito, ninguén.
Asociación Si, hai saída