Juan José Esperón
15 de Outubro, Día Internacional das Mulleres Rurais
Grazas ás mulleres do rural da parroquia de Cerponzons.
Neste día quero recoñecer publicamente a dura actividade que moitas mulleres do rural das nosas parroquias levan a cabo, neste caso vou referirme ás miñas veciñas de Cerponzons.
Todos sabemos que vivir no rural leva unha serie de inconvenientes que por xeneral non ten a cidadanía que vive no centro da cidade, a falta dunha serie de servizos indispensables hoxe en día fai que o rural vaia perdendo habitantes en beneficio da cidade, téñeno todo a man.
Doutra banda, tamén hai que recoñecer que o vivir no rural ten unhas vantaxes que son para min primordiais, unha destas vantaxes é o de ter un contacto máis directo e próximo coas nosas familias ( avós, pais, irmáns, sobriños etc.) e cos nosos veciños, este contacto tanto familiar como de veciñanza é en grao sumo importante no desenvolvemento da persoa, leva a ter moita máis relación de amizade e de compromiso entre todos, cousa que na cidade non ocorre practicamente, ás veces nin un coñece ao veciño de en fronte ou do lado do mesmo edificio onde vives.
E hoxe que se celebra esta efemérides quero resaltar o que veño observando desde hai moitísimos anos e que ás veces non nos paramos a valorar debidamente, dentro do mundo do rural sobresaen un grupo de mulleres que aínda tendo unhas obrigacións como son as de realizar un traballo profesional ou o de realizar as labores domésticas do día a día, de coidar dos seus fillos, dos seus maiores, realizando as tarefas do campo, ás veces en condicións moi duras, sen horarios nin vacacións, sen recoñecemento social nin laboral algún, teñen aínda tempo para colaborar nalgunha das asociacións que temos en Cerponzons.
Son un grupo de mulleres que aínda tendo todas esas obrigacións anteriormente citadas, aínda teñen horas para levar a cabo unha serie de actividades en beneficio da veciñanza, mulleres que a través das súas avoas, das súas nais, das súas veciñas... colleron o relevo e seguen unha tradición de anos en querer manter e ampliar unha serie de actividades que son parte das nosas vidas e da nosa cultura.
Desde hai moitos anos son moitísimas as mulleres que pasaron polas asociacións que existen na nosa parroquia, o seu labor foi e sigue sendo encomiable. Ao longo de tantos anos vimos como se foron implicando na realización de diversas actividades que tentan sexan do agrado dos seus asociados e veciños. Actividades como celebracións lúdico festivas, cursos de todo o que sexa de interese xeral, charlas, viaxes, clases de ximnasia etc. etc.
Outras se implican na realización das alfombras florais, outras integran o coro da Parroquia, tamén as que decoran con flores a Igrexa, ou as que en ocasións formaron parte das comisións de festas... sempre están ahí, colaborando cada unha no seu.
Por todo iso, con motivo desta celebración do Día da Muller Rural, quero resaltar o labor de todas estas veciñas e compañeiras, a miña máis sincera felicitación a todas estas mulleres que temos na nosa Parroquia de Cerponzons, a súa implicación en facer cousas polos demais é de halagar, aínda que ás veces hai veciños que non o ven así e son implacables nas críticas e pouco participativos en apoialas.
Grazas polo voso esforzo e dedicación.
JJ Esperon.
Secretario da Asociación de Veciños O Chedeiro de Cerponzons