Marta Rodríguez Engroba
Tamén para ser maltratadas hai clases
A pasada semana coñecimos a noticia de que cinco avogadas decidiran denunciar o xuíz que se fixo non hai moito lamentablemente coñecido por ter sido, por mor dun descuido, sorprendido insultando a unha vítima de violencia de xénero.
A priori, esta é unha boa nova da que todo o mundo se congratula.
Eu, que, como sempre digo, cada vez estou máis convencida de que caín neste mundo por pura casualidade, xa que, de non ser así, non sei como fago para ir case sempre en contra ou polo menos non concordando de todo coa maioría, non é que pense que esta nova é mala, faltaría máis, pero algo non me deixa alegrarme de todo.
Teño un "ruxe ruxe" dentro que non me permite acougar.
Estas letradas acusan ao xuiz, entre outras cousas, de humillar en moitas ocasións a algunhas das súas defendidas, de poñer en dúbida a versión dunha muller maltratada, malia ter aportado un parte de lesións, e negándolle, porén, a protección que solicitaba, de que elas mesmas saían chorando as veces da sala polo maltrato ao que as sometía, etc, etc, etc.
Obviamente, a vista de todo isto, semella que motivos para interpoñer a denuncia , sobran.
O que xa non me queda tan claro é a razón pola cal se estas incualificables actuacións hai tanto tempo que se viñan producindo, e non eran, ademais, ningún segredo, non dixeron nada, nin moito menos tomaron medida algunha ata agora, ainda sendo conscientes, supoño, do risco que isto podería implicar para a seguridade e mesmo as vidas de moitas mulleres vítimas de violencia de xénero.
Ninguén moveu nin un só dedo ata que, de súpeto, a muller afectada ou máis ben debería dicir maltratada por iste xuiz resulta ser famosa e con unha solvencia económica que lle permite contratar os servizos dunha avogada tamén coñecida, asídua dos platós, e que conta, entre os seus clientes, con unha nutrida representación do famoseo nacional.
Con todos o respecto do mundo hacia estas avogadas, e se erro, pido as máis humildes desculpas, sintoo, pero non podo deixar de ver un certo oportunismo nesta denuncia, por non dicir unha subida en toda regla ao carro da fama, ou, polo menos, da sona mediática.
Obviamente, denunciar o mal trato inflixido a mulleres anónimas ou a elas mesmas, non soamente non lles vai implicar fama, senón que vai ser unha fonte segura de problemas, e posiblemente, de plantexar unha denuncia, ésta non chegaría a ningures.
As consecuencias, ademais, non serían, case con toda seguridade, positivas para elas, e o corporativismo faría acto de presenza.
Pola contra, elevar as súas voces agora, cando o apoio mediático está máis que garantido, xa que tanto a vítima como a letrada que a representa son persoas coñecidas, ademais de reforzar a denuncia da primeira, lles vai dar unha publicidade que de ningún xeito acadarían loitando por mulleres anónimas.
Non me parece mal que busquen apoio e reforzo. E lóxico. Ninguén quere xogar co seu pan.
Agora ben, sacar a luz o que elas mesmas estiveron tapando durante tanto tempo, polo que non soamente, según manifestan, se viron afectadas, se non que, lles guste ou non e lle chamen como lle chamen, do que foron cómplices calando, poñendo ademais en risco a vida de máis dunha muller que tivo que engadir a súa desgraza a de topar con iste individuo que se fai chamar xuiz, pero que é, a todas luces, un descrédito e un cancro para a xudicatura, non as fai moito mellor que el.
Agora todas gañan, ademais da vítima, naturalmente.
A súa letrada, que será moi boa, seguramente, pero que é toda unha virtuosa no manexo dos medios de comunicación, e, por suposto, as súas compañeiras de profesión que decidiron romper un mutismo cómplice, que xustificarán, probablemente, co medo a ser perxudicadas profesionalmente, pero que non ten escusa.
Elas están para defender as mulleres vítimas da violencia de xénero, non para contribuir a maltratalas.
O resumo de todo isto?.
Pois é, nin máis nin menos, que mesmo na condición de muller maltratada hai clases.
Moitas delas son maltratadas, non vou dicir cada día, porque quero crer que non é así, pero sí a miudo cando acuden a pedir axuda a xustiza, pero ninguén lles da voz, ninguén as apoia.
Pola contra, dáselles as costas e secúndase o silencio cómplice de quen non quere ver nin saber. Problemas os xustos.
Outra cousa é cando hai espectáculo polo medio, e posibilidades de acaparar micrófonos, cámaras ou platós. Nese caso, o valor e a "concienciación" xurden como por arte de maxia e a empatía rezuma por todos os poros.
Que vergoña!.
Xa sabedes, mulleres que estades a ser maltratadas. Non pretendades unha axuda que non se vos vai a brindar se sodes sinxelamente iso, mulleres maltratadas, descoñecidas, como somos a maioría, e que a nosa defensa non implica un chanzo hacia a popularidade ou, polo menos, unha certa notoriedade.
Nesta sociedade nosa, ninguén semella dar nin facer nada se o beneficio non está garantido, e axudar sen obter a cambio, ademais de, coma neste caso, a pertinente remuneración, claro está, nada máis que a satisfacción de axudar a quen está a vivir un inferno, nin é "chollo", nin proporciona fama.
Non interesa.
Asociación Si, hai saída