Pedro J. Peón Estévez
Filhos de Caín
Xosé Peón Peón lamentaba non ter un oficio que lhe avivara os miolos. Consideraba que o que facía era moi sinxelo. Era o mesmo que fixeran o seu pai, o pai do seu pai, o avó do seu avó...perante toda a súa vida. Nunca foi consciente de ser
astrónomo,
xeólogo,
botánico,
meteorólogo,
ecólogo,
veterinario,
desenhador,
agrónomo,
Era labrego
(Cosechas, Gustavo Duch)
Moito antes de as palabras estar de moda, el xa recolhía, reciclaba e reutilizaba. Foi ecoloxista sen sabelo.
E coma tódo-los seus paisanos, tamén era un pouco ferreiro, algo carpinteiro, canteiro e mencinheiro ocasional. Iso era supervivencia e non o que fan eses tarados da telebroza.
Temén exerceu de mestre sen soldada. E poeta, e dramaturgo. Mais nunca deixou de ser camponés.
Tocoulhe cargar coa maldición de Caín. Ademais de co pecado orixinal.
A súa filha Pepa vendía en Pontevedra as legumes que cultivaba en familia e ese era todo o seu sustento. Fórona empurrando, empurrando de vagar cara ó Lérez pero morreulhes antes de cruzalo.
Marugha, a súa nora, trabalhou a terra desde que aprendeu a andar ata que morreu. Vendía na praza de Marín as hortalizas que criaba e que voltaban á casa en forma de peixe, froita ou, contadas veces, carne. Na praza de Marín aínda vende a xente do rural.
A filha de Carme pagou os estudos de Dereito arrincando ameixa e berbericho da praia na companha da súa nai e baixo o sol, chuvia, xeada, vento e contaminantes diversos. Nada lhe debe ó "motor de Pontevedra"...minto, si: a conxuntivite.
En días de semana, desde a minha fiestra vexo na outra banda do Lérez, acolá confinados naquel Trastévere, que chova, que vente, que neve, os labregos coas froitas e verduras. Son campesinhos ó pé da súa eterna valedora Rosalía. Que pecado cometeron para ficaren así arredados alén do río? Ningún. É a maldición de Caín.
Disque lhe fan competencia ( legal ) ó comercio establecido.
Os sábados tamén arman o mercadinho nese afastado lugar os feirantes que non sei nin como sobreviven naquel páramo. Eses tamén compiten ( legalmente ). Imaxinan a que se montaría en Padrón se lhe desplazaran o seu grande mercado dos domingos para a outra banda do Sar?
Os mercados ben levados, lonxe de restar ingresos ó comercio local, son unha fonte de recursos engadida, e se non véxase Padrón onde, de xeito colateral, se benefician tanto o comercio local como a hostelaría. No vecinho Portugal non hai vila grande nin pequena que non celebre un gran mercado ( Vila Nova da Cerveira, Valença, Caminha, Barcelos, Viana etc.)
A pouco que tiremos da memoria atopamos que Pontevedra, na guerra civil e na posguerra, sobreviviu grazas ó aporte alimentario chegado do seu extrarradio tras pagar os arbitrios ( especie de aduana interna que recadaba o imposto revolucionario franquista; un método como tantos para enriquecerse a costa da fame do povo ) Que pasaría hoxe que xa non existe ese cinto agrícola arredor das vilas?
As cidades non paran de medrar de xeito irresponsable. O urbanismo moderno non conleva a pertinente seguridade da povoación. Constrúense refuxios, vias de evacuación, alternativas enerxéticas, sanitarias, alimentarias? Non. As cidades e vilas dependen dun subministro diario a través das infraestructuras. Na guerra moderna basta anular esas arterias de aprovisionamento diario para que se produza o caos. E eso consíguese cunha ducia de mísiles de precisión guiados por GPS, drons ou calquera outro inxenio voante non tripulado. Calquera defensa é inútil. Sobran infantes, artilheiros, blindados, barcos... e mesmo avións. E axinha aparecerá a fame negra. E a solución non serán os poucos - moito ( grandes superficies, hipermercados ). A solución virá da man dos moitos - pouco ( productores autónomos, pequenas tendas, diversidade ). Cando venhen mal dadas, isto é o que funciona. A cooperación de preto. O amparo de moita xente pequena, que diría Duch.
Pontevedra, de xeito irracional, sempre tendeu a sobreprotexer a área de intramuros. Moitos pontevedreses aínda levan as muralhas impresas no subconsciente e non se queren decatar de que a vila medieval cos seus privilexios desapareceu hai séculos e que, se ben, o seu actual modelo de cidade e aprezado e admirado no mundo, o rural segue a estar deixado da man de tódo-los deuses e as súas xentes considerados cidadáns de segunda, mais o rural é un ben en si, un activo. A verdadeira muralha defensiva da cidade. Son moitos os que aínda coidan que alén dun quilómetro de radio en torno á Peregrina non hai máis mundo. Pois si; hai vida. E vida intelixente por suposto.
Sexa como for os camponeses, pese a ser o sector primario vital para toda sociedade, sempre foron explotados e pouco tidos en consideración en tódo-los tempos e países. É algo que non ten moita explicación, cando menos, lóxica. A non ser que este estado de cousas proceda dalgunha maldición bíblica, ou cousa así.
Eu tenho lido ben no Antigo Testamento, cecais sen demasiada devoción pero si con moito respecto e interés como excelente libro de contos que é. Nel dise que Caín -o labrego- trabalhaba arreo de sol a sol para arrincarlhe ó enxoito chan algúns froitos con grande esforzo pois había xa tempo que os seus pais foran desterrados do fecundo paraíso terreal, entanto o seu irman Abel -o pastor- controlaba unha rebenhada de ovelhas deitado á sombra e tocando o pífano. Cada un deles ofrecíalhe a Jehová o producto do seu trabalho en sacrificio sendo o de Caín sistemáticamente desprezado. De nada lhe valía trabalhar arreo coma un xovenco, "decote fozando na codia terrestre", o Altísimo pasaba olimpicamente del. Sen embargo os presentes de Abel sempre eran celebrados con todo tipo de louvanzas e aleluias. Nin que dicir ten que este inxusto proceder, día tras día e ano tras ano, acabou por incharlhe o escroto a Caín ata que un día rebentou e abriulhe a cachola ó Abel coa queixada dun burro, como calquera que se vise no caso. Seica só quería escarmentalo pero fóiselhe a man e...O caso foi que Caín andou errante e sen acougo polo mundo como castigo do seu crime e el e os seus descendentes -que culpa terían- maldicidos por toda a eternidade. E así é como aínda hoxe os labregos están considerados o derradeiro chanzo da sociedad como se un sistema universal de castas os declarase parias a perpetuidade " Se ch'é isto xustiza, que o demo me leve", M. Curros.
E imos xa rematando. Poderíamosnos extender un chisco máis pero non paga a pena. Quen quixo entender, xa entendeu e o que non quixo, non o fará nin el mil anos pero antes permítanme botar man, unha vez máis, do bo de Gustavo Duch nunha das súas glosas que vén que nin pintada. Vai:
Dereito de cidade: A obriga de privar ós territorios rurais de autonomía e seren considerados en termos xurídicos como "polígonos de aprovisionamento de alimentos e recintos de verquido" garantindo dereitos innatos e inalienables dos habitantes das cidades, como o consumismo ou a despreocupación.
E se non é moito abusar da vosa pacencia, quixera meter estoutra que, aínda que non vaia moito con este contexto, faime moita ilusión
Dereito de contaminación: O dereito por natureza do ser humano á agresión contina da Natureza xa sexa por mar, terra ou aire, si a súa xustificación é a criación de riquezas. Para respectalo, as leis da Natureza, as estacións do ano e as paisaxes, quedan derogadas.
A mandar.