Manuel Pérez Lourido
Cousas que di Casado
Hai uns días Pablo Casado chamoulle golpista a Pedro Sánchez. Foi o seu paso do Rubicón, a súa forma de dicir "aquí estou eu" e ao mesmo tempo "aquí estamos nós" polo que significaba tamén cara ás súas hostes. E non dixo iso tanto para cabrear a Sánchez, no que amosou total eficacia, senón para que escoitasen ben Ciudadanos, dende dentro do hemiciclo, e Vox, dende fóra. Foi un xeito de dicir "a dereita somos nós". Foi tamén un xeito de dicir "a extrema dereita tamén somos nós". Non hai moito, o Partido Popular ocupaba todo o espectro que estaba a estribor do PSOE, eran os donos dun amplo territorio polo que agora tamén pelexan Ciudadanos e Vox. Agora hai unha loita inédita por un espazo político que antes non tiña discusión.
En canto a Pablo Casado, medrou politicamente aos peitos de José María Aznar. É unha imaxe noxenta, pero por iso. Canto aprendeu de Aznar, non sabemos. O ex-presidente do goberno foi un manual do que debe facer un político de dereitas e tamén un catálogo do que non debe facer un político. O que si queda claro é que Pablo Casado non vai ser como Rajoy, un home sen atributos, alguén que por un lado xa sabes e por outro que queres que che diga. Non. Casado o primeiro que fixo foi sacar a Aznar do almacén e poñelo no escaparate. Quere que se lle relacione coa etapa mais exitosa do PP aínda que sexa tamén a máis corrupta. Ben sabe el onde ten que rabuñar os votos. Somos o PP, ven dicir Casado, non esa cousa morna que se deixa ir ata perder o poder nunha moción de censura.
Hai argumentos (inmigración, Cataluña, reforma laboral...) que a nova dereita quere aproveitar para cargar as tintas axitando os medos. O que fai Casado é axitalos aínda máis. Por iso non quere negociar nada en Cataluña, por iso lle chama golpista a quen o fai.
Casado leva un bigote invisible cando sube a berrar que el vai ser a dereita que ven. Inspírase nun bigote, é a sublimación dun bigote. Ten aspecto de camareiro pero por dentro lle pesan todos os quilómetros percorridos cando traballaba con Aznar cóbado con cóbado. Ninguén sae indemne diso.