José Freire
Policía, sindicalismo e sociedade
Os que levamos tantos anos no sindicalismo policial sabemos o que tivemos que loitar para trocar aquela policía franquista nunha policía civil ao servizo do pobo e cuxos membros foxen tratados como traballadores da seguridade pública, cunhas certas particularidades, pero cos mesmos dereitos que calquera outro traballador.
Pero non imos enganarnos. Todo este traballo e todos estes esforzos da loita sindical non nos poden conducir á euforia nin ao conformismo e non evitan que esteamos a atravesar, eu así créoo, a peor etapa da recente historia do Corpo Nacional de Policía, en semellanza co País.
O retroceso en materia de dereitos civís, sociais e laborais en que estamos inmersos, tamén nos afecta aos policías e ao exercicio da actividade sindical, que non é outra cousa que unha ferramenta en defensa dos nosos dereitos laborais, profesionais e salariais. Póñeno en evidencia as múltiples actuacións e denuncias para intentar que non poidamos exercer o dereito á crítica, o que nos debe facer perseverar na defensa da liberdade de expresión como ferramenta da actividade sindical.
Non sabemos como vai rematar toda esta situación do estado do benestar. E o que é moi importante, nin do papel que nos corresponderá como forza de seguridade do Estado, nin da situación en que se atopará o colectivo policial, e os seus sindicatos, cando este cambio de era, esta depresión grave que atravesamos en tódalas ordes, político, económico, social, de identidade nacional e estrutura do Estado, remate. Pode que nada sexa igual como no pasado.
Non cabe dúbida que iso vai supoñer acometer os cambios estruturais necesarios para abordar os próximos anos.
E esta misión, dende o ámbito sindical policial, compételles aos novos policías e aos novos representantes, o zume novo. Pero non nos enganemos, vai resultar difícil. E non teño a menor dúbida que moitos dos atrancos van vir dende o propio estamento policial e dalgunhas organizacións sindicais.
O sindicalismo policial está para defender aos seus afiliados e prestarlles os mellores servizos, e á propia Institución como servizo público de seguridade.
Pero coido que debemos ir máis alá. Debe ser un sindicalismo valente, que combata todo tipo de delito e moi especialmente a corrupción. Profesionalmente estamos preparados para facelo e creo que paga a pena.
Os policías deben exercer a súa profesión con independencia política e poñendo en práctica os principios básicos de actuación que figuran na Lei Orgánica de Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, así como garantindo a protección e defensa dos dereitos humanos, de conformidade coa Constitución Española e as resolucións do Consello de Europa e as Nacións Unidas.
Pasamos daquel Sindicalismo clandestino que defendeu unha policía civil e ao servizo do pobo, polo de cidadáns seguros e policías con dereitos, ao sindicato de policías decentes e independentes que combaten sen tregua a corrupción e aos corruptos, porque somos un elemento esencial no estado de dereito e, xunto coa xudicatura, os que podemos traballar para atacar o cancro que padece esta sociedade que, dada a evolución dos acontecementos, vai camiño da auto- destrución.
Iso non será doado, tampouco nos foi a algúns loitar por converter unha policía militar nunha policía civil e con dereitos. Haberá que sortear moitos obstáculos.
Non hai que esquecer que, se achamos camiño sen obstáculos, o máis probable é que nos leve a ningunha parte.
Dicía Henry Ford que os obstáculos son esas cousas espantosas que ves cando afastas os ollos da túa meta.
Teñamos sempre a vista posta nesa meta xa que, pola contra, fracasaremos e volveremos á escura noite de pedra.
28.04.2013