Marta Rodríguez Engroba
As cousas polo seu nome. Ao pan, pan; e ao negocio, negocio
Vou comezar este artigo apelando, tal como fixen cando aconteceu o que vou relatar, ao refraneiro, ese refraneiro que xa en moitas ocasións dixen que é moi sabio, e que sentenza, entre outras cousas que "non ofende quen quere, se non quen pode". Unha gran verdade, sen dúbida, e que co paso dos anos e o que a vida me vai ensinando, a teño cada vez máis presente.
Ainda así, as veces, escoitando certas cousas, non podo evitar que a carraxe faga acto de presenza e me faga ter desexos de contestar o que se me ven a mente, que tal vez se gañe a pulso quen provoca esa carraxe, pero que case nunca paga a pena. Sinxelamente non o merece.
Isto é o que me sucedeu hai poucos días.
Atopeime por casualidade na rúa con unha muller coñecida, que ten a gala autodefinirse como activista e dí defender prácticamente toda canta causa se nos poida vir a mente. E cando digo "di defender" é porque hai xa tempo que me decatei de que diso, de defender, ou polo menos de tentalo, máis ben pouco, agás de boca para fora, pero o que si ten é unha extraordinaria habilidade para facerse ver en canta concentración, acto ou evento con sona se organiza e nos que a foto está garantida. Critica con saña un sistema que di despreciar, pero do que non ten reparo algún en vivir, o que lle permite esa "omnipresencia" da que fai gala, xa que ningunha obriga lle rouba o tempo, e da que presume dicindo que se dedica en corpo e alma a tarefas altruistas… En fin.
Malia que tentei limitarme a saudala, por pura educación, todo hai que dicilo, e seguir o meu camiño, non puido ser.
Era obvio que tiña gañas de conversa, e interceptándome o paso, comezou felicitándome "sinceramente" por unhas xornadas que había tan só unhos días celebrara Si, hai saída, para continuar dicíndome o apurada que eu andaba sempre (de non ser por ela non me tería decatado!), que semellaba non ter nin un minuto libre, isto sempre referíndose a Si, hai saída e a miña actividade en violencia de xénero, para, finalmente, soltar a bomba, a frase lapidaria, "Claro, tamén estarás enchendo ben o peto!".
Os que me coñecen non precisan que lles explique o que me subiu polo corpo, pero, como, afortunadamente, xa o dicía ao comezo, a vida foi ensinándome a templar con quen non é digno nin dunha mala contestación, optei por un irónico, "Muller, non hai máis que verme. Cada día estou máis fermosa… como che pasa a ti!" e dín a conversa por rematada.
O que non conseguín dar por rematado foi o desacougo que me provocou ese comentario, por dúas razóns.
A primeira, que o colmo dos colmos é que me diga tal cousa quen vive de poñer o cazo sen dar pao a auga e chamándolle altruismo a desvergoña máis absoluta.
A segunda, e para min máis preocupante, é que, por desgraza, nin é esta señora a única que cre tal cousa, nin o que dixo é algo que non ocorra no eido do activismo, e por suposto, a violencia de xénero non escapa a isto.
Cando Si, hai saída arrancou, o certo é que me chamaba moito a atención que a xente se sorprendera tanto cando manifestábamos que nos íamos traballar de xeito totalmente desinteresado, e que mesmo algúns o puxeran en dúbida. Non entendía nada!. Que tiña de raro?. Non é o natural cando o propósito real é axudar e tes a fortuna de rodearte de xente co mesmo obxectivo?.
Mira que era coitadiña, por non dicir parva perdida!. Ao meus anos!.
Tampouco era quen de entender o recelo co que certos colectivos nos ollaban, principalmente algún que dicía dedicarse ao mesmo que nos. Semellaba que lles molestaba o noso traballo, cando o único que pretendíamos era axudar. O mesmo pasaba con certas institucións… E nos na parra!.
Ata que fumos vendo que o que pasaba era que, efectivamente, non soamente eu, se non todo o equipo, eramos parvas. Non nos decatáramos de que o que sucedía era, sinxelamente, que toda esa xente que non vía con bos ollos a nosa labor, atopara nunha causa, nunha lacra, tan dolorosa e desgarradora como a violencia de xénero, un auténtico chollo.
Con unhas hábiles tácticas, dignas de calquera experto en márketing e en relacións públicas, son auténticos virtuosos... e virtuosas, en ir achegándose a quen lles pode procurar beneficios, en deixarse ver ao seu carón, en repetir unha e outra vez as súas teorías , din que feministas, e que o feminismo, ao que teño un gran respecto, lles perdoe, coma se foran mantras,e, o máis importante, en acceder a canta subvención ou "agasallo" de calquera outra clase sexa posible (o que non sería malo, conste, se realmente traballaran non que din defender e mesmo abandeirar), algo que case sempre teñen moi doado, porque isto é un toma e daca, no que favores e política se dan a man e non se soltan.
Non é de estrañar, por tanto, que algunha xente, non pouca, crea que todos somos iguais e non nos otorgue nin o beneficio da dúbida cando lles dicimos que en Si, hai saída non percibimos nin un so céntimo é que non lle cobramos a ninguén. Que mesmo ás veces nos custa cartos, como cando é preciso desplazarse fora da nosa cidade, xa que os gastos corren da nosa conta e que todas e cada unha de nos vivimos dos nosos respectivos traballos.
Que triste é que exista quen non dubide en sacar proveito e vivir a costa da dor allea e que mágoa que haxa tamén quen nos mida a todos polo mesmo raseiro!.
Co tempo vou aterrando na realidade, decatándome de que non todo é o que semella ser, e que aquelo ao que se chama implicación non é as veces máis que pura avaricia e descarado interés.
O que non deixo de preguntarme, por moito tempo que pase, é por que esta clase de personaxes son tan cobardes e non son quen de chamarlle as cousas polo seu nome. Ao pan, pan, e ao negocio, negocio. Nin máis, nin menos.
Asociación Si, hai saída