Nos últimos días tivemos coñecemento de que o pasado 28 de outubro unha caminata organizada polo Concello de Poio, co nome de "Ruta da Ría", atravesou terreos e sendas titularidade da Comunidade de Montes Vecñais en Man Común de San Xoán de Poio.
Segundo informacións aparecidas na prensa e testemuñas de comuneiros, a caminata coincidiu con actividades do Tecor Societario de San Xoán programadas con antelación para ese día e, aparentemente, puido ocasionarse un problema de seguridade.
A directiva da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Xoán de Poio quere aclarar que non recibiu comunicación previa algunha, por parte da organización da caminata, nin peticións de información ou solicitudes de permisos para celebrar esta actividade en terreo comunal.
A CMVMC de San Xoán de Poio, como titular dos terreos e potencial responsable civil de calquera incidente que poida suceder nos mesmos, ten o dereito e a obriga de coñecer calquera actividade organizada no seu ámbito de actuación, e pode outorgar ou denegar autorizacións para esas actividades, da forma máis convinte para protexer o patrimonio da comunidade, os intereses dos comuneiros e os dereitos e a seguridade dos usuarios do Monte.
A Comunidade colabora con administracións, colectivos e particulares na organización de eventos deportivos, culturais, ambientais e outros, tanto no local comunal na Seca, como en actividades ao aire libre nos terreos e sendas propiedade da Comunidade de Montes, preservando e garantindo en todo momento os intereses dos comuneiros, o bo uso do monte e a seguridade dos participantes. Boa mostra delo é a Área Recreativa do Monte Castrove, que serviu durante moito tempo de lugar de lecer para milleiros de familias da comarca, e na que actualmente se está traballando para volver a poñela a disposición de todos, veciños e non veciños, comuneiros e non comuneiros que desexen desfrutar dela.
Ademais, e entre outras moitas actividades, froito desa colaboración, o 17 de xuño deste ano a Comunidade de Montes colaborou na organización da IV Mini BTT do Concello de Poio, unha proba ciclista de ámbito galego en terreos comunais no monte do Castro, xunto ao Concello de Poio, o Club Ciclismo de Poio e as autoridades Federativas deste deporte. A iniciativa da directiva e membros da CMVMC de San Xoán foron fundamentais para que se puidese celebrar dito evento, que resultou nun indiscutible éxito deportivo e de imaxe para o noso municipio. O compromiso da comunidade co deporte e a difusión dos valores do monte é indudable.
Esta mesma actitude de colaboración mantense co Tecor Societario San Xoán de Poio, tendo cedidos os dereitos cinexéticos a tal fin, Tecor no que que se inclúe un porcentaxe alto de comuneiros, e que organizan as súas actividades suxeitos á lexislación e ás autorizacións e permisos correspondentes establecidos polas administracións.
A Comunidade de Montes ten a obriga de velar polos intereses dos comuneiros e pola preservación e bo uso dos terreos comunais. Para este fin é necesaria unha comunicación efectiva e unha colaboración leal coas administracións e con todos aqueles individuos e colectivos con intereses no monte.
Por ese motivo, esperamos que de agora en adiante o Concello de Poio e calquera outra administración ou colectivo interesado en organizar actividades en terreo comunal o comunique coa suficiente antelación para evitar situacións desafortunadas como a acontecida o 28 de outubro.