Marta Rodríguez Engroba
Xureime que non me ía volver pasar
Xureime a min mesma que non me ía volver pasar. Que este ano sería diferente e que tentaría ver as cousas coa perspectiva que merecen, sen que me afectasen, porque moitas veces, máis das que pensamos, teñen a importancia que queremos darlles, e nos mesmos, sen querer contribuimos en ocasións a engordalas, pero teño que confesar que fracasei estrepitosamente.
Faltei ao meu xuramento de xeito flagrante. De novo sinto que algo se me está a romper por dentro, e gustaríame ter a potestade de poder empurrar os días para que esta semana rematase xa, ou, polo menos, de poder abstraerme a ela e a todo o que conleva.
Estou a referirme a todo o desplegue de actos, eventos e demais saraos que nesta semana, con motivo do día da eliminación da violencia contra a muller , e con todo o respecto o digo, de verdade, porque malia que hai actos que se organizan de todo corazón e coa finalidade que sería de desexar, visibilizar e rexeitar a violencia de xénero, outros non merecen outra denominación que non sexa a que acabo de darlles, auténticos saraos, destinados básica e primordialmente, ao lucemento daqueles e daquelas que, desprezando e ignorando olímpicamente durante todo o ano esta pandemia, porque penso que a estas alturas xa se lle pode cualificar de tal, que arrasa coas vidas de mulleres e nenos, aproveitan estes días para facer a súa particular campaña mediática e deixarse ver onde e con quen convén, subíndose, sen o máis mínimo pudor, ao carro da dor… que máis ten, o caso e que se lles vexa e facerse notar!.
Lamentablemente, isto xa é algo normalizado, e non soamente semella non escandalizar a ninguén, se non que cada vez máis xente se apunta a "festa", polo que, en Si, hai saída non podemos evitar que nos pregunten que imos facer con motivo do vintecinco de Novembro ou tamén, con xesto de reproche, "Pero non ides facer nada?".
Pois ben, para que todo o mundo que semella ter ese ruxe ruxe que os preocupa sobre a nosa "falta de implicación" nunha data tan sinalada, imos despexarlles a dúbida.
Por suposto que desde Si, hai saída imos facer algo!.
O vintecinco de Novembro imos, como cada día do ano, a traballar, a acompañar e a estar coas mulleres que nos precisan. Especialmente este ano, no que é Domingo, e o intercambio de menores, e todas as incidencias en xeral que implica a fin de semana, nos obrigan a prestar unha maior atención e a estar dispoñibles. Porque, malia que alguien poida pensar o contrario, as fins de semana, son, para nos, días de especial actividade.
Respectamos a quen celebre este día doutro xeito, por suposto que si, e non censuramos, malia que alguien poida pensar o contrario, as manifestacións, as concentracións ou calquera outro acto. Tampouco somos quen para facelo. Nin somos tan soberbias, nin cremos estar, a diferencia doutros, na posesión da verdade.
O que rexeitamos profundamente e, por suposto, non imos contribuir a fomentar coa nosa presenza, é o descaro de quen, ignorando durante todo o ano o desgarro, a dor e o día a día ateigado de problemas, de medos, de atrancos, das vítimas de violencia de xénero, non dubida en utilizalos para o seu impúdico e inmoral lucemento persoal.
Non lles interesa o traballo diario. Tampouco coñecer unha realidade que é infinitamente máis cómodo ignorar. Se acaso, cando a ocasión o require, como ocorre nesta data, van collendo, ou, mellor dito, copiando cousas daquí e dalá, que son empregadas como consignas da súa propiedade.
Total, trátase de lucirse. O día vinteseis xa terá pasado todo e non paga a pena matarse cando se poden exhibir, porque se lle pode chamar doutro xeito, pero iso é o que fan, exhibirse, sen molestarse máis que en despregar a pancarta, asegurarse de coller a primeira fila para ser vistas, e berrar, berrar moito, para que ninguén deixe de decatarse da súa presenza.
Sintoo, de verdade, pero algo se me quebra por dentro.
E conste que agora mesmo non está a falar a presidenta dun colectivo. Agora está a falar a muller, unha muller que viviu na súa pel a violencia de xénero, unha muller que temeu pola súa vida, pola vida do seu fillo, e que non se sinte, como moitas, a inmensa maioría das mulleres que se achegan a nos, en absoluto representadas por quen nos vende intereses, egocentrismo e mesmo caza de votos disfrazados de implicación e de preocupación polas nosas vidas.
Eso non é implicación, eso é fariseísmo.
O 25N pasará, pero a violencia de xénero ficará, con historias dolorosas, tráxicas, algunhas con un final irreparable, pero a "implicación" a "empatía" de quen so se move para acadar os seus fins, volverá a gardarse ata que se achegue a vindeira data ou ocasión sinalada, posiblemente o oito de Marzo, se un novo asesinato machista non lles brinda antes a ocasión de exhibirse de novo.
Tentei evitar que me afectara. De novo fracasei.
Asociación Si, hai saída