Pedro J. Peón Estévez
Máis de troles (epílogo)
Trolebús: O transporte do futuro que se quedou no pasado.
A frase non é minha pero sintetiza todo canto eu quero dicir encol dos troles. Lina no blogue Duraderos / Cadena Cuatro encabezando un feixe de boa información arredor destes singulares vehículos; historia, técnica, actualidade...A minha primeira intención fora dar conta dunhas poucas impresións e vivencias persoais nos troles de Pontevedra, a mítica TEP. Pero, a medida que afondaba no tema, funme apaixoando de vez e, desde entón, paso moito tempo pechado lendo ducias de artigos e comentarios e visionando miles de fotos e vídeos que me están a deparar moitas e gratas sorpresas e permítanme compartir algunhas con vostedes no presente -e espero que último- escrito sobre este tema
Todo isto coincidiu co anuncio do apagón do motor de explosión nos transportes por parte do governo e iso fixo xurdir un sinfín de surrealistas, erradas e airadas opinións pondo unha vez máis ó descuberto que tamén aí chegamos mal, tarde e arrastro; nin estudamos a lección nin abrimos o debate que noutros países moi próximos leva anos en marcha. Nin investigamos nada ao respecto pois, un governo tras outro levan lustros mirándose o embigo encantados de se ter conhecido e agora, que non queda outra que evitar no posible a emisión de gases á atmosfera, é cando se bota en falta a investigación, o tan traído e levado I+D ese que, mesmo sendo simbólico, Rajoi recortou de xeito brutal. Mentres tanto, os nosos investigadores que emigren como levan séculos facendo. Aqui somos máis do "Que inventen ellos!" e, se chove, deixa chover. O motor de explosión ten os días contados e non por capricho. É unha cuestión de supervivencia e boa parte da solución está nese " invento do futuro que ( moitos ) destruíron no pasado".
Como alternativa ó motor de explosión tense pensado no hidróxeno. Transportes Metropolitanos de Barcelona ensaiou un prototipo de autocarro impulsado por electricidade obtida po "pilas de enerxía" a partir do hidróxeno. Disque foi desbotado porque "salpicaba" de auga ós que circulaban tras del ( a única emisión a atmosfera dun motor de hidróxeno con pilas de enerxía é tan só vapor de auga ). Eu non creo que esa fose a causa para rexeitar un autocarro de contaminación cero. Máis ben sería porque a súa tecnoloxía, mantemento e avarías tenhen un alto custe, así como a obtención do hidróxeno e a fabricación de pilas de enerxía que, ademais, son procesos moi contaminantes. Claro que o que a maioría pretende é sacar a polución de dentro das cidades, o demais pouco importa. Mal imos se así pensamos. De tódolos xeitos, non deixa de ser unha boa alternativa malia quedaren moitos incomenentes que solventar. Pero para iso se investiga.
O chamado Tren-Tran tamén aporta algunhas vantaxes ó transporte urbán e "cercanías" por tratarse dun híbrido de tren e tranvía adaptado para circular polos dous sistemas indistintamente. De calquera maneira aínda lhe quedan algúns defectos por pulir como o feito de precisar unhas vías e unha catenaria que foron causa ou desculpa para erradicar troles e tranvías de moitas vilas do planeta ( Pontevedra incluída ). Aparte da súa propensión ós accidentes. Parece que esa vía de 1 metro de ancho adoece de falta de sustentación.
Pero volvamos ó trole que é o que nos ocupa. As mais dimámicas vilas do planeta disponhen arestora de infinidade de linhas de modernos trolebuses. Unidades de dous e tres corpos articulados,rápidas e silenciosas, aerodinámicas e diáfanas xa pouco tenhen que ver cos antigos troles de Lérez e Marín. Na capital bielorrusa -Minsk- o trole é o transporte público por excelencia. Alá circulan diversos modelos de trolebuses que semelhan auténticas naves espaciais. En Coímbra existen hogano troles circulando por una única linha, aínda que, de xeito pintoresco e testemunhal. Pero están aí. Son un activo máis, unha atractiva fonte de ingresos da moi fermosa vila portuguesa. Cidades coma Porto ou Lisboa conservan os seus tranvías como orgulho nacional e, ó mesmo tempo, como medio de transporte ecolóxico contribuíndo a facer as cidades limpas, habitables, ceibes da lacra da polución que reduciu perigosamente a calidade de vida nas grandes urbes. En Wellington, capital de Nova Zelanda, unha flota de modernísimos trolebuses amarelos ocúpase do transporte urbano e perto de alí, todas as grandes cidades australianas disponhen de trolebuses. Nun artigo anterior xa apuntamos que a duración dun trolebús chega a triplicar a dun autocarro de motor diésel. En Valparaíso ( Chile ) circula o trole máis velho do mundo con 71 anos ás costas... é case da quinta dos nosos "chineses" Leyland do 43 !!!...e mesmo existen outros máis velhos pero o 814 é o único que segue rodando no seu estado orixinal. Forma parte dos veteranos da serie 800 e trátase dun Pullman-Standard de orixe estadounidense. Foi declarado merecidamente Monumento Nacional de Chile. E alá segue prestando servizo.
En 2017, a cidade suíza de Zurich testou, sen viaxeiros perante un ano, un avangardista modelo de trolebús inteiramente suízo. Aquela xente non só investiga, senón que patenta, constrúe e vende. O proxecto leva por nome Swiss Trolley Plus e arestora xa circula con pasaxe. Trátese dun trole de dous corpos articulados e pesa unha tonelada menos que os seus predecesores, o que lhe permite cargar cunha grande batería de altas prestacións que lhe proporciona unha autonomía de ata 30 quilómetros sen tocar catenaria. Dispón da tecnoloxía máis vangardista que un poida imaxinar. Os seus motores son de baixo consumo pois gastan o mesmo que de calefacción no inverno e aire acondicionado no verán. Sería bo que os nosos prohomes lhe botaran on olho a estas cousas, pero se cadra é moito pedir. Élhes máis cómodo tumbarse nas palhas ranhando no escroto e agardando polo que diga "el primo químico". O dito: " Que inventen eles! " Que os pringadinhos dos suízos se maten a discurrir que despois xa lhes mercaremos o invento por un pastón..." Será por dinero?" " Pagha o povo que para iso nos votou "
Poderíamos falar de troles indefinidamente pero mellor será volver a Pontevedra, sede dos primeiros troles de Galiza e derradeiros de Espanha, á prodixiosa década dos sesenta.
Lembro un arrepiante accidente dun trole de dous pisos na metade da recta que vai desde o barrio de Lourizán ( hoxe malchamado Igrexa ) e a, daquela fatídica, curva de Montero. Un BUT Q1 ex London Transport saiuse da vía e derubou unhas pedras do peitoril. Un daqueles perpianhos case mata a Herminia a de Bermúdez no lavadoiro que estaba embaixo adosado ó muro da estrada. O trole ficou cunha roda dianteira no aire en extranho equilibrio. Felizmente, ninguén resultou ferido.
De xeito anecdótico, estoutro día atopei unha foto dun Q1 no museo de Sandtoft e conserva a mesma publicidade dun hirmán seu desembarcado en Marín no 61. O trole está pintado todo el de cor vermelha e na parte baixa leva rotuladas as características letras douradas London Transport e o número 348. Na parte superior e sobre un longo rectángulo azul leva escrito en grandes caracteres amarelos: TY - PHOO TEA. Os ingleses dirían Tai Fu Ti, coido que aparentando chinés por non sei que extranha estratexia de marketing.
Entre as palabras Phoo e Tea había tres palabras en caracteres brancos, inclinados e de menor tamanho remedando á letra manuscrita: "the better value". Así lembraba eu ó seu dobre no peirao de Marín cando o reproducín no meu block de debuxo en primeiro de bacharelato. Cando lho amosei ó profesor José Roselló ( un xenio das artes pese ás súas limitacións físicas ) preguntoume que significaban aquelas palabras e eu contesteilhe que non sabía pois en primeiro non se daba inglés. El sorriu e gaboume a memoria fotográfica pero nada me dixo do significado da frase, nin a min me importaba moito daquela. Quero aproveitar para deixar unha agarimosa lembranza da minha " lovely teacher " dona Mercedes Puig Gaite. Canto daría eu por voltar ás súas clases de inglés no Laboral de Marín!
A British Trolley Society é un colectivo británico de amantes dos trolebuses con ampla proxección internacional que, ano tras ano, publica un calendario que se espalha polo mundo e cuxos beneficios se invisten na conservación dos trolebuses clásicos. Os trolebuses de Londres foron exportados a todo o planeta nos primeiros anos sesenta ó seren substituídos na capital británica e o almanaque da BTS deste ano 2018 leva por título "London Trolleybuses in Spain" e a foto de portada non corresponde a Madrid, Barcelona, Valencia ou Donostia como cabería esperar, senón que amosa a pontevedresa praza de Galiza e pertence a unha longa xeira que fixera un tal Tony Belton nos últimos tempos dos troles. Nela vense dous troles estacionados, un de plataforma baixa no andén de Lérez co número 6 e un BUT Q1 no de Marín numerado 103. Leva publicidade de Atlántida "la discoteca encantada", recordan?. As marquesinas son de chapa metálica plateada e aló ó fondo vese o longo letreiro vertical de Caja de Ahorros Provincial de Pontevedra ( DEP ) Tras do trole de dous pisos destaca o fermoso chalet, sacrificado en aras do tixolo, do enxenheiro León Domerqu e bótase a faltar a actual fonte e arboreda da praza. Arestora en tódo-los países do mundo hai alguén cunha foto vintage de Pontevedra. Eu espero conseguir o meu exemplar non tardando moito.
Cando se fala dos troles de Pontevedra cómpre relembrar tamén a saga dos Dapena pois non se entende os uns sen a outra. Algún, como Sebastián Dapena pai, naceron prácticamente coa empresa dos velhos tranvías, da que foi supervisor da central elétrica, posto no que se xubilou o meu pai Herminio Peón moitos anos despois. Outros naceron dentro dela, tal foi o caso do seu filho Eduardo Dapena Lis, o gran Cholo, carismático capitán do Pontevedra "Hai que roelo" e dúas das súas irmás, pois viviron un tempo nun lateral do edificio que acubilhaba a devandita central que co tempo sería talher e oficinas do técnico e profesor de electrónica senhor García coa chegada dos troles en que o patriarca Dapena pasaría a ser xefe de inspectores e os seu filhos Sebastián e Eduardo conductores dos mesmos. Conta a lenda que o mesmísimo Pravda de Moscú ( voceiro oficial do PCUS ) se fixo eco do Hai Que Roelo e publicou en portada a mítica foto en branco e negro de Cholo conducindo un trolebús. Ninguén sabe canto hai de certo nesto pero tanto ten. Cholo non foi famoso por sair no Pravda. Foino pola súa sobriedade e nobreza. Pola súa alta calidade como profesional do balón e do volante e como persoa. E eu tiven a sorte de admiralos e conhecelos en persoa. Ós tres. E para a benxamina da saga, Isabel Dapena Lis, vaia un sincero agradecemento da minha parte pola súa amable atención e axuda.
E aquí dou por rematado, agardo que definitivamente, esta particular peripecia arredor dos entranhables troles. Era unha asignatura pendente, unha obriga con persoas e cousas que forman parte da minha vida. Como dixen unha vez: historias do velho TEP; algún día escribireinas. E xa lhe tocaba.