Marta Rodríguez Engroba
Que é o que teño que entender, que deixedes que nos maten?
Teño que recoñecer que hoxe comezo a escribir estas liñas nun estado de ánimo que se pode cualificar de calquera cousa menos de relaxado. De feito, o adxetivo que mellor lle iría é o de exaltado.
Un día, o de onte, no que diversos "incidentes", por ser educada, que non hai que perder as formas, faltaba máis!, e algún que outro comentario feito como resposta a varios argumentos expostos por min en canto a atención e asistencia as vítimas de violencia de xénero, provocaron, como era de agardar, ademais dunha noite sen durmir, na que a preocupación e a indignación foron, unha vez máis, as miñas compañeiras de cama, que teña moi claro que non hai nada que facer, que cando non se quere facer as cousas ben, cando os intereses, a hipocresía e a falta de empatía, ese termo que tan ben queda na boca e que se usa indiscriminadamente, pero case nunca se leva a práctica, ademais dun sistema no que o machismo e o corporativismo seguen, por moito que tenten vendernos o contrario, manexando a batuta, a nos, as mulleres, as nosas crianzas, seguirá levándonos por diante a violencia machista sin que, a este paso, ninguén pestanexe, a menos, claro está, que lles repercuta no peto ou no seu prezado posto de traballo, conseguido coa axuda da existencia deste feminicidio que mata cada vez con máis virulencia.
Por que estou a dicir todo isto?
Pois moi sinxelo. Onte, unha vez máis, porque isto non é xa nada novo, cando me referín as numerosas eivas, que son máis que evidentes, ademais de habituais, coas que se atopa unha muller maltratada cando acude a pedir axuda, se me cualificou, por non dicir que se me recriminou, de ser moi crítica e moi rigorosa no que atinxe a atención que se lles da as vítimas da (ou que se lles deixa de dar!) , e que non paso por alto nin unha.
E eu pregúntome, que é o que tería que pasar por alto?
Que sexan, por exemplo, e en non poucas ocasións, cuestionadas, cando non culpabilizadas, no momento no que deciden denunciar?
Que se trate o seu calvario como se fora un trámite burocrático máis?
Que quen as atende, as veces, non teña a paciencia nin a sensibilidade máis elementais para entender que están quebradas por dentro, que precisan tempo, agarimo e comprensión para expoñer as súas miserias máis íntimas ante unhos perfectos descoñecidos e que estén máis pendentes do reloxo, porque non é cousa de traballar nin un só minuto de máis, que de tentar que a muller que teñen diante, destrozada, vexa un chisco de luz e se sinta, ademais de entendida e escoitada, tal vez por primeira vez en moito tempo, tratada como un ser humano?
Que os criterios empregados para seleccionar a ese persoal que as recibe, que as atende, que son, lles guste ou non escoitalo, directamente responsables de que, por mor da súa actitude fría, cando non case hostil, a muller, as veces, torne ao seu calvario e a expoñer, porén, a súa vida non teñan en conta que o primeiro requisito imprescindible para tal tarefa é a humanidade, algo que non dan os títulos académicos, nin os galóns, nin contar coas relacións "adoitadas" ?
Que esa actitude fría, desalentadora, que é unha coitelada nunha alma xa rota é, en ocasións, perfectamente coñecida por quen podería, sinxelamente dicindo a verdade, se non, por diversas razóns dese corporativismo ao que aludía ao comezo, eliminala de raíz, si sentar, polo menos, o primeiro chanzo para tentar correxila?
Que cando precisan ser protexidas se lles deixa moitas veces soas e indefensas, porque quen debería brindarlles esa protección ten, polo que se ve, cousas máis importantes que facer, ou, sinxelamente, non lle da a gana de cumplir coa súa obriga, tendo moi claro, ademais, que non lle vai traer ningunha consecuencia, se non, que, pola contra, lle axudarán a tapar a súa falta?
É todo isto, e moitas máis cousas que me quedan no tinteiro ,porque non abondaría o espazo do que dispoño para este artigo, o que debería pasar por alto?
Cal se supón que debería de ser a miña actitude, a actitude, por certo, dunha muller que sufrín a violencia machista na miña propia pel e que comparto cada día a dor de moitas mulleres que, coma min, viviron ou están a vivir o inferno máis absoluto?
Debería de unirme a "festa" da indiferencia, da insensibilidade e pasar por alto que, cando tentamos respirar, sobrevivir, se nos maltrate de novo?
Debería facer caso omiso, as queixas, as bágoas de moitas mulleres que, despois de loitar por sobrevivir, e cando están xa ao límite, consiguen reunir un chisco de valor para pedir axuda, e ven, impotentes, como saen ainda máis vulnerables e desprotexidas que antes de dar ese paso?
Debería entender que se prioricen as xerarquías, o escalafón, as categorías, ou como demo se denominen, para decidir quen vai ter a vida das vítimas nas súas mans, antes que a sensibilidade e a humanidade?
Debería comprender que, ainda sabendo que se está danando, tal vez de xeito irreversible, hai que calar e ollar a outro lado, e eso o que teño que entender?
E supoño que, debería, por suposto, entender, que caladiña estaría moitísimo máis guapa, que xa abonda de amolar, que as cousas están ben como están, e que moitos saen gañando con que así sexa. Tanto, que non se pode permitir que veña a tola esta a tentar alterar un sistema que funciona perfectamente para os que se teñen que beneficiar e de feito se benefician del. Que ninguén está pola labor de que lle poñan en perigo a súa bicoca, e se para preservala e que non remate, se perde algunha vida, que se lle vai facer? Eso pasou toda a vida!, din algúns.
E tamén estou segura de que se entendera todo isto, as cousas me irían moito mellor . Igual, quen sabe? mesmo se me permitiría unirme ao selecto grupo dos "elixidos" e seguramente o meu peto, non estaría coma sempre, nas últimas.
Pero, sabedes o que vos digo? E isto si que o entendo e o teño perfectamente claro.
Non agardedes nin por un só intre que cale. E sabedes por que? Porque hai algo que a min, a xente que está conmigo, que traballamos codo con codo para que o terror deixe de ser o compañeiro de moitas mulleres, dos seus fillos non nos move: O interés. O egoísmo. E tampouco a cobardía, esa cobardía que fai calar o evidente, que fai mentir, ainda sabendo que fire.
E se un día isto muda, sabrei que chegou o momento de retirarme. Lamento, eso si, dicirlles a moitos que o estarán desexando, que, polo momento, non contemplo tal posibilidade, por moi difíciles que me poñades as cousas….e iso si que o facedes ben!.
E, xa para rematar, deixádeme que vos diga que, malia que pensedes o contrario, si que vos entendo, perfectamente, ademais, e por iso teño tanto medo, porque deixades patente que o voso é unha enorme e perigosa mentira.
Claro que o entendo!.
Asociación Si, hai saída