Marta Rodríguez Engroba
Por ti, Laura, por todas as Lauras, fiquei calada
Francamente, hoxe non sei nin por onde comezar, nin que dicir.
Cada vez estou máis superada polos acontecementos.
Aínda así vou tentar poñer un chisco de orde nos meus pensamentos, e agradecer esta oportunidade, ou mellor debería dicir privilexio, de compartilos con todos vós, e, acadar, así, unha certa calma.
O salvaxe asasinato de Laura Luelmo foi motivo de que, unha vez máis, se me recriminara por parte dalgunhas "autoridades na materia", o meu "sospeitoso" silencio, que lles fai pensar, que non son todo o feminista que debera, porque, berrar, o que se di berrar, berro pouco, e iso que teño un ton de voz elevado. Non lles resulta doado entender que en Si, hai saída somos máis de "facer", e que entre as nosas prioridades non figura a de fachendear e alardear do que facemos ou deixamos de facer. Traballamos e punto.
Por outra banda, como posteriormente lle aclarei a alguén, o meu silencio obedeceu a varias razóns. A principal, a prudencia.
Se algo lle teño que agradecer ao paso dos anos, é que me foron ensinando a coñecerme, e recoñezo que, ás veces, son demasiado impetuosa e tal vez excesivamente vehemente, sobre todo cando se trata dun tema que me toca o corazón, por iso estou tentando aprender a calar ata que se me pasa o "subidón", e expoñer, despois, con toda a tranquilidade posible, os meus argumentos.
E iso é o que vou tentar facer. Vou contar con todo o sosego que son quen de acadar algúns dos motivos polos que fiquei calada.
Fiquei calada porque cando aínda case non dera tempo de confirmar que o corpo achado era o de Laura Luelmo, xa era case imposible de contabilizar o número inxente de voitres que sobrevoaban a súa traxedia.
Na primeira fila, coma sempre, as adalides dese particular "feminismo" (ollo, non estou a falar do auténtico e loable movemento feminista!) que rexeitan automaticamente a quen ousa non acatar os seus "dogmas" e que lanzan arengas e consignas a discreción, pero que a hora da verdade non moven un só dedo por axudar a unha muller se, como é lóxico, facelo esixe traballo.
Para o único que funcionan é para poñer a man e recoller todo canto poden dese sistema que repudian, pero do que moitas delas viven tan ricamente.
Esixen xustiza, pero non contemplan nin remotamente a posibilidade de traballar e loitar para tentar que se muden unhas leis que están permitindo que a nos, as mulleres, nos maten con unha impunidade case total.
Como sempre que a barbarie machista se cobra a vida dunha muller, claman xustiza vía redes sociais, e dan as pautas que todas temos que seguir se queremos demostrar que abrazamos o feminismo… o que elas predican, porque claro, facer activismo virtual é o máis doado do mundo, e ademais loce moito, porque os "like" e o número de seguidores están garantidos.
Agora ben, se unha muller ao seu carón está a ser maltratada, se teñen coñecemento directo de que as vítimas de violencia de xénero non están a ser atendidas como merecen e precisan, etc, etc, nese caso, non saben, non contestan.
Elas están destinadas a causas máis "elevadas"… e máis rendibles, e, por desgraza para ela, Laura Luelmo dálles moito xogo e ningún traballo.
Fiquei calada porque non confiaba en min mesma, no que podía dicir, se contestaba a tanta "mente aberta" que defende o dereito a liberdade, a vivir entre nos, de quen delinque, de quen maltrata, e mesmo de quen mata salvaxemente, pero que agora, a vista dos acontecementos, e facendo gala desa hipocresía que levan no sangue, non dubidan en arrinconar os seus "principios" e defender xustamente o contrario, reclamando prisión permanente, e mesmo pena de morte.
Total, que lles impide mañá mesmo, se é preciso, e, por riba de todo, máis rendible, mudar de novo a camisa e volver soster o contrario?
Para non facer eso hai que ter, como mínimo, unhos certos escrúpulos, e eles deso non usan. Para que? Non son nada útiles.
Fiquei calada tamén porque sentín náuseas cando escoitei, como, o mesmo que cada vez que unha traxedia de tal calado acontece, non faltou quen a utilizara para tentar sacar dela rendemento político. Todo vale, polo visto, para as súas noxentas campañas.
E eu preguntaríalles, qué sentirían se a vítima, a muller asasinada, fora súa filla, súa irmá, a súa amiga?. Tamén sacarían dividendos do seu asesinato?.
Así mesmo, fiquei calada porque nas horas posteriores a confirmación do asesinato de Laura Luelmo, unha muller era acoitelada en Benidorm, e estaba en estado crítico. Outra corría a mesma sorte en Madrid por mor dunha alimaña que xa acoitelara salvaxemente a outra muller, pero que, ainda así, estaba a disfrutar dun permiso penitenciario.
Case ao mesmo tempo, en Vigo era detido un home de máis de oitenta anos por agredir a súa filla, que se interpuxo para tentar defender a súa nai, que xa fora maltratada habitualmente polo seu home.
E o mesmo día, en cuestión de horas, era detido un home en Castellón por matar a súa parella……no ano 1981!.
E de toda esta barbarie practicamente ninguén se fixo eco. Para que?
Unha cousa e demostrar implicación cos casos mediáticos, e outra moi diferente prestarlles unha mínima atención as traxedias de tantas e tantas mulleres anónimas.
Para elas non hai "likes", nin arengas, nin consignas que todas debamos berrar ou deixar plasmados nos nosos perfís das redes sociais. A quen lle importan?
Por todo isto, e por moito máis, preferín ficar calada.
Porque estou segura, Laura, que hoxe, en vísperas do Nadal, no que todo é, supostamente, ledicia, armonía e case un conto de Dickens,outen, polo menos, que parecelo, moi poucos, agás os que te queren, os que xa nunca serán quen de recomponer o seu corazón roto, se lembran xa de ti.
Por ti Laura, por todas as Lauras as que maltratan, as que matan, as que son utilizadas vilmente, mesmo despois de mortas, fiquei calada.
Asociación Si, hai saída