Marta Rodríguez Engroba
Que deixen de matarnos no novo ano semella imposible, e se deixan de mentirnos?
Cando chegan estas datas é case inevitable recitar a xa, na maioría dos casos, máis que manida lista de propósitos para o novo ano que comeza.
Os tradicionais "vou ir ao ximnasio" ou "este ano deixo de fumar" son tan só dous exemplos desa especie de mantra que nos acompañará desde o derradeiro día de decembro, e que, dependendo de quen os formule, se prolongarán máis ou menos no tempo.
Tamén os desexos ocupan o "prime time" do fin do ano que despedimos e do comezo do que nace. Desde o máis tradicional de saúde para todos, ata os máis utópicos dos que soñan, por exemplo, con premios de lotería millonarios que lles procurarán unha vida digna de marajás ou con ese "supercochazo" que será a envexa de toda a veciñanza.
Eu non son moi dada a nada deso, supoño que no que atinxe aos propósitos porque son moi consciente de que a forza de vontade e a constancia para según e que cousas non son as miñas máis grandes virtudes (e porque non penso deixar de fumar, todo hai que dicilo) e, en canto aos desexos, porque hai xa tempo que aprendín a gozar dos logros do día a día e dos pequenos praceres, polo que é pouco o que preciso para sentirme feliz e non me frustro sufrindo polo que non está ao meu alcance.
E de verdade que non é falta de ambición ou resignación. Trátase, sinxelamente, de sentido común e de que teño asumido que empeñarme no imposible, ademais de ser unha lamentable perda de tempo, vaime impedir gozar do que si teño. A cousa está clara, non si?
Pero si que hai dous desexos que anhelo con todas as miñas forzas, e que moito me temo que nunca se van a ver cumplidos.
O primeiro deles é que remate a violencia de xénero. Que a nós, ás nosas crianzas, deixen de maltratarnos, de asasinarnos.
Por desgraza teño moi claro que o meu desexo, non soamente non se vai cumprir, se non que cada vez está máis lonxe que así sexa.
A violencia machista medra e medra, e, non sei o resto da xente, pero, polo menos eu, teño a terrible sensación de que cada vez está a ser máis tolerada, de que atopou o seu sitio nunha sociedade, a nosa sociedade, cada vez máis egoista, máis deshumanizada, que xa practicamente normalizou que as vidas das mulleres sexan segadas sinxelamente por eso, por ser mulleres, e, precisamente por eso, porque é algo prácticamente omnipresente cada día, a todas as horas, xa case non se repara na súa letal presenza, nin se lle concede maior importancia.
Unhas breves liñas nos xornais, ou un minuto escaso das noticias son todo canto espazo ocupan nas nosas vidas o horror de tantas mulleres, de tantos nenos, ou mesmo os seus asasinatos.
Por iso teño claro que a violencia machista non vai desaparecer. Para iso, primeiro sería imprescindible tomar conciencia da súa existencia, e neso a sociedade ainda está a velas vir, por moito que se pretenda finxir o contrario.
En canto ao meu segundo desexo, que deixen de mentirnos, tampouco son moi optimista e as expectativas de que chegue a cumplirse algún día están cada vez máis afastadas.
É esta non é unha hipótese. É, por desgraza, unha realidade que se pode constatar a diario.
Cada día, desde diversos eidos, se nos está a vender que a loita contra a violencia de xénero progresa, que vai a mellor. Políticos, institucións, e mesmo colectivos desos que lidera algún "iluminado"...ou "iluminada" nos amosan o seu bó facer e o entregados que están a causa, ademais de prometernos axudas, recursos, protección, etc, etc, etc. que, se supón, redundarán en que este atroz feminicidio que nos está a sacudir se vaia paliando.
Inicialmente concebimos algunha esperanza de que todo eso fora certo, quixemos crelo e, a vista de que os resultados se facían agardar, tentamos autoconvencernos de que levaba tempo, pero de que se estaban empregando a fondo nesa tan cacarexada loita.
Pero o tempo, coma sempre o fai, encargouse de demostrarnos que o que estamos a vivir é unha enorme mentira.
Os políticos, por exemplo, falan de recursos, de accións, de campañas, etc, etc, etc, pero a hora da verdade, todo se reduce a estudadas campañas de márketing, coa finalidade de acadar votos e que, unha vez conseguida esa cadeira que tanto ansían, sexa vitalicia, e ben pagada, claro está.
Si é certo que hai quen se favorece das súas "accións", que son eses "satélites" que semellan estar sempre ao seu arredor, polo menos cando hai fotos, e que a forza de constancia e de non perder nin unha soa ocasión de achegarse ao personaxe que convén ou de acudir ao sarao onde o ser visto está garantido, acabará por acadar ese ansiado despachiño ou ese posto que ninguén sabe moi ben cal é súa finalidade, pero que está moi ben pagado.
E, mentras tanto, qué parte deses eufemísticamente chamados "recursos" van destinados as vítimas de violencia de xénero?.......Qui le sait?. Vamos, para entendernos, que ninguén o sabe.
Tamén nos falan, e moito, ademais, desa protección que se lles brinda as mulleres despois de acudir a denunciar ao seu agresor. Outra cousa é o panorama que se atopan cando se deciden a facelo, comezando pola minimización, en non poucas ocasións, do seu medo, do perigo que teñen claro que están a correr, pasando porque as súas vidas van a ser protexidas según o risco que un programa informático valore, e que, curiosamente sempre adoita ser máis baixo do real e do que ela manifesta, cos fatais resultados as veces que todos coñecemos, pero que, malia eso, continúa empregándose, ata as ausencias en situacións de perigo dos policías destinados a protexelas, porque,claro, non é cousa de molestarse a determinadas horas ou na finde semana. Total, nunca pasa nada, e, se pasa, mala sorte!, xa faremos un minuto de silencio. Ademais, é unha parvada estar a invertir horas en protexer a unha muller, moitas veces a pe de rúa, cando, se cumpla ou non co deber, se vai cobrar igual.
E qué dicir desa esmeradísima formación que tan ben nos venden, e que, según nos dín, posúen cantos interveñen no proceso polo que teñen que pasar as mulleres vítimas da violencia machista?.
O mesmo da de quen falemos. Policías, traballadores sociais, letrados....de todos nos dín que a devandita formación é a mellor, e seguramente será así. De feito, nunca o dubidei e estou segura de que é certa na maior parte dos casos, pero, quen dixo que ía acompañada en todos eles de sensibilidade, de humanidade, e desa empatía da que tanto se fala, pero que se emprega máis ben pouco?.
É máis, creo que, a estas alturas, ten moito delito que ainda sigan pretendendo que comulguemos con rodas de muiño e que tenten convencernos de que a formación e todas as características mencionadas e que deberían ter todos os encargados de tan sensible tarefa forman sempre, por sistema, un "pack" indivisible. De feito, o máis frecuente, lle pese a quen lle pese, é xustamente todo o contrario.
E non esquezamos tampouco a algún que outro colectivo que circula por aí, exercendo de reivindicadoras, sostendo a pancarta con unha man e o cazo coa outra, "loitando" única e exclusivamente por acadar os seus intereses, e que o único que fan é dano, principalmente as vítimas e tamén, por suposto, a quen pretende traballar con seriedade.
E así mentira tras mentira.
Podería seguir escribindo folios e folios e non abondarían para plasmar a falsedade que é, no fondo, e na maioría dos casos, é esa suposta loita contra a violencia de xénero, que non deixa de ser máis que un suculento negocio para moitos.
Por iso, porque sei que, ante un panorama tan desolador é imposible que a violencia de xénero remate, e, porén, tamén o é que a nos, as mulleres, deixen de matarnos, non podo evitar plantexarme a pregunta de si sería moito pedir que, polo menos, deixaran de enganarnos.
Será posible?.
Non sei vos, pero eu, francamente, o vexo moi difícil.
Asociación Si, hai saída