Juan José Esperón
Cerponzóns (Serpentiones) Mille Anni Vitae
Acábase o ano e comeza un novo.
Acábase un ano cheo de novas experiencias, novos coñecementos, de retos conseguidos, un ano onde fixemos novos amigos, onde nos reencontramos con outros que facía tempo que non nos viamos, e tamén un ano onde desgraciadamente despedímonos daqueles veciños que se foron de xunto nosa.
Normalmente pasamos dun ano a outro sen pararnos por un momento para facer balance do ano que deixamos atrás, un balance sobre todo o bo e todo o malo que nos sucedeu no persoal, é ainda menos nos paramos en se fixemos ou puidemos facer algo máis en beneficio da nosa parroquia, mirando no ben común.
Desde a Asociación de Veciños quero facer un balance do ano que pasou, que vai máis aló do que un personalmente puido facer a asociación, falo de un balance do que conseguimos entre todos para nosa parroquia.
E o dicir entre todos é motivo de que os que somos da parroquia parémonos a pensar se podiamos facer algo máis cada un de nós, porque estou seguro de que todos nos sentimos orgullosos de pertencer a un lugar que contará con mil anos de historia dentro de tres meses.
Personalmente sempre nos propoñemos novos retos e propósitos ao comezar o ano, máis exercicio, menos refrescos, máis verduras e froitas, menos graxas saturadas, ser máis positivo ou ter menos enfados.
Pero moitas das veces, en relación co que nos une a todos, a parroquia, esquecémosnos de ser un pouco solidarios, de poder poñer o noso gran de area, de ser participativos, de gozar das actividades, de colaborar con algunhas das asociacións, de propoñer algunha idea, en definitiva, moitas veces esquecémonos de todo o que nos rodea e só nos importa vivir o noso, a veces dá a sensación de que algúns "veciños" non se lles coñece, parece como si que están de paso, como si alugasen unha habitación para durmir é ao día seguinte xa se van da parroquia, tal é o seu desinterese por todo o que lle rodea que nin se atreven a dicir ás súas amizades que viven en Cerponzóns, sempre os escoitarás dicindo que viven en Pontevedra, a pouca distancia da Peregrina.
Pero no día de hoxe, aproveitando que remata o ano, quero facer unha valoración positiva por todo o que nos une, por todo o que este último ano fixemos e logramos, e iso foi debido porque moitos de vós sentides a parroquia, levádela no corazón e así, dentro das posibilidades de cada un, colaborástedes de algunha forma o longo do ano en beneficio da parroquia, é estades ahí para o que faga falta.
Podía poñerme a escribir todo o que se fixo ao longo deste ano que finaliza e tería para longo, desde os logros da Comunidade de Montes, da realización de actos desde a Asociación Cultural Chan do Monte, desde o Cerponzons C.F. co seu plan deportivo cos dous equipos de fútbol, desde o traballo da asociación que realiza as alfombras florais, ou dos directivos das comunidades de augas, dos que organizan as festas patronais, que decir dos logros dos nosos deportistas, dos nosos músicos, dos nosos veciños inmersos no mundo da cultura en xeral, dos veciños que están vixiando día e noite os nosos montes para evitar os incendios, e por suposto tamén de todos aqueles veciños e veciñas que de forma individual colaboraron coa Asociación de Veciños ao longo deste ano.
Sen estes veciños a asociación non faría nin a cuarta parte das cousas que se realizaron, sodes grandes!
Tamén teño que recoñecer que ás veces nos equivocamos, pero entra dentro das posibilidades, e porque non, tamén hai que recoñecer e aceptar as críticas, delas tamén se aprende, grazas tamén para aqueles veciños e veciñas que opinaron e deron o seu punto de vista sobre todo aquilo que non viron correcto según eles.
Todo isto que nos pasa ao redor nosa sucede porque a parroquia está viva, porque existe o movemento veciñal, porque estades por encima de intereses "persoais" e "políticos" e defendedes o noso, o de todos: a parroquia de Cerponzóns.
E agora chéganos o 2019, un ano en que marca unha data moi importante para todos os que somos da parroquia, nin máis nin menos, Cerponzóns cumpre 1.000 anos "oficialmente".
Será un ano que nos traerá novas experiencias, novos coñecementos, novos retos, novos amigos... será un ano onde presumiremos de ser "milenarios".
Temos grandes desexos por alcanzar as metas que nos propuxemos e sempre estamos loitando por conseguilo e no camiño imos deixando fora eses pequenos detalles, esas pedras que nos atopamos, pero que non nos impiden en seguir avanzando en busca do beneficio da parroquia.
O meu desexo é os das compañeiras da Asociación de Veciños e que vos sumedes ao reto, todos xuntos con único fin, Cerponzóns.
PROPÓÑOVOS HOXE CANDO ESTEAMOS ESCOITANDO AS CAMPANADAS, QUE BRINDEMOS POR ELO!!!
FELIZ ANO NOVO!!!