Marta Rodríguez Engroba
Deixade de mentir! A loita é outra cousa
Son varias as circunstancias que fan que hoxe comece a escribir cos ánimos polo chan, e sostida tan só pola carraxe e a indignación que me produce unha situación que xa é insoportable é da que hai demasiados cómplices que a manteñen.
Voume cinguir tan só a dúas delas, pero que, por si mesmas, definen perfectamente o que digo.
Cando aínda apenas nos deu tempo a repoñernos da resaca de fin de ano, xa temos que contabilizar a primeira muller asasinada. Nada novo, por outra banda. É o ritual de cada ano. Día arriba, día abaixo, o inicio do ano adoita vir marcado por un asasinato machista.
Case ao mesmo tempo, chegábanos a Si, hai saída unha sentenza pola que un malnacido, despois de maltratar salvaxemente durante anos a súa parella, e de destrozarlle a vida en todos os sentidos, sae prácticamente impune, e en breve estará na rúa, mentras que ela deberá agocharse para seguir vivindo, ou mellor dito, sobrevivindo, porque ter ao terror como compañeiro as vintecatro horas do día non é vivir.
Unha vez máis se culpa, en certo modo, a vítima, por non poder precisar detalles concretos de como foi brutalmente agredida, tales como a data, a hora….polo que non soamente a presunción de inocencia, se non a absolución, están garantidas.
Porque xa se sabe, unha vítima como é debido ten que estar pendente destas cousas, e mirar o reloxo e o calendario cando ten a súa vida nas mans dun animal, se non, o mesmo non é vítima!.
Por outra banda, neste caso, o agresor está, como se dí, "ben relacionado", o cal, pese a quen pese, e por moito que se queira negar a maior, sempre ven moi ben para que certas cousas sexan obviadas, ou "non teñan peso". O mesmo da que esteamos a falar de vidas, iso é o de menos. A conciencia está sobrevalorada….se é que existe.
E mentres todo isto acontece, desde o minuto un do novo ano, unha vez máis se nos está a bombardear con cifras, con porcentaxes e con datos sobre número de vítimas, denuncias, ordes de protección, etc, etc,etc, mareando a perdiz por enésima vez, pero, iso si!, sen facer, para non romper a tradición, nada ao respecto.
Creédeme se vos digo que non aturo ver un número máis, un titular máis, contándonos que aumentan as denuncias, que nos están hiperprotexendo, que a situación mellora… Xa abonda, por favor!. Deixade de tomarnos por idiotas!.
Goberno, políticos, institucións… que demo vos pasa para que non cesedes na vosa pasividade, por non dicir burremia?
Cantos asasinatos máis precisades para que, dunha vez por todas, deixedes de lado os intereses, o enchufismo, os expedientes sen mácula, e vos decidades a tomar medidas reais en vez de seguir facendo simulacros que non só contribúen a matar, se non que insultan e ofenden a todas as mulleres e, en particular, as que están a vivir a violencia de xénero?
Isto non vai de encher petos, nin de acadar votos, nin tampouco de preservar as cadeiras que vos garanten un futuro no que os agobios non teñan cabida. Vai de loitar para que se deixen de asasinar mulleres, nenas e nenos, e de que, quen maltrata, quen mata, pague polo que fai, porque quen delinque ten que asumir as consecuencias.
E mentras esta sinrazón continúa, tamén o show o fai.
E de novo, antes de continuar, reitero o que tantas veces dixen xa. Non vou xeralizar, porque, afortunadamente, non todo o mundo é igual, malia que hai un tipo de personaxes que nos farían un gran favor a todos dedicándose a outra cousa, ou ao que, no fondo, xa están a facer: nada, pero de aquí en adiante sen "atrezzo", por favor. Que se amosen como son. Xa sei que é moito pedir, pero bueno, igual os Reis Magos me dan unha sorpresa.
Estou a falar desas…..bufff, non me sae a verba exacta….líderes?. Adalides?. Iluminadas?....Ai, non, xa sei: Activistas!!!!, que comezaron hai case un ano a vivir dos réditos dese inesquecible 8M, que conseguiron alongar, moi hábilmente, todo hai que dicilo, entre berro e berro, foto e foto e pancarta e pancarta ata o 25N, e comezaron xa o 26 a estíralo ata o novo 8M.
Falan, ou mellor dito, berran, e moito, sobre o patriarcado, sobre o machismo, sobre o feminismo, e fustigan sen piedade a quen non lles rende pleitesía, pero non moven un só dedo ante casos reais, ante tantas mulleres que viven no terror, ou que non sobreviven a él, algo que non se vai arranxar, mal que lles pese, a golpe de manifestación.
Non quero dicir con isto que sexa malo manifestarse. Nada máis lonxe da miña intención. O que me fai dano, o que fai nos fai dano a todas, e que haxa quen se aproveite destas iniciativas, transformando o que podería ser un apoio importante para a loita contra a violencia de xénero nun espectáculo con toques dun fanatismo, que, lonxe de axudar, nos quitan a razón a todas.
E o máis desesperante é que son quen de levarse o gato á auga.
Unha sociedade na que a empatía, a solidaridade, son entendidas dun xeito un tanto particular, e que prefire, sen dúbida algunha, comulgar con quen fai ruído, se fai ver, e non molestan, porque, malia que van de aperturistas, de rebeldes, teñen moito coidado en non enfrontarse a un sistema do que moitas delas viven, e non é cousa de remover o avispeiro e que se acabe o chollo.
Mentras tanto, as vítimas, non soamente das súas parellas ou ex parellas, se non de todo un entramado que as utiliza ao seu antoxo para os seus fins, seguen vendo, impotentes, como ninguén as axuda, porque, quen intenta facelo de verdade, atopa atranco tras atranco no camiño, porque son incómodas, porque deixan en evidencia a gran mentira que estamos a vivir e a que lle chaman, impúdicamente, e con todo descaro, loita.
Que insulto e que mentira tan grande!. A loita é outra cousa.
Por iso hoxe o meu ánimo decae. Porque non vexo que se vaia tentar mudar absolutamente nada para evitar a sentenza de morte de moitas mulleres, de mulleres como a que hoxe temos que dicirlle que quen tentou asasinala estará, máis pronto que tarde, na rúa.
E o peor de todo é que ela non é, nin será, a única.
Asociación Si, hai saída