Marta Rodríguez Engroba
Non nos utilicedes para acadar os vosos fins
A nós, as que tentamos loitar de verdade, non nos representades.
Hai xa días que dixen que non ía volver opinar sobre o incualificable pacto entre Vox e o PP que insulta e maltrata as vítimas da violencia machista e as mulleres en xeral, en primeiro lugar porque xa o fixen, e moi clariño, ademais, como se pode deducir sen ir mais lonxe, do que acabo de manifestar, e, en segundo, porque me nego a caer na trampa de facer xustamente o que queren que fagamos, falar deles, porque, o certo é que, entre todos, estamos contribuindo a darlles unha notoriedade que lles está a vir de perlas.
Lamentablemente, o meu propósito está a ser, non sei se imposible, porque din que imposible non hai nada, pero, desde logo, si moi difícil de cumprir, porque, cada día que pasa, os despropósitos dos que nos imos enterando van a máis e cada un deles é máis grave que o anterior.
Vou falar do que a nós, a Sí, hai saída, como colectivo que estamos a traballar con vítimas de violencia de xénero, e a min persoalmente, como muller, e como vítima que fun, nos atinxe.
Quero, como teño que facer case sempre, aclarar antes de continuar, que non vou meter a todo o mundo no mesmo saco, porque sei que hai xente implicada de verdade, pero é tal a indignación que sinto, que non podo calar.
Estou a referirme a eses "movementos feministas" aos que lles faltou tempo para subirse ao carro de tan demencial pacto, erixirse en portavoces mesmo de quen nin llo pedimos nin o desexamos, e acadar os seus respectivos momentos de gloria diante das cámaras e dos micrófonos, defendendo, din, as mulleres.
Sen verbas me quedo!
Para comezar, gustaríame deixarlles claro que en Si, hai saída non nos sentimos representadas en absoluto por movementos aos que, e lamento ter que dicilo, é difícil recoñecerlles máis méritos na suposta loita contra a violencia de xénero que din estar a levar a cabo e na defensa das mulleres que o de estar xenerosamente subvencionados, algúns deles desde hai moitísimos anos e mesmo non poucos por aqueles aos que tanto critican agora por mor do devandito pacto, ter atopado na desgraza de moitas un estupendo chollo para elas.
Paréceme dun descaro e dunha desvergoña incrible saír agora alegando darnos voz a todas cando o único que están a facer é subirse ao carro para facerse notar e para conseguir o apoio que lles garanta non perder os beneficios que xa consideraban vitalicios.
Algunha delas nos preguntou se queríamos que falaran por nós?
Quen se cren que son para poñer nas súas bocas o que din é o parecer de todas nós?
Que demo, e perdoádeme a expresión, saben elas do traballo diario, de campo, coas mulleres que están a vivir o calvario dos malos tratos, coas súas crianzas?.
Onde están cando non son atendidas en condicións nunha comisaría, ou non se lles protexe como é debido, ou directamente son postas en risco porque esa protección a que teñen todo o dereito non se lles dá, ou unha sentenza xudicial envelenada as deixa nas mans do seu verdugo? Onde?
Acompáñannas cando van a denunciar, co tremendo e desgarrador esforzo que isto implica para elas?.
Están con elas veráns, fins de semana, días festivos, cando se ven na necesidade de acudir a entregar aos seus fillos a un Punto de Encontro, ou de entregarllos a quen as maltratou salvaxemente? Porque eu non as vexo. E isto por citar tan só algunhos exemplos.
Pero claro, para que molestarse, tomarse ese traballo, se lles van encher os petos igualmente ficando moi cómodas neses despachos que lles subvencionaron, porque claro, xa se sabe, elas están destinadas a causas mais elevadas e, canto mais mediáticas, mellor.
E aínda por riba, non teñen o menor escrúpulo en exhibirse diante dos medios de comunicación, porque outra cousa non, pero convocalos e deixarse ver nas datas e ocasións estratéxicas é algo que se lles dá de auténtico luxo, e dicindo, ainda por riba, que falan no nome de todos os colectivos feministas… Por favor!
E o máis demencial é que se consideran algo así como a "elite" do feminismo!
Critican a utilización que se está a facer da violencia de xénero como ferramenta política. De traca!
En que se consideran distintas? Porque eu non vexo a diferencia por ningures. Están a sacar tallada de algo tan grave exactamente igual que aqueles aos que sinalan, pero cunha diferencia. Eles son o peor, certo, pero non enganan. Non van do que non son.
Elas si. Van de defensoras, de altruistas.... mesmo de feministas! cando o que realmente as move é o medo a perder esas prebendas das que tan ben viven.
Hai, ademais, outro aspecto do que non semellan decatarse. Claro que non son as únicas:
Vox non chegou a gañar en Andalucía por xeración espontánea, se non avalado polos votos dos cidadáns, homes e mulleres, porque supoño, como mulleres con sólida formación e cultas que son, e xa que están tan postas no tema, acerca do cal dou por sentado que se preocuparán de estar informadas, unha elevada porcentaxe de mulleres, votantes de Vox e simpatizantes tampouco aproban a lei de violencia de xénero, e alegan, que o movemento feminista se nos está a ir das mans e que semella que todos os homes son maltratadores, ademais de esgrimir o argumento das denuncias falsas.
Certamente, isto é moi preocupante. Máis ben para dar medo, pero eu diríalles a estas señoras tan entregadas que nos representan a todas, seica, que xa que lles gusta tanto mirarse o embigo, aproveiten, cando o fagan, para reflexionar sobre a responsabilidade que ao mellor teñen de que isto ocorra.
Din, nas súas manifestacións ante os medios de comunicación, e cito textualmente : "Cos dereitos das mulleres non se negocia". Non? E que é o que estades a facer vós? Porque se o voso non é utilización, e da máis inmoral ademais, xa me diredes que é.
Claro que, ben mirado, vós non negociades, iso é certo. Non sodes quen nin diso. Vós sinxelamente utilizádelos para o voso proveito, sen importarvos nada mais.
O peor é que teñen a osadía de chamarlle ao seu descarado manexo da violencia de xénero feminismo, distorsionando e mesmo ensuciando un movemento tan digno que custou e ainda custa tanta loita, e votando por terra os logros acadados con tanto esforzo.
Como tamén votan por terra o traballo diario de cantas traballamos tan só a cambio de devolver o sorriso a cantas mulleres, a cantas nenas e nenos poidamos.
Soavos eso? Nin de lonxe, claro!
É paradóxico que vós faledes tanto e tan alto de dereitos, cando pisoteades un dos máis básicos, o que todos e cada un de nós temos, o de decidir.
E xa para rematar, soamente vos pregaría unha cousa.
Evidentemente, non está nas nosas mans evitar que sigades facendo dano, tentando disfrazar os vosos intereses de feminismo, pero, polo menos, tede a decencia de non utilizarnos e poñer nas nosas bocas os vosos desatinos e o voso descaro.
Tede, polo menos, a mínima honradez de falar tan só por vós, e por quen teña a ben apoiarvos, pero nada mais.
Reitérome no que afirmei ao comezo. A nós, as que loitamos de verdade, e tentamos facelo do mellor xeito posible, non nos representades en absoluto.
Asociación Si, hai saída