Marta Rodríguez Engroba
O delito de ser muller
Remata unha semana que se por algo se caracterizou, tanto para min como para todo o equipo de Si, hai saída, foi polo esgotamento, un esgotamento derivado non soamente polas longuísimas horas de traballo, se non polo curtas que foron as de sono, e eso o día que tivemos a sorte de poder durmir algunha.
Esa falta de sono non foi debida a un ataque de insomnio colectivo que nos atacou de súpeto a todo o equipo, nin moito menos, se non a preocupación, a tensión e a indignación que nos foi afogando ao longo da semana a medida que se ían dando "resolucions" a casos de violencia de xénero nos que as vítimas están a ser axudadas pola nosa asociación.
Non é raro que unha muller maltratada, malia que solicite axuda, ao longo do proceso experimente "recaidas" que lle fagan plantexarse abandoar ou mesmo volver co seu agresor.
A dependencia emocional e económica do seu maltratador, a falta de recursos, unha sociedade que ainda non entende, por moito que se diga o contrario, o desgarro que chega a sentir unha muller en tales circunstancias, o seu pánico, por ela mesma, polos seus fillos, son unha espada de Damocles que levan enriba da súa cabeza e contra a que temos que loitar constantemente, pero esa é unha batalla que podemos librar. Non é doado gañala, pero tampouco imposible, e, por desgraza, podo dar fe disto, porque o vivín na miña pel.
Que se sintan acompañadas, escoitadas, e, por riba de todo, cridas, é fundamental, e eso está nas nosas mans. A costa de moito tempo, certo. De moita paciencia e unhas considerables doses de empatía, porque se falla esta última, todo o demais é inútil.
Pero se todo isto se leva a práctica, e se fai de corazón, pouquiño a pouco a confianza vai volvendo a elas, o seu sorriso vai aparecendo cada vez con mais frecuencia, e cada vez lles custa menos respirar.
Iso si, non hai prazos. Aquí non vale apurarse, nin moito menos presionalas. Hai que darlle tempo ao tempo, e facerlles saber que estamos ahí, pero sen agobiar, respectando o seu espazo e o seu ritmo.
Insisto. Difícil, pero posible.
Outra cousa é, e isto é gravísimo, cando o seu desánimo, a súa frustración e, por qué non dicilo, a súa indignación, unha indignación totalmente xustificada e que teñen todo o dereito a expresar, e mesmo a decisión de abandoar as provocan ese sistema envelenado ao que non queda mais remedio que recurrir cando deciden tentar sair da espiral da violencia de xénero, e que, lonxe de axudalas, non soamente as pon aos pes dos cabalos, se non que as convirte, case instantáneamente, desde o momento no que deciden denunciar en sospeitosas, ou directamente en culpables, sobre todo se se dan certas circunstancias que van influir directamente, e non para ben, precisamente, no resultado final.
E isto que estou a contar foi o que vivimos con especial intensidade esta semana, malia que non é nada novo, e que, literalmente nos quitou o sono e provocou non soamente insomnio, se non mágoa, enfados, bágoas, e, teño que confesalo, algún que outro berro acompañado dun golpe na mesa, porque a frustración, a carraxe ante a inxustiza, ante as aldraxes, é moi difícil de conter.
Para comezar, quedounos claro algo que xa non dubidábamos, pero que, nestes días, nos quedou totalmente confirmado. A existencia dos "maltratadores de élite", eses maltratadores cos que eu lle daba título a un dos meus primeiros artigos neste xornal, que para Si, hai saída non existen, pero que para o sistema policial e xudicial merecen unha consideración especial.
Dito doutro xeito, se unha muller vítima de violencia machista ten a desgraza de que o seu verdugo estea ben relacionado en certos circuitos profesionais ou, ainda peor, forme parte deles, a sorte que vai correr está prácticamente escrita desde o comezo….se chega a escribirse, porque hai veces que non prospera nin a denuncia, xa que a muller é cuestionada, diseccionada, e, por suposto, ten a obliga de demostrar con pelos e sinais todas e cada unha das agresións, das humillacións e das aldraxes que está a sufrir.
Se consigue pasar esta criba envelenada, e pasar, porén ao seguinte chanzo, o xulgado é inconcebible, que a día de hoxe, exista a necesidade de advertirlle que non acuda ao xuizo maquillada ou especialmente arreglada, porque, e non é unha esaxeración, ainda hai xuices para os que unha apariencia coidada implica que a muller minte. Se somos vítmas temos que parecelo, e, polo tanto, a nosa imaxe ten que ser un clon da Dolorosa. Do contrario, a nosa credibilidade queda polo chan.
E xa non digo nada se a muller refixo a súa vida e ten unha nova parella. Nese caso, mellor que confiar na xustiza é pregar cada quen a quen prefira e no que crea, porque case con toda probabilidade a sorte está votada: Como vai ser unha muller maltratada se xa está con outro home?....Culpable!.
Se pasa o "exame" visual, por moi brutal que foran as agresións sufridas, vai ter que dar cumplida testemuña do día exacto, da hora, motivo, etc, etc, etc, porque, xa se sabe, se somos vítimas "de verdade", o menos que podemos facer e consultar o reloxo para anotar a hora,e, por suposto, a data, na que nos mallaron a golpes….Hai que ser serias!. Do contrario, non se pode demostrar a "habitualidade", polo tanto, a culpabilidade do presunto agresor case nunca poderá ser demostrada.
É curioso tamén como, ante idéntico delito, as sentenzas varían ostensiblemente dependendo de quen sexa o xulgador…..ou xulgadora, e se o maltrador é, insisto, de élite, e por un deses azares da vida esa sentenza non resulta favorable para él, modifícase…..e a outra cousa!. A celebralo , que é o que procede.
E se, posteriormente, algún quebrantamento, falta, mesmo delito contra a muller é cometido, tamén súa vai ser a tarefa de demostralo….que para eso dí que é vítima!.
Isto e moito mais, de feito, precisaría un número inxente de folios para plásmalo na súa totalidade, foi o que vivimos na semana que remata en Si, hai saída, e o que provocou a nosa vixilia.
Unha vez mais, se nos fixo sentir que, por moito que o tempo pase, por mais que os políticos nos tenten vender campañas e programas máxicos, que nos conten contos con final feliz, un final desmentido polas vidas segadas e pola barbarie que están a vivir tantas mulleres, tantos nenos, se nos está a castigar por cometer un delito, un delito para o que non hai perdón: O delito de ser muller.
Asociación Si, hai saída