Marta Rodríguez Engroba
Se non as axudades, por favor, deixádeas vivir
Sempre que se inicia un novo proxecto ou unha nova andaina, sexa no eido que sexa, hai que contar coa posibilidade, ou, mellor dito, coa certeza, de que no camiño van a xurdir numerosos atrancos que as veces van facer que as cousas se poñan francamente difíciles, e non soamente aqueles que eran previsibles, se non outros cos que non se contaba nin de lonxe e que, en ocasións, poden chegar a facer sentir que un está a bater contra un muro unha e outra vez, un muro infranqueable que non permite continuar adiante e que é, por máis que se intente, imposible de derrubar.
O traballo con vítimas de violencia de xénero non é unha excepción.
Non é doado desde o primeiro momento, e a primeira dificultade coa que nos atopamos é que a propia vítima recoñeza que o é.
Que asuma que o amor non vai da man do medo, da posesión malsana, é case sempre enormemente complicado. Rachar con esa dependencia envelenada do seu agresor pode levar moito tempo, pero non é imposible.
Como tampouco é imposible superar ese vía crucis que implica a denuncia, o posterior procedemento xudicial, o medo, a incerteza que sinten despois de dar o paso.
Poden aparecer, e de feito aparecen, momentos de desalento, de fraqueza, pero con apoio, con agarimo, e dando tempo ao tempo, a luz acaba por asomar.
Pero hai un elemento sumamente importante, que xoga un papel fundamental, e que, demasiado a míudo, lonxe de ser de axuda, como sería lóxico supoñer, pode chegar a dar ao traste con todo o que a muller maltratada, con tanto esforzo e case sempre con moitas bágoas e moita dor, ten acadado.
Estou a referirme ao círculo de persoas que rodean a vítima.
Amigos, familia, compañeiros, que, en non poucos casos, ainda sendo coñecedores da tremenda situación que a muller está a vivir, mesmo de que a súa vida pode correr perigo, optan por ignoralo, por finxir que non pasa nada, ou tentan xustificar o inxustificable con esa excusa noxenta e tan manida de "son cousas de parella, mellor non meterse", convertíndose así en cómplices do maltratador e sen ser quen de tender unha man a quen está a vivir un inferno de pánico e de dor.
As veces, esta situación pode chegar a prolongarse indefinidamente. Outras, por desgraza, chega ao seu fin do xeito máis tráxico, cando a muller é asasinada, e asoman os de "nada facía imaxinar algo así", "eran unha parella perfecta", ou os de, pola contra, "eu escoitaba berros, golpes, sabía que algo pasaba", pero que non moveron un dedo por evitar o fatal final.
A cousa cambia cando a muller toma a decisión de pedir axuda, e isto e algo que vivimos en Si, hai saída con moita frecuencia, de feito demasiada.
Unha vez que a asesoramos, que lle ofrecemos o noso apoio, e comezamos o proceso para tentar chegar a ruptura, un proceso que, por moi concienciada que a muller estea de que é o mellor que pode facer, sempre vai ser duro e longo, nese preciso momento, comezan a asomar todos aqueles que nin viron, nin escoitaron, pero que, de súpeto, deciden tomar as rendas da situación e convertirse en asesores, cando non en directores da orquestra, malia que o símil non sexa tal vez o máis afortunado.
E incrible como, de súpeto, comezan a emerxer dos seus agochos avogados, psicólogos, e asesores de todo tipo, "autotitulados", naturalmente, que cuestionan, rebaten e critican os consellos que se lles da, xenerando na muller un estado de tal confusión que chega un momento no que deixan mesmo de crer en quen estaba a axudalas, ou lles fan plantexarse dúbidas, medos, que poden provocar que desistan de continuar adiante, co perigo que isto implica.
Programas de televisión sensacionalistas, noticias dos xornais, e exhaustivas buscas por internet convirten a quen ignorou cruelmente o que estaba a padecer esa muller en auténticas "autoridades" na materia que máis dunha vez malogran o que era un proceso lento, pero seguro, malia que esta semella ser unha frase feita, pero podo asegurar que real, por non falar do estado anímico que ocasiona na muller, aumentando de novo unha inseguridade que estaba aprendendo a deixar atrás e mesmo conseguindo que se sinta culpable de loitar pola súa liberdade.
É inutil tentar razoar con eles e facerlles ver o dano que están a facer, como tampouco é doado, cando non totalmente imposible, que a vítima entenda que os consellos que están a darlle non son os mellores, por non dicir que a poden destrozar e que esa axuda, ese asesoramento, ten que proceder de persoas formadas, e nunca de charlatáns que non saben o que se traen entre mans, ou non queren sabelo, que ainda é peor.
E se hai outro elemento que pode chegar a representar un notable perigo é, moitas veces, esa nova parella, a que ela se aferrou case sempre con demasiada precipitación, tentando atopar un apoio do que carecía e fuxir dunha soedade que non se sinte capaz de afrontar.
Cantas veces esta segunda parella resulta ser tamén un maltratador, que as machaca poida que non a golpes, pero si comportándose como un auténtico chupóptero emocional, que consigue, nun tempo récord, volver tirar polo chan unha autoestima que comezaba a recuperar e que xa lle destrozaran unha vez!
Non esquezamos que unha muller nunha situación de tal vulnerabilidade é unha presa fácil, e os depredadores emocionais o saben ben, asegurándose de cobrala, sobre todo se a situación económica dela é desafogada e lle supón a él unha notable mellora no seu nivel de vida que non está disposto a deixarse arrebatar baixo ningún concepto, agás que, nun momento dado, atope un "negocio" mellor e máis lucrativo.
E peor ainda é cando a esta circunstancia se engade, e isto non é nada raro, esa especie de "pelexa de galos" entre os dous candidatos a ser nominados "machos do ano" que rifan encarnizadamente pola que, lonxe de querer, se desputan como un trofeo, porque os homes de verdade, xa se sabe, teñen que gañar a presa, malia que sexa para destrozala despois.
Que ninguén me entenda mal. Non quero dicir con isto que cada vez que unha muller vítima da violencia machista tenta refacer a súa vida con unha nova parella se atope irremediablemente con un elemento desta catadura, pero non é menos certo que esta circunstancia se da con moita frecuencia e as consecuencias que isto ocasiona poden chegar a ser, e de feito case sempre o son, fatales.
Desde o primeiro momento no que inician esa relación "marcan territorio" e autoeríxense en gurús da muller, guiando todos e cada un dos seus pasos, convertíndose nunha especie de "manager" que supervisa todo canto fai, todo canto dí, incluído, por suposto, o relacionado co proceso para desvincularse do seu antecesor, ao que se emprega a fondo en destronar canto antes por razóns obvias.
Por desgraza, é moi complicado, cando non imposible, facerlle ver a ela que de novo está nas mans dun maltratador, que tal vez non a golpee, pero que psicolóxicamente a está matando e a situación ainda se torna peor cando hai fillos menores da anterior relación, xa que se ven, nestes casos, desde utilizados como moeda de cambio, ata, nalgúns casos ninguneados e desprezados polo novo "rei da casa".
Non é tarefa fácil bregar con todos istos obstáculos, e se sair da violencia de xénero non é unha cuestión menor nin que se supere nun curto período de tempo, se é que se chega a superar, a presencia destes "satélites" non fai se non viciar e envelenar un camiño xa de por sí arduo de recorrer.
Seguramente máis dunha das persoas que me estean a ler sabrán ben do que falo, algunhas mesmo se darán por aludidas.
Por eso vou aproveitar para pregarlles prudencia. Que se paren a pensar por un momento se realmente o que lles move é o desexo de axudar, ou, pola contra, as súas motivación son ben diferentes.
E xa, de posta a pedir, un derradeiro rogo:
Se non as axudades, deixadeas vivir!
Asociación Si, hai saída