Ainhoa Fervenza Celestino
Mulleres tribu
Espértome ás sete despois de ter durmido intercaladamente unhas catro horas, porque a pequena está mala, vou cara a ducha pensando en non facer ningún ruído para non espertalas e se poña a chorar de novo.
Vístome e fago o almorzo, entón esperto ás dúas, á maior e á pequena, axudo a vestilas, almorzamos. A pequena está regular, valoro que facer (se a mando ao cole o mais seguro é que me chamen para que a recolla), teño unha reunión importante de traballo, ten que ir ao cole...non hai outra, tómolle a febre, 36´8... aínda non lle subiu, pero subiralle.
Mochilas, merendas, e ao cole as dúas, eu ao traballo. Despois de catro horas de xornada, entra a chamada do cole, a pequena di que se atopa mal... bueno, realmente xa era o agardado, saio do traballo pedindo favores e chamando ao ambulatorio, non hai cita, mándanme por urxencias e teremos que esperar alí ata que poidan atendela. Ao saír da oficina atópome cun tipo, mírame coma se me estivera tomando as medidas para un traxe, dáme noxo.
Vou ao cole a recollela e imos as dúas cara ao ambulatorio, aténdennos preto das 14:00, xa avisei para que alguén me recolla a maior á saída do cole, menos mal que existen amigas, veciñas ou irmáns para estas cousas.
Ao saír do médico vou á farmacia, un momento ao súper, e logo a casa, aínda non sei que vou facer de xantar... hoxe pasta, é tarde e a pequena non vai querer experimentos.
Recollo a maior de onde estea, e chegamos á casa, fago algo rápido de xantar, acomodo a pequena, despois toca recoller algo a casa, e valoro si levo a maior ás extraescolares ou non, para levala ten que quedar alguén na casa coa pequena, esta vez recorro a miña nai, mentras ela chega séntome media hora no sofá, e durmo.
Esperto e teño tres chamadas do traballo pendente que quedou da mañá, tento resolvelas por telefono, pero vou ter que pasar por alí un momento, mentres está a maior nas actividades. Así o fago, chega miña nai e queda coa pequena, levo a maior a música, e avísolle de que se me retraso agarde alí na biblioteca, vou á oficina, ao saír collo a maior na biblioteca porque ao final me retrasei un pouco, dime que necesita para o cole un material, aproveitamos ese momento para ir a mercalo á librería e imos de volta a casa. Xa son preto das 20:00.
Cando chego miña nai cóntame que a pequena estivo durmindo e que ao espertar chorou porque non estaba na casa, síntome mal, e non sei por que.
Estou cansa, moi cansa. Sei que esa noite polo menos durmirei algo, o antibiótico e o apiretal...é o que teñen.
Marcha miña nai, e despois de bañalas e prepararlles algo de cea, déitoas, falo coa maior do dia que tivemos...e durmen.
Rede de mulleres ao meu redor. Dobre, ou triple xornada laboral. Responsables da educación do noso futuro como sociedade. Cemento por teito. Responsables de que os núcleos familiares como tal funcionen. Mulleres obxecto. Mulleres tribu.
Agora dinme que por que me meto en política, que a política é moi dura...e eu penso: como se nota que ti non criaches os teus fillos e fillas.