Pedro J. Peón Estévez
Polo mar abaixo vai o Mistral
Non ganho para sustos. Cando vin un submarinho de guerra evoluir nas proximidades da ilha de Tambo, púxenme no peor e pensei que, dado que andan a resucitar as momias do pasado, se non sería un daqueles U-Boot do III Reich que o mariscal Doenitz destacara nas rías de Vigo e Ferrol alá na segunda grande guerra. Asimesmo, visto que á celulosa non lhe colhe unha palhinha no cu a raiz da posta en cuestión da prórroga ilegal do goberno en funcións de Emepunto por parte do avogado do Estado, digo eu -ignorante de min- que se hai case sesenta e un anos foi o canoneiro Hernán Cortés quen de maneira "disuasoria"(tenche ovos a cousa !) axudou a instalar a pasteira con inusitada violencia e, como queira que o velho buque tempo hai que foi ó desguace (dio-lo descanse), meigos pastequeiros invocaron as pantasmas xenocidas teutonas tales como Goering, Borman, Hess, Goebbels, Barbie, Himmler, etc…para viren axudalos nesta nova cruzada contra o infiel que, envexoso e resentido, pon en perigo privilexios sagrados conqueridos a punta de baioneta contra desarmados pero perigosos elementos que coidaban dispor de impunidade para defender o seu pan e o dos seus filhos e netos con berros e laios.
Tiven a sorte de que, a carón de min, estaba o meu compadre o "Laca" que me desenganou pois díxome que endentro do submerxible nos vinhan nazis das SS (non confundir coa Seguridade Social), que o que vinhan era un cargamento de pepeiros dispostos a armala con tal de valerlhe á sua eterna teta que tanto leite lhes tinha soltado e moito máis que lhe quedaba por dar. O fato de conseguidores que atenden por Feixó, Pastor, Roda, Morreira, Dominguín etc. venhen dispostos a defender a ilegalidade ate as últimas consecuencias e que, por encima dos seus cadáveres políticos, a celulosa non se pecha. Aínda que, diga o refrán, cando se pecha unha porta, ábrese unha ventá pero… nin falar de pechar as portas xiratorias!, tras das cales procuran unha xubilación dourada esta caterva de moinas.
Pero foi outro compadre -o Chapa- quen nos resolveu o misterio. Dentro do tal submarinho non vinhan nazis, nin grandes nin pequeninhos pero si chusqueiros xubilados de diversa índole (si, si; eses da gorra de prato e prato de gorra), amén de famosilhos e famosetes -pighitos todos-, algún maxistrado manchado, peperetes, golfilhos, periodiqueiros amarelos e outras xentes de mal vivir que, mercenarios do cartolo, están a ser fichados polos partidilhos da dereitona para darse apariencia de renovación, unha delgada pátina baixo a cal agóchase a caspa de sempre. A ver se estes dan perpetrado a celulosa, ese monumento franquista tan aborrecido que, ora vai de prepotente, ora de miserento. Tras sete anos de repartir migalhas, outros sete de choros. E así sempre nestes últimos sesenta e un anos. O conto das vacas flacas e gordas.
Isto que non saia daquí: No hai moito, un tal Palomares, xerifalte de Ence dixo que no monte galego hai non sei cantas miles de hectares que están ordenadas, ou sexa: ben, e que hai unhas poucas miles que son unha porquería . Que alguèn me diga como podería eu calificar a quen chama porquería á biodiversidade.