Juan José Esperón
Serpenciones, 30 de marzo 1019
Tomando como referencia un documento onde o rei Alfonso V confirma posesións á Diocese de Santiago, a nosa parroquia de Cerponzóns cumpre hoxe 1000 anos, naqueles tempos denominada como SERPENTIONES ou SERPENCIONES.
Segundo os escritos que fomos atopando, os nosos antepasados proveñen dos SAEFES, unhas tribus que habitaron desde a Idade de Ferro no sur de Galicia e norte de Portugal. Esta tribu tiña unha relación directa coas serpes, animal totémico, que representaba o seu poder guerreiro e un deus nacional.
Son exemplos claros de asentamento destas tribus nos castros de Baldoeiro (Portugal), en Penalba ( Campolameiro) ou no castro da Troña (Ponteareas), nestes tres castros a serpe recibía cultos.
O mesmo sucede na nosa parroquia, polo cal nos leva a pensar que xa existían poboadores desde hai moitísimo tempo atrás, e así o demostra a nosa Pedrafita, atopada a poucos metros do monte Curuto, coa gravación dunha serpe, a cal nos axuda a explicar a procedencia do nome que recibe a nosa parroquia ( antigamente SERPENCIONES/SERPENTIONES).
Unha parroquia coma nosa, con tantos anos de historia está repleta de lendas e tradicións, a nosa terra rural, a dos montes e rios, a que se foi formando con familias entrelazadas, a das pequenas aldeas, aldeas de terras labradas, rodeadas de muíños, hórreos, pontes, fontes, lavadoiros.....
Unha parroquia na que as súas xentes padeceron ao longo de tantos anos enfermidades, guerras, emigración.....onde se traballou de sol a sol, onde ao longo de tantos anos os nosos antepasados foron cubrindo coa súa suor as nosas terras, colleita tras colleita, impregnando nelas o noso amor polo lugar que nos viu nacer.
Son tantas as cousas que se podían contar ! Tantas historias que cada un de nós sabemos e que xuntándoas conformarían un relato conxunto impagable. Por elo, o noso deber é tentar que non se esquezan, o noso fin é que a nosa memoria debe pervivir ao longo dos anos, é noso deber deixar un legado ás xeracións futuras a través de proxectos que perduren no tempo, que se vaían integrando no noso Patrimonio Cultural.
E deber de todos, xuntos podemos levalo a cabo.
Hoxe é un deses días que quedarán reflectidos na nosa historia, no noso Patrimonio, nos nosos corazóns.