Pedro Ferreira
Libre directo. Análise 10ª xornada
Ben, ben, bo..., se a semana pasada comentabamos que a sorpresa fora a derrota dos dous primeiros clasificados e á vez únicos invictos, nesta a noticia é máis sorprendente porque o fan os catro primeiros e co engadido de que os dous primeiros perden na casa e deste xeito pasan de invictos a non sumar nin un punto dos últimos seis. O sucedido é algo inédito nesta categoría e confirma algo evidente, a igualdade entre a maioría dos integrantes do grupo.
Consumidas as dez primeiras xornadas, para moitos como resultado do sucedido onte, a liga empeza de novo, e baséome en que o cuarto ten 17 puntos e o situado na décimo quinta posición 14. Alguén ofrece máis igualdade?, pois se atrevan vostedes a facer prognósticos, eu non, só comento e xa é bastante.
Ao Rácing de Ferrol sorpréndeo un Alondras que viña de recibir 8 goles en San Lázaro ofrecendo unha cara totalmente oposta a aquel día logrando corrixir os erros e malia empezar perdendo, lévase os tres puntos da Malata. O Somozas noutro partido tolo (chegáronse a fallar tres penaltis, dous o cadro local e un os visitantes, tamén lle finca o dente en Barreiro ao Celta B a pesar de xogar máis de 45 minutos en inferioridade numérica.
O Barbadás máis do mesmo. Derrota o Pontevedra CF e tamén o fai con dez por expulsión de Oli no minuto 58. E para redondear o desastre dos catro primeiros o Villalbés sae derrotado de San Lázaro cun gol do Pichichi da categoría, Joselu, que con este tanto chega a cifra de once. Atención tamén a Nacho do ÿrdenes, que cos seus tres goles ante o Céltiga lle achega e xa suma nove. Estamos a falar de dous dianteiros centro puros e desexados por moitos.
Pola cola mal panorama para os tres últimos clasificados que non levantan cabeza e ven como os demais vanlles marchando.
O partido da xornada para a próxima semana será o Cerceda-Rácing de Ferrol, dous equipos destinados a ocupar os postos de honra e para confirmar a reacción dos de Lemos ou a cara que ofrece o ata hai quince días intratable equipo de Aira. A parte negativa volve ser o importante número de lesionados, situación que pode ser moi preocupante para moitos conxuntos de equipos curtos.
REXIONAL PREFERENTE
E que dicir desta categoría, pois máis ou menos polos mesmos rumbos van os comentarios. Aquí os tres primeiros tampouco conseguiron a vitoria, pero polo menos non saíron derrotados, o que favorece os perseguidores e á vez candidatos ao ascenso que ven como recortan diferenzas e equipos como o Ribadumia e CD Choco se achegan ao grupo dos favoritos.
O gran prexudicado desta xornada foi o Arosa SC, que non dá coa tecla da regularidade que o puidese situar próximo a ese grupo de elixidos; nesta ocasión fallou na casa e ante un rival que con dous dianteiros de nivel, Tomás e Curiel está a chamar á porta do ascenso, e é de xustiza dicir que chama a atención que dous recén ascendidos, CD Valladares e Gondomar CF estean tamén na zona nobre e sen facer moito ruído.
O partido da xornada da próxima semana será o Marín CF-Pontevedra B. Os motivos de elixir este partido están na rivalidade existente entre dúas poboacións moi próximas e a necesidade da vitoria para calquera dos dous, sobre todo para os locais que de perder verían como un rival da súa liga se lle vai con sete puntos de marxe. Sen falar de partido dramático ou definitivo para o desenlace da liga, si poderiamos dicir de urxente para o aspecto anímico á hora de afrontar a recta final da primeira volta.