Ernesto Vázquez-Rey Farto
Don Cesáreo nos quiere gobernar
"El Presidente del Patronato del Museo de Pontevedra ha manifestado, en la última sesión celebrada, que la Diputación Provincial había tomado el acuerdo de aumentar el número de los Patronos. Allí expuse que mi opinión de que no puede aumentarse el número de vocales sin modificar previamente el Reglamento, y que no debe modificarse el Reglamento sin consultar previamente la voluntad del Patronato. Ante este respetable Organismo Provincial, que ha dado vida y autonomía a dicho Patronato, quiero insistir en mi opinión, y al mismo tiempo rogarle que acepte la renuncia de mi cargo de Patrono."
Así se expresou Castelao, xunto a outros membros do Padroado do Museo como Álvarez Limeses, Filgueira Valverde ou o marqués de Riestra a primeiros de abril de 1930 ao entender que a inxerencia que estaba a cometer a Deputación contra a autonomía do Museo era contraria ao espírito e á letra da moción fundacional do mesmo, e que interrompía as relacións de cordialidade e harmonía que sempre deberan manter ambas institucións. Oito décadas máis tarde estamos peor que naquela altura, malia intitulárense os que gobernan "Unha nova Deputación".
O certo é que actualmente o goberno provincial é como un deses seres mitolóxicos con dúas cabezas: por un lado Carmela Silva e por outro César Mosquera. Ningún quere resolver o problema da autonomía do Museo e, ao tempo, ningún quere perder a máis mínima posibilidade de utilizar o Museo como escenario das súas gloriosas xestas. E todo a costa do esforzo e dedicación exemplar dun amplo grupo de traballadores, que nunca tiveron complexo de empregado público nin padeceron -afortunadamente- o síndrome de Palacio, rara afección que convirte a rebeldía e o progresismo máis elevados en podremia sistémica.
Don Cesáreo, flamante vicepresidente nacionalista dunha Deputación Provincial, pensa que teorizando falsamente sobre a posibilidade de que os fondos do Museo de Pontevedra se leven ao Museo Centro Gaiás xa vai acalar a quen pedimos menos soberbia e máis xestión honrada da cousa pública.
Levando na Deputación dende 1991, tendo sobrevivido a cinco presidencias provinciais -incluída, accidentalmente, a súa propia-, e estando na vida política activa durante a maior parte da súa vida é de supoñer que non ignora a lexislación en materia de patrimonio cultural. Ou si? Sabe don Cesáreo que o Museo de Pontevedra foi declarado en 1962, polo ditador Franco, Monumento Histórico-Artístico pola riqueza das súas coleccións, o que viña a dotalo de especial protección patrimonial? Sabe don Cesáreo que a lexislación en materia de patrimonio cultural impide que se poidan levar as coleccións do Museo de Pontevedra a calquera outro centro pola súa consideración de BIC (Ben de Interese Cultural)?
Se con ese currículo ignora todo isto son ben temerarias as súas últimas declaracións. Se, pola contra, confunde intencionadamente o discurso, nada o separa xa de Ana Isabel Vázquez, rutilante estrela que pasou polo Museo organizando guateques hippies e autorizando destrucións de documentos, mentres que o abría todo á sociedade, como abre un charcuteiro un cocho calquera para vendelo en pezas: Aí está La Ultramar - Pepe Vieira no lugar dunha magnífica sala
de arqueoloxía e epigrafía romana, por exemplo.
Neste sentido, don Cesáreo debería pasar máis polo Museo para saber que nos fondos da casa hai miles de pezas que son propiedade da Consellaría de Cultura e que podería levar ao Gaiás cando quixera encher aqueles enormes espazos. Porque son súas. Pero ese non é o problema; o problema é que a Deputación se incautou ilegalmente de bens particulares, depósitos, legados e doazóns que estritamente foron a parar ao Museo de Pontevedra, non á casa grande da Avenida de Montero Ríos; e isto é do que don Cesáreo non quere falar.
Por isto, a Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra iniciou unha sorte de vieiro administrativo para poñer punto final á reivindicación da autonomía para o Museo de Pontevedra: O Estatuto de Autonomía para Galiza, aprobado en 1981, estableceu como competencia exclusiva, propia da comunidade, os "arquivos, bibliotecas e museos, de especial interese para a Comunidade Autónoma, que non sexan de titularidade estatal", que é exactamente
a definición do noso Museo, e a maior abundamento a Lei de Bases do Réxime Local, de 1985, que regula as competencias locais e provinciais, non lle da competencias en cultura nin en equipamentos culturais ás Deputacións Provinciais, polo que a discusión non existe. A Xunta de Galiza é a Administración que debe facerse cargo do Museo, e non porque o digamos nós, senón porque o di a Lei.
A situación é moi complexa, pero o futuro é da xente valente, e dende hai catro anos o Bloque Nacionalista Galego está a gañar en covardía ao ex presidente provincial Manuel Casas, que por tanto revanchismo e oportunismo político case aniquila os proxectos iniciados baixo o mandato de Daniel de la Sota, entre eles o propio Museo.
Se don Cesáreo ou o zaino Xosé Leal, tiveran a máis mínima preocupación polo que é, polo que representa e polo que custodia o Museo de Pontevedra, tomarían algunha decisión en consecuencia, non estarían a uns meses das eleccións propoñendo a creación da figura de Organismo Autónomo Local para o Museo -opción que houbo catro anos para estudar e debater- cando ás agachadas están decidindo quen ocupará a dirección da institución, por designación directa. Un proceso aciago que non traerá remedio, senón máis causas de nulidade á acción dun goberno que se revelou incapaz de solucionar os problemas dos cidadáns que reclamamos seriedade e rigor na xestión política dun ben inmaterial común como é a cultura.
Don Cesáreo quérenos gobernar, e nós seguímoslle a corrente. Pero ata aquí.