Manuel Pérez Lourido
A tiro limpo
Non sei como non se lle ocorreu a ninguén antes. Non sei como, tan listiños como somos todos, tiveron que ser eles, que andaban agochados por aí todos estes anos, quen desen no cravo. Tan difícil era reparar niso? Tan complicado resulta observar a realidade e tirar as reflexións máis obvias?
Pois non, foron eles, que teñen vocación de salvadores, o que nos viñeran salvar. Eles que miran non só por todos nós senón pola nosa unidade, pola nosa vocación de proxecto en común; eles que son de telo todo atado e ben atado e reparan en cousas que a nós se nos escapan, porque se nos escapan cousas...
Como non demos conta da inmensa cantidade de asuntos que se poden resolver cunha pistola ao cinto? Como puidemos vivir todos estes anos sen levar unha pistola no peto? Que hai máis patriota que unha pistola á man, cargada, por suposto?
"Que los españoles sin antecedentes y en pleno uso de sus facultades mentales puedan disponer de un arma en su casa para usarla en situaciones de amenaza real sin tener que enfrentarse a un infierno judicial". Hai tanta lucidez nestas palabras que non hai forma de lelas sen usar gafas de sol. Un pensamento da altura humana deste, que ademais xunta expresións como : "españoles sin antecedentes-facultades mentales-amenaza real-infierno judicial". Isto é unha obra mestra da retórica e mais do sentido común. Cando alguén amosa esta caste de superioridade intelectual, hai que renderse á evidencia. Van moito máis rápido e máis lonxe que nós: pásannos pola dereita a lume de carozo.
Despois está iso de "la medalla al mérito civil y un aplauso para quien mate o hiera a un ladrón en su casa", que ao principio tráeche á cabeza o nome de Marcial Lafuente Estefanía, pero se o miras ben o quid da cuestión está nese "mate o hiera" (non "hiera o mate"). Hai matices que falan por si mesmos.
Se en todos estes anos de democracia, ou chámalle X, non fomos quen de caer da burra e chegar á conclusión de que necesitamos facilitar o acceso ás armas para sermos máis felices, levar unha vida mellor e, sobre todo, deixarnos de caralladas; agora só podemos quitarnos o sombreiro, ou a boina, diante desta xente. Haberá quen lles chame iluminados, si, pero... e se esa luz é a do final do túnel, a que nos fai falta?. Por que non probar a resolver os problemas a tiros, xa que non os damos arranxado doutro xeito? Hai que ser humildes e recoñecer que non o sabemos todo, que hai asuntos que se nos pasan por alto, simplemente non reparamos neles.