Para poder curarse facíase o imposible, non se escatimaban medios, nin económicos nin a realización de curacións, aínda que fosen en grao sumo extravagantes.
Antigamente calquera enfermidade en nenos ou en maiores se achacaban a maioría a un Mal do Aire, os nosos antepasados foron testemuñas e moitos deles padeceron a enfermidade.
Victor L.Quibén, no seu libro A Medicina Popular en Galicia (Colección Arealonga) fai unha extensa explicación sobre esta enfermidade, onde aparece a nosa Parroquia e as medidas que se tomaban para curarse do mal.
Este Mal do Aire era coñecido de muitas maneiras, dependendo do lugar coñocianno como Airada, Aireada, Airexada, Airexo, Aldrapa, Anganido, Arangaño, Asombramento, Colleitizo, Encanillado, Mal do Coxo, Mal do Cobral, Mal de Estadea, Mal de Ponzoñas, Mal de Pezoña, Mal dá Toupa….e así ata máis de 40 xeitos de describir esta enfermidade ao longo da nosa Galicia.
Normalmente esta enfermidade transmitíase a través dun animal, tamén de unha persoa viva ou morta, ou dalgún sitio determinado….así que dependendo de quen producía a enfermidade se describía tendo en conta o animal, a persoa, o sitio etc.
Por exemplo, se era a través dun animal denominábase Mal de Boi, Mal do Cobro, Mal da Bacaloura, aínda que si era a través dunha persoa podía ser o Mal dunha muller menstruando, do Pai que logo de xacer coa nai, pasa por encima do neno…., si foi debido a algún sitio, podía ser o Mal do Camposanto, o Mal da Porta, o da Encrucillada etc. etc.
É curioso que para saber se efectivamente a persoa está enferma do Mal do Aire en cada Parroquia teñen os seus costumes para sanar, e así o foron facendo segundo a tradición de cada lugar durante anos e anos.
Na nosa Parroquia milenaria de Cerponzons tamén había uns determinados costumes, si o enfermo era un neno o primeiro que se facía era lavar ao neno, pero a auga con que se lavaba a ese neno doente tiña que ser auga que pasase por sete muiños e ademáis a persoa encargada de recoller a auga tiña que ter parentesco co neno.
Este parente tiña que saír da casa á mañá para recoller a auga, e unha das cousas máis importantes era que non podía falar nin saudarse con ninguén que se cruzase polo camiño, nin á ida, nin á volta.
O chegar a casa do doente procedíase a lavar ao neno, despóis secábaselle cunha servilleta de "lavanisco" ( Tea aprezada que imita o damasco) na cal aparecerán os pelos do animal ou manchas de sangue da persoa que lle producise a enfermidade á pobre criatura.
Pero, había forma de non contraer esta enfermidade ? Podíase un librar dela ?
É sabido que a certas cousas tíñaselles un medo enorme, as nais daquela época tiñan terror a algúns animais, un exemplo era á gata preñada, chegábase a botala fóra de casa para que non lle pasase este mal, que adoitaban ter asentado na punta do rabo, polo que nalgúns lugares chegábase a cortarlle a punta para que sane.
Tamén había o costume de someterse ao fume procedente de queimar unhas follas de laurel, isto adoitaba realizarse cando viña a familia dun velorio dun defunto, así se procuraba que o Aire do difuntiño non fose transmitido, na miña niñez era un costume saltar por encima das follas de laurel cando se estaban queimando, a miña avóa dicíame que o fixese, porque ao pasar por encima cortábase o "Aire" do defunto.
Había tamén máis formas de evitar o Mal do Aire, atarse ás bonecas amuletos, por exemplo, podíase ver a xente co asta dun cervo voante , o que coñecemos como bacaloura.
Bolsiñas cun dente de allo colgadas do pescozo era tamén moi habitual verllas á xente da aldea.
Tamén era costume usar o lume para evitar a ponzoña, adoitábase pasar a roupa interior pola chama para quitarlle o mal que puidese deixar unha sabandixa ou calquera outro animal ponzoñoso que puidese tocar a roupa.
Hai pouco comentábame o fillo do señor Joaquín Casas (q.e.p.d.), o que vivía no lugar da Bouza, que o seu pai comentoulle unha vez dun veciño da Parroquia que padecía un Mal de Ollo, e os seus amigos estaban preocupados pola súa delgadez, cada día que pasaba o vía máis delgado, sabían que alguén lle botara un Mal.
Vendo a situación decidiron ir xunto a él, irían á súa casa e a falar coa muller que eles pensaban que tiña a culpa.
Todos decididos fóronse a casa do enfermo, pero ao chegar á porta da casa detíñanse e comezaban a dubidar de si chamar, entre eles discutían si daban o paso de chamar é entrar, ou o de marcharse cada un para a súa casa, non fóra a ser que lle pasase a eles o mesmo e fósense co Mal de Ollo encima.
Logo de discutir o que facer decidiron marcharse para casa, non fóra a ser que… pero ao chegar a noite, estando na taberna volveron comentar o tema e non podían quedarse de brazos cruzados, o seu amigo cada vez ía a peor, outra vez decidiron ir á súa casa, á mañá seguinte volvían dirixirse á súa casa, pero oh ! Outra vez o medo volvía a eles e outra vez que se volvían ás súas casas...
(Fonte: MUSEO DO POBO GALEGO; Monografías; "La medicina popular en Galicia", autor; Victor Lis Quiben; Prólogo: Fermín Bouza Brey, Publicación: 1949)
( Fonte: Juan Casas )