Marta Rodríguez Engroba
Violencia de xénero, a eterna secundaria
No transcurso dunha conversa na que estábamos a tratar os inxentes atrancos cos que se atopan as mulleres vítimas de violencia de xénero cando tentan poñerlle remedio a súa case sempre dantesca situación, unha persoa cun papel fundamental neste eido, a que admiro e respecto profundamente, ademais de ter mais que gañado o meu afecto, e non soamente pola súa profesionalidade, que é intachable, se non tamén, e por riba de todo, pola súa humanidade, que me atrevería a dicir que é ainda maior que a primeira, contoume algo que, non é que me collera por sorpresa, porque a pouco que observes é obvio, pero que reflicte a perfección que a solución para tentar, xa non erradicar, se non, polo menos, paliar o azoute brutal e tráxico da violencia machista, se é que existe, está ainda moi, moi lonxe.
Malia que a súa actividade se centra principalmente na violencia de xénero e nas súas vítimas, non é este o único eido do que o sistema lle permite ocuparse, que é o que lle gustaría.
O certo é que eu o entendo perfectamente, xa que nada me faría mais feliz que poder dedicarlles as xornadas completas as mulleres que solicitan a axuda de Si, hai saída,pero, lamentablemente, tanto eu como o resto do equipo temos que subsistir, e tentar gañar polo menos o xustiño para pagar as facturas mais básicas, comer e ter un teito debaixo do que vivir, e, como de todos é sabido (bueno, ainda hai algún despistado por ahí que non o ten claro!) o noso traballo non está remunerado económicamente, malia que moralmente somos un equipo millonario, sen dúbida algunha.
O caso é que, tanto no caso da persoa da que estou a falar como no noso, o desexo de poder levar a cabo esa dedicación "full time" que desexaríamos dedicarlle ao que realmente nos move non é posible por diferentes razóns en ambos casos, e, en ambos casos tamén é bastante improbable que chegue a ser unha realidade.
Malia eso, e salvando as diferencias que hai entre o seu eido e o noso, se que temos algo en común, e esa foi a conclusión a que chegamos, e non sen mágoa.
Cando él, xa que é un home a persoa a que me estou a referir, comenta, como fai moitas veces, que o seu desexo sería dedicarse en exclusiva a violencia de xénero, a maioría da xente o mira con asombro e lle fai a pregunta do millón: "En serio?, a violencia de xénero?", para continuar con, "E non preferirías ocuparte de......?, e aquí comezan a citar cometidos desos de ensulla, con mais sona, non sei se mellor remunerados económicamente, pero que si lle garantirían un lucemento mediático e tamén, o recoñecemento de moita xente "de ben", algo a ter en conta, e, por suposto, eludiría toda implicación emocional que fai que moitas veces, e eso é algo mais que temos en común, cando a xornada remata, marche para a súa casa co corazón encollido despois de ver en primeira liña o sufrimento dalgunha muller ou mesmo dalgún neno ou nena.
O mesmo nos pasa en Si, hai saída.
Non podería dar un número aproximado a estas alturas das veces que, desde que comezamos a nosa traxectoria, me preguntaron, como tamén ao resto do equipo, que como se me ocurrira meterme nesto, que qué necesidade tiña, que todos son lios.
E xa desistín, por descontado, porque, francamente, por unha banda é algo que me trae sen cuidado, e, pola outra, por moito que o faga, non o ían entender, de explicar como é posible que non cambie, sobre todo en certas datas do ano, como é o verán, unha xornada de plaia ou unhas horas de lecer por acompañar a unha muller a poñer unha denuncia ou ao Punto de Encontro, e non faltan, por suposto, os que pensan, "vaia tola!".
Como digo, non é isto nada que me preocupe nin o mais mínimo, pero, pola contra, o que si me preocupa, e moi profundamente, ademais, e que os dous casos dos que estou a falar reflicten que, por desgraza, a violencia de xénero, ainda segue a ser unha cuestión totalmente secundaria, a que hai que atender pouco e rápido, e, por suposto, sen que isto vaia en detrimento de outras actividades mais beneficiosas, no senso que sexa, ou de horas de lecer.
No primeiro dos casos, case se lle está a dicir que dedicarse a loitar contra esta maldición que é a violencia machista é pouco menos que un descrédito profesional. Que o seu, e con mais motivo por tratarse dun home novo e, porén, con moitas posibilidades, dada, ademais, a súa enorme valía, sería volcar os seus esforzos en causas con mais recoñecemento e tamén, todo hai que dicilo, moito mais descansadas.
Non son quen de entender que hai persoas as que SI lles preocupa a violencia de xénero, que son conscientes do seu tráxico e sanguento alcance e que queren loitar para que esta sinrazón remate.
No meu propio caso, case se me tacha de parva,cando non de amargada (afortunadamente, os que me coñecen polo míudo saben que nada mais lonxe da realidade. Pola contra, a vena "paiasa" é algo carácterístico en min, pero, obviamente, hai un momento para cada cousa) e consideran o tempo que invirto en atender as mulleres que acuden a nos prácticamente perdido, ou, como moito, algo no que debería invertir tan só algúns deses ratos mortos nos que non teña nada mellor que facer, sen mais compromiso.
E ainda nos estraña que a violencia de xénero non remita, que siga medrando?
Porque, non nos enganemos, este xeito de pensar non é exclusivo de persoas alleas a nosa actividade, nin moito menos.
É o mesmo que senten moitos homes e mulleres aos que os organigramas empresariais ou institucionais colocaron nun despacho ou nunha cadeira, amparándose nos seus diplomas, ou nos seus méritos profesionais, pero esquecendo o mais importante, a humanidade, a sensibilidade mais elementais, e que "despachan"os casos de malos tratos e as súas vítimas o mais rapidamente posible, como se dun trámite burocrático mais se tratara, cando non se sinten pouco menos que "degradados" por ter que asumir esas funcións , sen decatarse de que a súa actitude, carente da mais mínima empatía, e un dos factores fundamentais de que esa lista negra de mulleres, mesmo de nenas e nenos asasinados por mor da violencia de xénero continúe medrando, e o que é peor, que isto se estea a normalizar de tal xeito que cada vez a importancia que se lle concede é menor.
Xa non é noticia, xa non impacta. Xa é habitual que, cada vez que un telexornal dedica uns escasos segundos a falar dun novo crime machista, o comentario mais frecuente, desde o sofá ou desde a barra do bar sexa : "Outra mais!", para, despois, seguir tomando o café ou continuar a conversa tranquilamente.
Para todo na vida hai categorías e tamén para os crimes, para os delitos.
É o crime que sega a vida de mulleres e nenos foi relegado a categoría dos de menor ensulla.
Por poñer unha comparanza, que tal vez semelle non vir moito a conto, pero que no fondo se axusta perfectamente ao que estou a dicir, a violencia de xénero é como esas actrices e eses actores que teñen unha longuísima traxectoria profesional, pero que nunca conseguiron un papel de protagonista, e aos que lles chaman, no argot profesional, os eternos secundarios.
Pois a violencia de xénero é xustamente iso, a eterna secundaria.
Existe, sempre está presente, ten peso, moito peso, pero nunca se lle acaba de dar a importancia precisa e que merece para tela en conta.
A diferencia é que, neste caso, non está en xogo un papel, se non vidas, moitas vidas.
Asociación Si, hai saída