Pedro J. Peón Estévez
Festa gastronómica do "Conodevelha" ou Lapa das pedras
Reunida a Comisión Permanente, e tras dun longo debate, encol da denominación oficial do evento, chegouse á conclusión seguinte:
Quedou descartada a denominación "Festa da Lapa” posto que, dado o caracter retranqueiro dos cravaneláns, moi logo lhe ían chamar "Festa do Lapo” organizando campionatos de lanzamento dese noxento residuo corporal.
Tamén se descartou chamarlhe "Xantar do Conodevelha” porque, segundo o concelheiro de Cultura, tal denominación podería ter "connotacións xerontófilas”, que el saberá o que quere dicir iso. Por outra banda este término non sería ben entendido polos "ghiris” que nos visitan (os "ghodechinchos” para melhor entendernos) De nada valeu anteponher argumentos histórico-antropolóxico-culturais afirmando que a bendición de Frai Caralhás, no marinense Enterro da Sardinha, di así : " Cela rabunhagatos e Conodeveeelhaaa”
Tamén foi desbotada a proposta da boticaria de chamarlle ó humilde molusco polo seu nome científico " Patella Vulgata " pois, a xuízo do concelheiro de Lobadas e Cuchipandas, " Pa tela vulgata " é melhor non ter nada. A senhora boticaria contestoulhe: "¡ Imbécil !”
En última instancia quedou aprobada por maioría simple a denominación " Festa Gastronómica dos Lapaconos. No mesmo acto acordouse instituir unha Magna Orde Gastronómica nomeando ó alcalde Lapa Conos Maior e ó cura Lapa Conos de Honra. A vestimenta oficial consistiría nunha chilaba cor verdelho e unha sobrecapa anoada ó pescozo co escudo do concelho bordado, diversas insignias conmemorativas e outros trebelhos da máis absurda procedencia. O ridículo conxunto vai rematado por un curupete cónico pseudo chinés que representa a cuncha do devandito molusco.
Pero como toda festa gastronómica que se prece posúe a súa mascota, esta non ía ser menos e así foi creado Lapamán (o Home lapa), un superheroe que, como o seu nome indica, se se che acopla xa non te dás ceibado del.
Tamén ficou esbozado o programa da festa, fóra imprevistos: Pola manhá, dianas e alboradas e pasarrúas encabezado polo Conicho (mascota infantil). Ás doce pregón a cargo dalgún famosilho en paro da Tvg. De seguido, degustación e concurso das diferentes receitas do humilde gasterópodo: " Conodevelha a la marinera ", " empanada de Conodevelha ", al aghilho, con salsa tártara, tipo vieira etc. e tamén degustación gratuita das conservas de Conodevelha en escabeche. E xa por último, presentación do producto máis novedoso da Nouvelle Cuisine experimental de Cravanelas: xeado de Conodevelha con tropezóns de calacú.
E como remate, gran verbena ata altas horas da madrugada a cargo dunha prestixiosa orquestra e tirada de fogos de lucerío.