Tribuna Viva
Carta aberta aos marinenses: un S.O.S. desde Lourizán
Os veciños de Lourizán somos pontevedreses. Alomenos iso é o que di no noso DNI. Pero o certo é que temos o corazón dividido e a maioría de nós temos un sentimento de pertenza a Marín maior que o que temos hacia Pontevedra. Marín é a nosa casa, sentímolo como propio. Isto é así por moitos motivos: pola cercanía física, polas relacións familiares, por razóns históricas, como o vínculo Estribela-Cantodarea, que sempre funcionou como unha unidade, polo noso acento, pola consideración hacia nós dos habitantes da capital, para quen todo aquel que collía o trole era de Marín... De feito, aínda hoxe en día non todos o teñen moi claro en Pontevedra.
Se se levara a cabo un referéndum en Lourizán para elexir a cal dos dous concellos pertencer, é moi posible que gañara a opción de Marín. Sobre todo, se nos aseguraran que nos ían tratar mellor de como nos tratou Pontevedra nas últimas décadas. Pero isto, en vista dos últimos acontecementos, tampouco estaría asegurado. Máis ben ao contrario.
Como saberedes, temos un conflito importante na nosa parroquia. Referímonos á posible ampliación da EDAR dos Praceres e ao novo emisario submarino, que supón a primeira fase desa ampliación. A Xunta quere triplicar a EDAR actual. Isto significaría acabar de masacrar a Lourizán e, especialmente, ao lugar dos Praceres. Coñecedes os problemas que levamos soportando 26 anos, cos malos cheiros da depuradora, que se suman aos da depuradora de Ence e aos da propia fábrica. Coñecédelos de primeira man, porque para ir a Pontevedra tendes que cruzar a nosa parroquia. Levamos 26 anos soportando estoicamente a convivencia diaria con esta depuradora que nunca funcionou ben e que nunca asegurou un saneamento axeitado. Somos os primeiros interesados en que a EDAR funcione correctamente. E todos estamos de acordo en que hai que solucionar as deficiencias do saneamento da ría. A cuestión é como se fai e as propostas da Xunta son simplemente inasumibles para calquera persoa que viva en Lourizán.
Neste último ano desde que estalou o conflito, cando a Xunta adiantou os seus plans, en maio de 2018, comprobamos que este tema está ausente do debate político en Marín. Nin sequera no da rúa. Algo que nos produce dor e pena. Por unha banda, polo que de falta de solidariedade e de empatía significa. E por outra, por comprobar que o noso amor por Marín é, ou polo menos o parece, un amor non correspondido.
Cando se formou a Plataforma Non Á Ampliación, o que empezamos a reivindicar foi que había que buscar alternativas á ampliación. E que estas alternativas pasaban por facer máis depuradoras en lugar de concentrar todas as augas residuais nun único punto, situado nun recheo do DPMT e enriba do banco marisqueiro, a través de km e km de tuberías. Hai que recordar que na Ría de Arousa hai 11 e na de Vigo 9, mentras na de Pontevedra soamente 3. E que antes de falar de ampliacións, había que solucionar os graves problemas da rede de saneamento, coa entrada masiva de augas pluviais e de auga de mar, os principais causantes de que a EDAR dos Praceres non funcione adecuadamente. Como podedes comprobar, cousas moi razoables. Menos para a Xunta de Galicia.
Por certo, que gran parte dos problemas coas augas pluviais e de mar proveñen da rede de Marín. Por outro lado, parte da problemática da EDAR deriva de mesturar as augas residuais urbanas coas industriais, e estas últimas proveñen en gran medida do Porto. Tamén do Polígono industrial da Reigosa, todo hai que dicilo. E cando desde a plataforma veciñal propoñiamos alternativas para que non fora necesario ampliar a EDAR, no relativo a Marín, falabamos, en primeiro lugar, de solucionar os problemas de entrada de pluviais e auga de mar na rede, e, en segundo lugar, dunha depuradora para o Porto de Marín para que non cheguen as augas residuais industriais aos Praceres. E se aínda así non fora suficiente, facer unha depuradora para Marín. Tamén para Poio, por suposto. Pero da de Poio, xa fai 9 anos que se vén falando dela: "a depuradora pa cuando?".
Fixádevos que non dicimos que quiten a EDAR dos Praceres e que a leven para Marín. Dicimos que se fora necesario, despois de levar a cabo outras actuacións, antes de triplicar a dos Praceres, que fagan unha depuradora para Marín. Unha depuradora para as augas residuais que xeneran os habitantes de Marín. Tampouco cremos que sexa algo inasumible como si que sería triplicar a dos Praceres. E isto xa non é unha cuestión de solidariedade, senón de responsabilidade. Que cada concello debera responsabilizarse das súas propias augas residuais. E ata agora, durante 26 anos, nunca dixemos nada por recibir as augas residuais, total ou parcialmente, de 5 concellos. Nada menos. Houbo barra libre e nunca protestamos aínda que nos causou prexuizos diariamente. Pero xa, cando a Xunta nos quere afogar na merda, triplicando a EDAR, temos que levantar a voz e dicir "Ata aquí! A partir de agora que cada un se faga responsable da súa merda!".
Ningún partido de Marín leva este tema no seu programa político para estas municipais. Pódese considerar lóxico se pensamos que ningún voto lles pode aportar e si en cambio quitar. Pero é unha mostra de falta de valentía, e sobre todo, de solidariedade para con Lourizán.
En gran medida, a principal responsable de que o modelo de saneamento da ría non estea no debate político en Marín é María Ramallo, como alcaldesa. Zanxou este tema, en connivencia coa Xunta. Despois da primeira reunión da Mesa polo Saneamento da Ría de Pontevedra, desde que nacera a plataforma e se falara da posibilidade dunha depuradora para Marín, Ramallo saíu da reunión e declarou aliviada que "a depuradora para Marín queda desterrada", deixando claro que a conselleira do seu partido, Ethel Vázquez, seguía coa idea da ampliación, aínda que o pleno municipal de Pontevedra votara en contra por unanimidade e non contemplaba outras opcións. Ante o conflito veciñal en Lourizán e a proposta de buscar alternativas a triplicar a depuradora dos Praceres, o que fixo María Ramallo foi esconderse "detrás do primo de Zumosol", isto é Feijóo. Incluso declarou posteriormente, apelando a unha especie de dereito de pernada, que a EDAR dos Praceres é a depuradora de Marín, que xa se construíu nos anos 90 para dar servicio aos dous concellos e que Marín non vai construír outra depuradora porque xa ten a de Lourizán. Isto, ademais de ser unha demostración de ter "moito morro", é falso. Hai que recordar que Marín tiña 2 depuradoras, en Loira e Mogor e que posteriormente se pecharon, apostando por enviar todas as augas residuais aos Praceres, co gasto enerxético que supón o seu bombeo para superar as cotas de nivel.
En vista dos acontecementos e das declaracións de Ramallo, desde a nosa parroquia é vista como unha alcaldesa con falta de responsabilidade, por non responsabilizarse das augas residuais do seu concello, e totalmente insolidaria cos problemas dos veciños de Lourizán. Ata agora a EDAR dos Praceres era a depuradora de Marín. Pero agora as cousas cambiaron, porque a Xunta quere tripicala. E ante este novo escenario e o conflito veciñal derivado, un político responsable ten que saber reaccionar e estar á altura. Unha alcaldesa responsable debería dicir: "Bueno, pois sentémonos todas as partes e busquemos solucións entre todos". E antes de falar dunha depuradora para Marín, habería que falar de solucionar os problemas da rede de saneamento coas pluviais e a auga de mar e dunha depuradora de pequenas dimensións para o Porto. Pero nada disto se pon enriba da mesa. O máis fácil é esconderse detrás do primo de Zumosol. De verdade, Ramallo, que che dan igual os veciños de Lourizán e que nos tripliquen a depuradora? De verdade es tan egoísta e insensible?.
E o máis irónico de todo é que un veciño de Lourizán paga case 10 veces máis polo saneamento que un de Marín. Así que sí, hai que recoñecer que desde un punto e vista egoísta, a xogada é perfecta. É un auténtico choio. Pero nós pensamos que a ética e a solidariedade deben ter un lugar preeminente na política.
E despois está o "timo da estampita" orquestado entre Ramallo e a Xunta, que din preocuparse polo saneamento da ría: o colector da Avenida de Ourense. Como xa denunciamos no seu momento, esta obra só serve para enviar máis e mellor as augas residuais á EDAR dos Praceres, cun tubo máis gordo. Pero en nada beneficia ao saneamento da ría. Como xa denunciara Ana Miranda en 2016 ante a UE, non separa as pluviais e inclúe un tanque de tormentas, que en caso de saturación, soltaría as augas residuais sen tratamento directamente á ría. Pero a cousa aínda é peor. Porque desde a denuncia de Ana Miranda, do proxecto inicial, quedou polo camiño a actuación na Rúa Lameira e no colector da Rúa do Forte, precisamente os dous puntos máis problemáticos da rede de saneamento de Marín. Na Rúa Lameira, debido á entrada das pluviais ao discurrir as tuberías polo cauce do río, e no caso da Rúa do Forte, pola entrada constante de auga de mar no colector. Así que esa é a verdade: que Marín leva meses levantada, coas consecuentes molestias para toda a veciñanza, por unha obra que só serve para que dentro dun tempo se poida xustificar por parte da Xunta que a ampliación é necesaria, pero non para mellorar o saneamento da ría.
Queremos rematar explicando que a intención desta carta é apelar á empatía e á solidariedade da xente de Marín, da xente de ben, que é a gran maioría, e tratar de introducir no debate político este problema que nos quita o sono, xa que os partidos de Marín non o fan. E xa que a democracia só nos dá á cidadanía a posibilidade de exercer o noso poder cada catro anos e de render contas cos que gobernan, queremos poñer de manifesto o papel da alcaldesa neste tema. Porque cremos que a dignidade dos veciños de Lourizán pasa por levantar a nosa voz e loitar para que a ampliación non se consume. E cremos que a honestidade dos veciños de Marín neste asunto está en tendernos a man para buscar solucións xuntos. O que está claro é que a honestidade dos seus representantes políticos non pasa por comportarse como caraduras que á hora de pagar a conta se escaquean.
PLATAFORMA VECIÑAL DE LOURIZÁN