Marta Rodríguez Engroba
"Concienciación", moita; pero de lonxe
Esta semana, na miña cidade os medios de comunicación recolleron un feito que levantou expectación e que foi motivo de felicitacións para un dos seus protagonistas.
Unha rapaza de tan só dezanove anos foi agredida en plena rúa pola súa ex parella, cando paseaba cunha amiga.
Malia que esta agresión se cometeu a unha hora punta, nunha rúa céntrica, con varias terrazas de cafeterías, e atopándose estas ateigadas de xente por mor do bo tempo, ninguén se inmutou, agás un home que inmediatamente tentou interceptar o agresor e chamou a Policía.
Como é de supoñer, todo o mundo louvou a súa acción, incluída a rapaza agredida que llo agradeceu entre bágoas, e, relataba o home, cando os medios o entrevistaron, o seu horror ante unha acción tal, máxime tratándose de xente tan nova, xa que pensaba que lle podía suceder mesmo a súa filla, e instaba a rapaza agredida a que non retirase a denuncia.
Ata aí todo ben.
Os comentarios, como xa dixen ao comezo, eloxiando a acción deste home foron innumerables, pero, unha vez máis, tiven que chegar a conclusión de que eu son para darme de comer aparte, porque semella que fun a única en reparar nalgúns aspectos deste suceso dos que, polo menos aparentemente, ninguén se decatou.
De entrada, é lamentable, ademais de alarmante, primeiro, comprobar como a violencia de xénero segue campando libremente, e mesmo medrando, e segundo, que, ainda a estas alturas, un feito como o levado a cabo por este señor sexa noticia, xa que debería ser algo que todo o mundo fixera, pero é obvio que non é así, e as probas me remito.
Resulta como mínimo curioso que ningunha das persoas que presenciaron o suceso, que se desfixeron en eloxios cara o home, e que se atopaban no mesmo sitio, valoren tanto a súa acción, pero non moveran nin un só dedo para axudar a rapaza.
É mellor ficar sentados na terraza vendo o "espectáculo", e, se a cousa se complica, eles nin saben, nin contestan. O que si fan moi ben é criticar aos máis novos, entre outros, e recriminarlles que cada vez son máis violentos e están menos concienciados coa violencia de xénero... Non sei de quen o aprenderán!
Por outra banda, non serei eu, desde logo, quen lle quite méritos ao xesto dese home que defendeu a rapaza, e que, no que atinxe a chamada a policía fixo o correcto, sen dúbida.
Pero, a partir dese momento, a cousa, polo menos para min, non está tan clara.
Dado que presenciou a agresión de primeira man, e mesmo foi parte activa na súa resolución, por que non presentou a pertinente denuncia?
O mesmo da que a rapaza agredida o fixera ou non, algo sobre o que, francamente, e sempre desde a ignorancia e a prudencia, teño as miñas dúbidas, xa que con tan só dezanove anos, é bastante probable que nin siquera se plantexe facelo, como tamén o é que lle agoche o acontecido a súa familia.
El aconselloulle á rapaza que, no caso de denunciar, non retirase a denuncia, pero, polo visto, ignora que é un deber de todo cidadán que presencia un acto violento, como foi o seu caso, denuncialo.
Aclárolle tamén, se me le, que as denuncias, a día de hoxe, non se retiran, e se a vítima non quere seguir adiante, algo frecuente provocado polo medo que sinten, o proceso continúa de oficio.
Outra cousa é que, unha vez no Xulgado, ela se acolla ao seu dereito a non declarar.
Nese caso, algo que no meu criterio é moi cuestionable, o proceso, por desgraza, remata ahí, quedando o agresor impune, co risco que isto implica, para ela e para outras posibles mulleres, porque o que maltrata nunca o fai unha soa vez, nin a unha soa parella.
Analizando todos estes feitos, creo que non erro se afirmo con total rotundidade que, no que atinxe a violencia de xénero, non soamente non avanzamos tanto como nos queren vender, se non que o retroceso que se está a experimentar é importante, tanto por parte do que agrede, como desa sociedade presuntamente "tan concienciada" co tema.
É sinxelamente deleznable que, ante unha agresión de tal calibre, a xente fique impasible. Tanto como preocupante que, quen amosando un chisco máis de sensibilidade, e, por qué non dicilo, de valor, as cousas como son, ignore o seu deber máis elemental, como é o de denunciar.
É o que xa pon os pelos de punta, polo menos a min, e que a ninguén lle chame isto a atención.
Falar é moi doado. Sair a rúa os días D detrás dunha pancarta, berrando consignas, tamén, ademais de moi vistoso, pero tomar parte activa nesa loita que se supón se está a levar a cabo contra a violencia de xénero… iso xa é outra cousa.
Loitar para tentar erradicar a violencia machista comeza por que todos e cada un de nos asumamos que temos o deber moral de dar a voz de alarma ante calquera caso que coñezamos e, por suposto ante calquera agresión que presenciemos.
Os xestos como os do home do que falo neste artigo son moi loables, claro que si, pero son como unha venda que se coloca sobre unha ferida infectada sen tratar previamente a orixe desa infección.
O mal segue aí, e non soamente non vai curar, se non que empeorará, e quen sabe, tal vez sexa causa de morte.
Tampouco ficar sentados, indiferentes, vendo como outros actúan, é a solución, por moito que se alabe.
Iso non e concienciación, e, sinxelamente, ser cómplices, e, porén, maltrato.
Asociación Si, hai saída