Alexandre Alberte Moreira
Nosa realidade paralela
Esta reflexión xa a tiña feito antes de que me diagnosticaran a neuroacantocitosis, e as razóns eran tanto de índole espiritual... é unha doutrina que baséase na introspección, en mergullarse no noso interior, en procurar e dar o mellor de nos mesmos... coma de simpatía
Buda ten un aspecto moito máis bondadoso, sabio, pachorrento, tranquiliño, cércano, de perdoar, de paz, lémbrame en certos aspectos a Papa Noel, pola contra tanto Deus coma Ala, impoñen respecto, medo, submisión, distanza, omnipotencia, castigo, penitencia, guerras, Cruzad@s, Sarracenos, Santa Inquisición.
A partires do meu diagnóstico, un 22 de Agosto do Ano 2013, as causas anteriores, que saían do corazón, engadíase outra que só saía da razón, quizás do egoísmo, a necesidade da reencarnación...
Necesitaba reencarnarme... non para ser mellor persoa, nin por vivir outra vida igual, senón para ver onde podería haber chegado, sen os atrancos que o parecer impúxome a enfermidade, o mellor sería arquitecto na vez de aparellador, parado mais con título superior.
Coma nas relacións humanas, coido que non afectara, con Adriana Lima non tería casado, entón de que me houbese valido terme reencarnado.
Ademais reencarnado sigo sendo.
Ou sexa que aínda que Buda cáeme ben simpático, coido que por vago, budista non me fago.
E aquí realmente comeza o que vos teño que contar, unha tardiña do mes de Outubro do Ano 2013, coido que foi o mesmo día que alumeei o conto "Noe non son", veume o pensamento unha idea, que a noite pasada amosou en certeza.
Ese día pensei que cada un de nos, xa sexa muller ou home, nena ou neno... en algún punto do Universo, coñecido ou paralelo, ten unha persoa xeneticamente idéntica, cos ADNs cuspidiños, aínda que os pais non son os mesmos, nin teñen os mesmos irmáns, nin vivan realidades paralelas nin falen a mesma fala, mais a esencia é a mesma, así coma a bondade ou a maldade.
Un día de vai moitísimos anos, fun lavalo pelo (hoxe lavo a cabeza), as augas sulfurosas que hai o pe do Río Lérez, o seu paso por San Xurxo de Sacos, preto da Carballeira de San Xusto, alí había un home duns corenta anos, facendo ioga, cando rematou, achegouse onde a min, e preguntoume que facía, eu díxenlle que intentaba salvalo pelo, entón díxome que era curandeiro, e si lle deixaba facerme unha proba, aceptei, se un día deixei que Eladio o fillo de Otilia o da Pepina, atravesara con unha agulla, un cacho de carne da miña moneca, que mal podería facerme un curandeiro.
Púxose detrás de min, e colocou as palmas das súas mans a ambos lados da miña caluga, apertou con forza e fixo que me puxera en puntiñas. Lémbrome que acertárame con unha doenza que neses intres estaba sufrindo e aseguroume que viaxaba moito astralmente, aínda que eu non era consciente, ata esta noite de Reis.
Aínda que lembro que nalgún soño, xa estiven nadando nunha piscina sen auga, sen gravidade, e con xente amiga mais estraña, e morfoloxicamente distinta, nun planeta que eu non recoñecía, que evidentemente non era o noso, no cal o día non existía e eu non entendía coma podía vivir naquela atmosfera que me resultaba tan estraña; ou noutro non vai tanto tempo, no que percorría as rúas medievais dun vello pobo do centro de Italia, e asistía a un concerto de "Tina Turner"... onde tropezaba cun militar cuspidiño ó que sae no vídeo de Little Steven "Bitter Fruit", subido no mesmo Jeep americano da Segunda Guerra Mundial, e do que escribín o conto "Concerto de Almodovar e MacMadonna", sono do que lembraba pelos e sinais.
Esta noite de Reis, non sei se foi un sono, unha viaxe astral, o un cacho de turrón 1880, caducado a bo seguro, vivín unha experiencia que confirma o que ata agora só era un pensamento, a existencia dun eu, duns nos paralelos.
Nun Planeta alleo e descoñecido, aínda que de aspecto semellante á Terra, atopeime de súpeto, sobre unha inmensa floresta que ocuparía uns 5.500.000 quilómetros cadrados, un inmenso e espeso manto verde, cheo de enormes árbores, cuás frondosas copas apenas deixaban ver un metro cadrado do chan, e a modo de arteiras, miles de ríos que serpentean, retórcense, e caprichosamente xogan coa vexetación, trazando liñas intensamente azuis que semellan as unións dun quebracabezas de infinitas pezas.
Entre tódolos ríos destaca un, non só pola súa lonxitude de máis de 7.000 quilómetros, que atravesa de Oeste ó Leste todo este inmenso pulmón verde, senón e sobre todo polo seu caudal, a cunca chega nalgúns puntos os 48 quilómetros de anchura...
Mais de pronto reparei nun claro na selva, apenas un grao de area nun deserto, unha pinga nun augaceiro, que non chamaría a miña atención de non estar situado no centro xeográfico "exacto" de tan vasta superficie, coma o centro de gravidade das presas de Itaipu, ou Asuan, ou o incentro dun triángulo.
Por algunha razón que non acertaba a comprender, sentín un irrefreable desexo, unha necesidade de achegarme a aquela calva, deixada por un pelo caído da cabeleira dunha india Cherokee.
O claro de non máis de 5.000 metros cadrados, tiña unha forma que asemellaba a unha elipse, ó sur estaba protexida por un río, que debido a proporción da selva apenas semellaba un regato, só así se entende a ubicación do poboado, lixeiramente elevado respeto o couce do río, no lado oeste precipitábase nunha serie de fervenzas, e aos pes destas, abríanse pozas de augas cristalinas, onde os nenos e nenas xogaban e rían, diante do poboado transcorría sereno e apracibel.
Na contorna onde a selva asexaba, unha empalizada duns tres metros de altura, realizada con pequenos troncos verticais e ramas entrelazadas coa mesma técnica que empregaban para facer os berces, as hamacas, e os cestos para a recollida dos froitos.
No centro da aldea "Xanonai", hai unha construción, sensiblemente máis grande cas demais, arredor da cal dispóñense as vivendas, (vinte ou vinte e cinco en total), coas portas orientadas cara o sur.
A Casa Comunal, e maior, non só en superficie senón tamén en altura, é onde se discuten e deciden asambleiariamente cousas trascendentais para o pobo dos xanonais, celébranse unións, bautizos e rituais animistas, tanto a casa principal, de forma rectangular e duns 200 metros cadrados (10*20), orientada de oeste ó leste, con unha porta centrada en cada un dos lados menores, e cos laterais paralelos o río, coma as vivendas de 10*5 metros cadrados, teñen o teito a dúas augas, con unha pendente de 45º, xa que aínda que están protexidas por follas de palma sobre un entramado de canas, cubertas por palla entretecida, deben soportar choivas torrenciais que as veces prolónganse por semanas.
Pola posición dos seus Soles, son coma un ovo de dúas xemas, calculo que deben de ser a unha da tarde, mentres algunhas mulleres avivan o lume dunha pequena fogueira situada entre a casa principal e o río, outras estenden follas de palma no chan, e nelas van colocando con estrema delicadeza, os froitos que elas mesmas cultivan na horta comunal, plátanos, xuca, mandioca, ñame, millo, papaia, cana da azucre, outras chegan da selva cos cestos cheos de pixiguaos, palma moriche, sexes, cucuritos, mereis, cacao, noces e fungos, deixan algo de cada cesto sobre as palmas, e despois diríxense a unha cabana situada detrás da principal e protexida por esta do sol, que debe facer a función de graneiro, saen cos cestos baleiros, e axudan as demais.
Media hora máis tarde, chegaron cinco homes e tres mozos, entre dous homes, colgado dun pao, traían un enorme tapir ou capibara, ademais, un dos mozos cazara un mono aullador, coa axuda dunha cerbatana impregnada con curare.
Un dos homes era "eu" (con máis pelo), maldita evolución, era a miña realidade paralela, éramos cuspidiños coma dúas pingas de auga, ou dous grans de arroz...
De pronto, unha muller que ensinaba a un grupo de mozas sentadas en corro, coma se entrelazaban as rafias de palma para facer un berce, ergueuse e dirixiuse cara a "eu", abrazáronse, abrazámonos, era marabillosa, alta, de pel cetriña, de cabelo crecho e máis negro ca noite, e con uns preciosos ollos verdes.
Un dos tres mozos, o que cazara o mono era o noso fillo maior, a filla de quince anos, acababa de rematar con éxito seu primeiro cesto, e a súa beira unha meniña de non máis de tres anos, tiráballe dunha folla da saia, para que lle lavase o pelo no río... colleuna no colo, doulle un bico, e díxolle que despois de xantar... aínda que nova, miña namorada xa era avoa.
As amigas brasileiras, Ana Luzia, Angra, Fabrizia e Marlene, Lorraine, coido que non esquezo a ningunha, prego que mo lembre.