Tribuna Viva
As touradas en Pontevedra, camiño da súa desaparición
Esta fin de semana vimos de coñecer que Pontevedra acollerá novamente unha feira taurina, coincidindo coas festas da Peregrina do mes de agosto. Esta feira é a última que se celebra en Galiza despois de que fosen desaparecendo as que se celebraban en Coruña, Noia e Padrón. Según diversas estatísticas, máis do 85% das galegas e galegos móstranse contrarios á celebración destes festexos e apenas o 0,8% declaran ter asistido ás touradas.
Sabendo que é unha mala nova (e unha mala imaxe para a cidade) que Pontevedra acolla unha nova feira taurina, a novidade é que esta se celebrará nun só fin de semana. Lembremos que ate fai catro anos, o cartel da feira era de catro días, pasando posteriormente a tres días. Para este 2019 quedará en apenas dous días, cifras que non se daban desde a década dos 80 e comezos dos 90.
Desde o empresariado taurino argumentan criterios económicos pero esta decisión ten un trasfondo maior que non se pode ocultar. As touradas son un festexo alleo á cultura do noso país que ademáis conta cunha oposición maioritaria polo seu carácter violento e maltratador. Durante moitos anos foron mantidas económica e socialmente por sectores políticos e empresariais, situación que se foi reducindo grazas á presión social.
No caso de Pontevedra, compre destacar que nos anos 90, o lobby taurino recibía subvencións directas por parte do Concello de Pontevedra ademáis de subvencións indirectas, compra de entradas para posteriormente agasallar e publicidade institucional. Isto desapareceu co cambio de goberno que en 1999 acabou con todos estes privilexios agás un, a subvención indirecta, onde na actualidade e mediante un acordo, o Concello de Pontevedra pode utilizar o coso de San Roque para entre outras actividades o torneo medieval da Feira Franca. Por iso seguiremos pelexando para que eses 35.000 euros anuais se reinvirtan noutros campos, contribuíndo así a afogar a un lobby en retroceso.
Nos anos seguintes, cun movemento antitouradas organizado e coa mudanza de goberno na Deputación, conseguimos que esta declarara a provincia antitouradas e que cortara de raíz todas as subvencións que destinaba Rafael Louzán a este sector. Ademáis conseguimos que se retirara a feira taurina do programa de festas e que o pleno do Concello de Pontevedra declarara a cidade como amiga dos animais e contraria aos festexos taurinos.
Na actualidade, o movemento abolicionista medra mentres que o mundo taurino esmorece, afogado polo nulo apoio social mais sostido artificialmente pola Xunta de Galicia a cal fai das touradas unha excepción na Lei de Protección Animal, permitindo a súa celebración na nosa cidade.
Desde Touradas fóra de Pontevedra anunciamos que estaremos nas rúas no mes de agosto, mobilizándonos polo fin desta barbarie e en defensa dunha cidade libre de tortura animal. Nas vindeiras semanas anunciaremos a data da nosa mobilización mais si podemos anunciar que levamos semanas organizándonos, celebrando asembleas con simpatizantes e preparando a que agardemos que sexa se non a última, unha das últimas mobilización antitouradas da nosa cidade.