Pedro J. Peón Estévez
Olho coas palabras
Existen palabras e máis que palabras. Hainas malsoantes, esdrúxulas, de amor, de honor, de terror, "del niño Jesús", duras, doces, de despedida, de traizón, de dobre (e ata triple) senso.
Hainas que son promesas, enganos, verdade, vaidade, xustiza… Hainas que son berros desesperados, ameazas, insultos…Hainas de agarimo, de odio, ferintes, magoantes e/ou indiferentes e hainas que son, sinxelamente, mintira. Estas son as que máis medo me dan. Se lhes parece ben, podemos analizar algunhas.
"Biofábrica de Lourizan" (esta é boa). Biofábrica é un palabro. Preténdese dar a entender que é algo que fabrica vida e a de Lourizán é exactamente todo o contrario, polo tanto, a forma correcta é Biofóbica.
A Biofóbica de Lourizán ten por enderezo "Marisma de Lourizán sen número". Vexamos: Lourizán, si; sen número, tamén…pero Marisma non. Non, paisanos non. A única marisma que existía nesa área era a Xunqueira de Gandarela e, cando apareceu a celulosa, o seu acceso ó mar (Pontemuínhos) xa estaba cortado por tres vieiros, a saber: estrada PO 645, recheo do ferrocarril ó porto e "avenida". E que de estar erguida sobre unha marisma, a Biofóbica tería menor delicto? Pode, pero o certo é que se construiu na costa, ribeira, litoral. De "marisma" nada. Coma así, preténdese dar a entender que unha marisma é un espazo menor, desprezable.. son conscientes vostedes da importancia que ten unha marisma para a vida do mar?
Dicir que naquel lugar (enseada de Lourizán) non había NADA, como tenho escoitado ó longo de 60 anos, e algo interesadamente falso. Eu xoguei, pesquei e nadei e Ben sei o que alí había e deixaba de haber. E vivín boa parte da minha nenez dentro daquel "mar pequeno". Os que din non ver nada falan á vista da famosa foto aérea en branco e negro dos cincuenta. Verían as casas e estradas da ribeira ou iso tampouco era "nada"? E cando miran no Google Earth os océanos, tampouco verán as illas, barcos, baleas…e tamén dirán que alí non hai "nada"?
Non había nada pero cando a "Bicha" comezou a botar lodra en outubro de 1962, saíron a flote toneladas de peixe morto no espazo de mar que había entre a Biofóbica e os Praceres. Iso vino eu desde o trole caminho do instituto recén comezado o curso 1962-63. Eu non falo de oídas coma a Trinca arregui-casal-colmenares.
Moitas veces me tenhen dito: "tinhas que visitar a fábrica para falar con conhecemento de causa", o que eu respondía: "eu, por desgraza, tenho conhecemento de efecto" e, as veces, engadía: "cando ti gastabas biberón xa eu andaba por dentro das galerías da celulosa coma as ratas".
Ás veces ocultar a verdade é aínda peor que a mentira. A finais dos sesenta, a celulosa deixou de consumir pinheiro e pasouse ó eucalipto. A partir daí Galiza comezou a arder polos catro costados. Casualidade? Non o sei.
Pero no cambio de década apareceu en Lourizán unha plaga de Bark Beetle. Non se cansen a buscar porque non quedou constancia de nada, sería cousa da censura. Ata mesmo eu coidei que o sonhara, que o pequeno coleóptero fodepinheiros era cousa do meu maxín. Coma así, o insecto de marras non deixou un só pinheiro en pé na contorna daquela. Un bo día atopeino na internet arrasando montes inteiros de pinheiros en Canadá e California. Fiquei moi contento ó saber da súa existencia e de saber que o tema está sendo moi investigado… naquelas terras claro, non aquí. Aquí pasamos da censura fraguista ó investimento cero para investigación.
Ben, outro día falaremos do Bark Beetle e outras censuras biofóbicas.
Pero a meirande das mintiras, a mintira suprema, a nai de tóda-las mintiras é a da malchamada Autovía de Marín, a PO-11, a "avenida". Nada de vieiro moi necesario para unir os portos de Marín e Pontevedra. Nada de obra "Audaz y genial" do ABC de 1955. Era o muro de contención da futura celulosa. A antesala do terror. A repanocha.