Tribuna Viva
Carta aberta a BNG e PSOE de Pontevedra
Despois de coñecer o acordo de goberno para os vindeiros catro anos por parte de BNG e PSdG-PSOE, desde Touradas fóra de Pontevedra queremos facer as seguintes consideracións:
En primeiro lugar manifestamos a nosa satisfacción porque forzas políticas que levan anos traballando pola fin das touradas na nosa terra, acaden maioría de concelleiras e concelleiros na nosa cidade. Compre destacar que novamente unha forza abertamente taurina coma é o Partido Popular (non así todos os seus votantes), non acadou uns resultados satisfactorios que lles permita entrar no goberno do Concello de Pontevedra.
En segundo lugar, agardamos que neste acordo de goberno bipartito a loita antitouradas teña un pequeno espazo na acción municipal. Compre lembrar que nos últimos 19 anos, tanto a institución municipal coma a Deputación de Pontevedra, levaron a cabo medidas contrarias á tauromaquia como viñamos solicitando desde o tecido asociativo ou mesmamente desde as bases de ambas formacións políticas. Así, as touradas non só deixaron de recibir subvencións directas senón que se lles retirou a publicidade institucional, a presenza de representantes institucionais na praza ou mesmo teñen declarado o Concello e a Provincia como contraria ás touradas e amiga dos animais.
En terceiro lugar, queremos facer fincapé no coñecido convenio entre o Concello de Pontevedra e a praza de touros. Nun momento de crise do movemento taurino en Pontevedra, en Touradas fóra de Pontevedra e en máis de 115 colectivos e asociacións que veñen apoiando as nosas mobilizacións, non comprendemos como o Concello non contribúe a afogalos económicamente suprimindo esta subvención indirecta de máis de 30.000 euros anuais. É certo que esta cantidade é pequena tendo en conta o presuposto que manexa o lobbie taurino mais é un paso máis no camiño da súa completa desaparición.
Entendemos que hai alternativas para realizar as actividades da Feira Franca e mesmo unha ubicación alternativa para a Ruta Cabalar.
Ademáis, non comprendemos como se lle permite ao empresariado taurino ingresar todos os cartos obtidos das cantinas montadas na praza durante o torneo medieval da Feira Franca, que, segúns algunhas estimacións, superan os 20.000 euros.
Por todo isto e sabendo do seu compromiso coa loita pola abolición, solicitamos as seguintes medidas ao goberno de BNG e PSdG-PSOE:
- Levar a cabo as medidas necesarias para poñer fin ao convenio entre o Concello de Pontevedra e a Praza de Touros.
- Non permitir o uso de espazo público municipal para anunciar unha feira rexeitada pola maioría da cidadanía. Na actualidade, numerosos concellos do Estado Español xa aplicaron esta medida.
En Pontevedra, 14 de xuño de 2019