Pedro J. Peón Estévez
Crónica da derradeira marcha
Moito me gorentan os Simpson…a vostedes tamén? Lembran o capítulo aquel en que o Homer ceibou un peido e para camuflar o cheiro subía moito o volume da radio? Non se decataba que oído e olfato son dous sentidos independentes pero, claro, Homer é parvo.
O domingo 16 pola manhá, cando acadamos a cancela ilegal (non se pode abrir cancelas a unha autovía) da biofóbica, esta atufaba que nindiola e había alí un tío cunha furga (non era o Rafaneta) cun altofalante endentro e canto máis fedía a biofóbica, máis subía o volume o tipinho tentando inutilmente atalhar o fedor.
Nada máis achegarnos á biofóbica, fóronse xuntando paxaros no alto dos tanques. Cada vez máis e máis paxaros. Lembran a película de Hitchcock ? Pois así mesmo.
O día que unha acalorada turba foi facérlhe o escrache á ministra ó Galicia Palace, a biofóbica fedía a tope e aquel tropel berraba a todo berrar coa intención de camuflar o cheiro pero non houbo maneira: canto máis berraban, máis alcatreaba. Si ata parece que lho facía adrede.
Na biofóbica penduraron os típicos panos de sempre, pero é que ademais apropiáranse de símbolos dos colonizados: gaita; himno; idioma; emblema…en fin, cousas que aínda non hai nada estaban proibidísimas na biofóbica. As mesmas cousas que, aínda hai nada, querían soterrar xunto co santo André maila Virxe dos Praceres.
Saben vostedes que no seu barrio, malchamado Pontemuínhos, Deron en celebrar o San Xoán por conta súa, desprezando os padroeiros da parróquia? Saben que o párroco íalhes misar tódolos domingos para que non se misturasen coa "plebe" na igrexa? Saben que poñían sancións laborais ós obreiros se as súas donas berraban no barrio? Saben que polo Natal tinhan os altofalantes ós catro ventos co "chiqirritín" maila "marimorena" perante un mes sen interrupción e os que tinhan turno de noite ían durmir fóra do barrio sen rechistar?
O do escrache coa megafonía non é novo para eles. Tenhen longa experiencia. Quen foi a aquela marcha en que instalaran unha fileira de altofalantes cara a ría mentres tinhan dentro unhas tapas para os seus incondicionais ?. Iso vén de velho, non é algo que tenha inventado a histérica faltona da presidenta nin o papaberzas do Pedrosa.
E outra vez venhen co baile de cifras de participación pois así entenden estes a democracia. Eu entendo a participación en termos cualitativos; se vou eu só, serei sempre un individuo que ten razón por máis que me ponhan enfronte cen mil exaltados. Non entendo eu esa ecuación de "no semos machos pero semos muchos". Vostedes falan de 20000 persoas na súa marcha…(para xó feixóo!!; menos lobos ho!!) Pola contra, a mani dos que intenta defenderse da agresión (continuada da biofóbica), algúns, os mais optimtistas, bótanlhe dous mil. Outros, como la Coz, "algunos cientos". Ben, pois nin tanto nin tan pouco e, a fin de contas, tanto ten. SI, eramos algúns menos pero tenhan en conta que do noso lado non había un só mercenario, nin un coaccionado, nin un toleirán, nin un subornado, nin un só enganhado, nin un túzaro violento.
Total, que a alianza simbiótica entre o partido condeado por corrupción e a empresa condeada por delicto ecolóxico continuado, fracasou de cheo. Casado e Rafarnando (e o pepé en pleno) optaron polo insulto e a difamación e palmaron.
Por outra banda, á campanha suxa do comité biofóbico pasoulhe outro tanto. E seguen sen reaxir. Pasaron os tempos de "Mediocres al Poder" que inaugurou Aznar. O pobo comeza a esixir honradez, respecto e intelixencia nos seus dirixentes, pero algúns non se dan enterado.
Pois si paisanos; a Bicha (perdón; a biofóbica) anda doente, está tocada de morte e dando os derradeiros rabazos. Así que, moito olho porque ningún colonizador se marchou dignamente
No referente ós "agasalhos gastronómicos" que seica nos fan, saiban queridos insidiosos que nos SEMPRE empregamos o método de Bueu, é dicir: cadaquén paga o seu. Non estamos a facer negocio cos recursos alheos como a biofóbica, que esa si que paga boas lobadas !
Sobretodo a políticos corruptos, eses que saúdan polegar para arriba na porta do Principal en plan Caesar perdoavidas. Sería esa a famosa "peineta" que dicía a presi ? Os máis velhos (e non tan velhos) lembrarán o día aquel en que o Infausto Núñez ordeou cargar contra Nené e os seus. Malheira aparte, a cada un caeulhe un "agasalho" de 15.000 pesetas. Un dos últimos "agasalhos" foron os 600 euros que lhe cascaron a Antón en Abanca. Eses e outros moitos son os "agasalhos gastronómicos " que dicía a presidentinha. E aínda hai moitos máis; ou coida vostede que nós gozamos da súa impunidade ?
Gustaríame deixar claros algúns conceptos dunha vez por todas, vexamos: Bio significa vida. Biofábrica é algo que fabrica vida (que tamén lhe chaman complexo de deus ou de Frankestein). Biofóbica é a que lhe ten aversón á vida e tamén á bio-diversidade coma Colmenares.
Sinceramente, díganme cal lhe acae ó enxendro de Lourizán.
Non quixera despedir este escrito sen deixar un recadinho ós de "co pan dos nosos filhos non se xoga" Vale, pero co pan de tres xeracións dos meus, ós que fodestes a vida, menos. Os meus irmáns e máis eu tivemos que emigrar para buscarnos a vida. Voltamos á terra e puxemos taller. O pan dos nosos filhos eran portas, fiestras, balcóns etc. que tiñamos arrimadas á casa e mesmo baixo cuberta. Na hora de entregar eses trabalhos, había que camuflarlhe os estragos que lhe facía a "biofóbica " frotándoos con gasóleo. É dicir: enganar ó noso honrado cliente encubrindo ó delincuente ecolóxico. Moitas foron as empresas do noso ramo que fixeron trabalhos para a biofóbica. A nós, nunca, xamais na vida a biofóbica nos deu un pataco a ganhar.
E por último; saben vostedes de sobra que, cando pechou Elnosa, ningún destes exaltados moveu un só dedo no seu favor; va que non?