Tribuna Viva
Orgullosas do recoñecemento da Casa Real a José Antonio Gómez Castro "Joselito"
Dende a Federación Provincial de Confrarías xa se decía que todos os actos de homenaxe, premios, galardóns, etc. quedaríanse curtos para honrar a traxectoria de "Joselito", tanto como persoa, mariñeiro, patrón maior da confraría de Portonovo ou como presidente de federación provincial.
Foi e será sempre considerado un referente para o sector marítimo-pesqueiro a nivel provincial, autonómico e estatal, ao contar cunha experiencia e coñecemento incuestionables en materia pesqueira e marisqueira en xeral. Mais sobre todo por ser un home de consenso e de unión, tranquilo e moderado, e que reúne unhas cualidades e uns valores envexables nos tempos actuáis, sendo capaz de sair sen dificultades ante calquera disputa ou conflito.
Estivo sempre presente nos momentos difíciles á fronte do sector, destacando na súa implicación durante a catástrofe do "Prestige", sendo unha das voces e imaxes que dende o primeiro momento se volcaron na busca de medios (técnicos, humanos e financeiros) para tentar de normalizar a situación e paliar os graves prexuízos da catástrofe.
Para a Federación Provincial de Confrarías de Pescadores, o día 19 de xuño de 2019 quedará sempre na lembranza, pois trátase dun orgullo e unha honra que ao seu ex – Presidente e hoxe Presidente de Honra, lle fose imposta a Orden do Mérito Civil de mans das SS.MM. os Reis de España.
Sen dúbida, esta merecida condecoración supón o "broche de ouro" e ven a recoñecer o esforzo e a profesionalidade de José Antonio Gómez Castro como exemplo da sociedade civil, mais tamén e na súa figura, ven a simbolizar e ensalzar o bo facer das confrarías de pescadores e aos profesionais da pesca artesanal e do marisqueo da provincia de Pontevedra.
Arcade, 25 de xuño de 2019
O PRESIDENTE
Asdo./ José Manuel Rosas Otero