Teresa Casal
A fame e a FAO
Miña nai contaba unha anécdota que nos facía moita graza a todos, e ela aseguraba que era certa de toda veracidade. Contaba que meu avó paterno que era desa aldea de Lugo da que xa levo falado unhas cantas veces, do interior profundo de Galicia, viña pasar algunha tempada cos meus pais cando eles eran moi novos. Daba grandes caminatas, case sempre ía ata Marín e voltaba a Pontevedra, porque gustáballe moito o mar, o que non estaba afeito.
Un día miña nai púxolle percebes para comer, non os vira nunca antes. Gustáronlle tanto que cando rematou, colleu unha bolsiña e ia metendo nela as cabezas daquela cousa que estaba tan boa. A nora preguntoulle porque o facía e a resposta foi:
-Vounas levar a aldea e vounas sementar, para ter unha boa colleita e poder comer alí estes bichos tan ricos.
Meus pais riron un bó rato e logo explicáronlle que era un produto do mar, non da terra, que era de onde él estaba afeito a recoller a súa comida.
Mais adiante nunha ocasión, estabamos nunha fonda do Grove toda a familia e a noso carón unha parella con toda a pinta de ser estranxeiros, pelexaban cun coitelo e un garfo, tentando abrir o caparazón dunha nécora. A xente miraba e ría ata que o camareiro indicoulles que aquilo comíase coas mans, e entón disfrutaron abondo daquel manxar.
Moito despois, traballando eu no Concello, recibimos e convidamos uns periodistas especializados en temas turísticos, os que lles mostramos as potencialidades de Pontevedra nese eido, entre outras, a gastronomía. Levámolos a comer e pedimos mariscos. Entre todos houbo unha señora que se negou rotundamente a probar unha centola porque non coñecía ese marisco e non se fiaba do seu aspecto.
Podería seguir a contar cousas sobre as reaccións da xente ante un alimento tan apreciado pola maioría, cuio aspecto pode botar para atrás a mais dun, pero como mostra, penso que abonda.
E todo isto viume a cabeza por mor dunha nova que aparecía días atrás nos medios: A FAO recomenda comer insectos para paliar a fame.
Aparte de que hai países nos que esa costume non é nada novedosa, está claro que para nos resulta rechamante e, eu diría que nos provoca certo noxo. Todo é cuestión dos usos, costumes, culturas e idiosincrasias de cada quen, porque si o pensas un pouco uns saltamontes ben fritidos, poden quedar crocantes e seguro que non se diferencian moito dunhas gambas pequenas ben pasadas pola prancha.
Por iso púxeme a pensar que o primeiro que se atreveu a comer unha centola ou un boi tiña que ter moita fame e superar o medo que, nunha primeira impresión lle tivo que causar un animal con forma de araña xigante. E poño este exemplo porque para min, é o bicho que me da mais medo e repulsión dos que coñezo, prodúceme arrepíos e, si vexo unha, teño que chamar a berros que alguén a mate porque nin a iso me atrevo.
Así que a algúns podería parecerlles que non é tan descavillada a recomendación da FAO, parece ser que os insectos son unha boa fonte de proteínas, hai moitos, e a súa cría non é tan custosa nin precisará tanto espazo como a do gando. E, ademais non producen gases de efecto invernadoiro, como as vacas.
Pero deixando de lado a ironía coa que pretendo tratar este tema. Eu lles diría os sabios do Organismo da ONU que traballen mais e mellor nun problema tan urxente como é a fame no mundo. Eles mesmos din que neste planeta hai comida dabondo para todos, pero está mal distribuída e iso fai que resulte inaccesible para moita xente. O que hai que facer é políticas agoralimentarias que non estean inspiradas no mais puro e duro capitalismo, que se prime as necesidades perentorias das persoas por riba dos intereses comerciais e lucrativos duns poucos, que son case sempre os mesmos. E que os usos e costumes de cada pobo determinen o que comen, non a imposición dos que teñen de todo sobre os que nada teñen.
24.05.2013