José Freire
Evolución da delincuencia
Fai uns días, o Ministerio do Interior dou a coñecelos datos sobre as infraccións penais rexistradas no primeiro trimestre do ano 2013. Os que, coma min, formamos parte dun dos corpos de seguridade do estado, dámoslle unha credibilidade relativa aos mesmos.
Un dos problemas para analizar a evolución dos delitos é a carencia de datos fidedignos e a falta de transparencia. Por iso as estatísticas da criminalidade en España non son fiables e ilo nos leva á conclusión que se, realizadas con rigor e procedemento axeitado, se incrementarían as cifras en comparación cos Países desenrolados do noso entorno.
Sabemos, por exemplo, que para alixeirar a cifra de infraccións aplícase o concepto de "delito continuado" e así computar como un so feito a comisión de varios (o roubo no interior de varios vehículos aparcados nun garaxe); ou que un roubo con violencia, se non hai lesións e o que se levaron non supera os 400 euros, compútase como falta; ou que nun roubo en domicilio, no caso de que non leven nada, e a porta estea forzada, se catalogue como danos.
Estes son claros exemplos de manipulación estatística.
Pero aínda facéndolle caso a estes datos o panorama non é nada alentador. No que se refire á Provincia de Pontevedra podemos observar como a delincuencia violenta aumenta un 34,4%; os roubos con violencia e intimidación nun 26,2%; os roubos con forza un 43,5%; e o máis preocupante, porque afecta a algo íntimo e prezado, os roubos en domicilio nun 64,2%.
Nembargantes hai que recoñecer, non sen certa perplexidade, que a inseguridade non está entre as principais preocupacións da cidadanía, centradas máis ben no paro e na situación económica.
Iso ata que lle toca a un mesmo. A única maneira de abordar o problema é coñecelo en toda a súa dimensión. Afrontar solucións no eido da delincuencia precisa dun cómputo rigoroso, de planificación, de método, e iso implica afondar na cifra negra de infraccións, delitos e faltas que se cometen pero que non se denuncian e, en consecuencia, non se producen.
Conquerir que a cidadanía confíe na xestión da administración percibindo que o que se transmite reflectido nas estatísticas é axustado á realidade, erradicar a idea de que denunciar non serve de nada e só supón unha perda de tempo ou sentir que o traballo policial está realmente ao servizo da sociedade, son elementos fundamentais para recobrar a confianza nun traballo ben feito.
Se á descoordinación entre os distintos corpos de seguridade, o alto índice de criminalidade común e de bandas organizadas, a lexislación trasnoitada para combater aos delincuentes e protexer ás vítimas, a lentitude e ineficacia da Administración de Xustiza, ou a desmotivación dos profesionais do Corpo Nacional de Policía, lle engadimos outros condicionantes, como que a diferenza entre ricos e pobres é cada vez máis salientable, o aumento do paro, a carestía da vida e a rebaixa de salarios, non teña a menor dúbida, estimado lector, que a seguridade da cidadanía seguirá deteriorándose, a criminalidade crecendo e o espazo de liberdades e dereitos da nosa democracia retrocederá de xeito imparable.
26.05.2013