Marta Rodríguez Engroba
Baixan as denuncias por violencia de xénero. Tamén diso son as vítimas responsables?
Esta semana os medios de comunicación recolleron as declaracións feitas pola ministra de Igualdade, Carmen Calvo, no transcurso da visita que, xunto co ministro de Interior, realizaron a sede do sistema de seguimento VioGén.
Nelas, a ministra alertaba do decrecemento das denuncias por violencia de xénero, e de que se está a producir un retroceso na mensaxe social sobre a necesidade de denunciar por esta causa, e suliñaba as súas verbas dicindo, e cito textualmente: "Las mujeres tienen que denunciar. Salgan y denuncien. Estamos para ayudar a prevenir, para reponer el derecho de las víctimas y para ser solidarios con el sufrimiento atroz".
Cando lín estas manifestacións, podo xurar que se algo desexaba neses momentos con todas as miñas forzas era ter a esta señora, e ao propio ministro, de fronte, cara a cara, e explicarlles unhas cantas cousas que deixaron ben claro que lles caen noutro planeta.
Para comezar, explicaríalles que, dicindo iso, evidencia o que tantas veces repetimos desde Si, hai saída: O descoñecemento da realidade das vítimas de violencia de xénero, do esforzo sobrehumano que supón para elas, en moitos casos despois de anos de soportar toda clase de aldraxes e atrocidades, tomar a decisión de acudir a denunciar, pero claro, desde un despacho, non é moi doado enterarse destas cousas. Supoño que pensará, como tantos outros, lamentablemente que, con coñecer a teoría, abonda.
Para continuar, diríalles que, efectivamente, concordo con ela en que o número de denuncias por violencia de xénero diminuiu de xeito significativo, algo que desde o colectivo do que formo parte e no que traballamos codo con codo coas vítimas, constatamos claramente.
O problema é que penso que esta señora está a lanzarlles a mensaxe as persoas equivocadas, as propias vítimas, e, de paso, unha vez mais, se lles traslada a elas unha responsabilidade que non lles corresponde en absoluto.
Elas son as vítimas, non o esquezamos e a responsabilidade de protexerse non pode, baixo ningún concepto, recaer sobre elas.
Cando alguén é vítima dun roubo, por exemplo, non se lle encomenda, aínda por riba, a obriga de protexerse. Agás unhas medidas básicas que, por sentido común, todos adoptamos, aínda que non nos rouben, a prevención primeiro e a posterior protección son misión de quen ten a obriga de levalas a cabo, neste caso, os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, vamos, a policía, para entendernos.
A violencia de xénero é o único delito no que, unha vez tras outra, se lles fai responsables a aquelas mulleres que a sufren, da súa protección.
Continuaría explicándolles que ese descenso das denuncias non ocurre así porque si, que hai razóns para isto, e ao mellor non as coñecen tan ben como pensan, ou como nos queren demostrar, porque tal vez, so tal vez, igual deberían mergullarse un chisquiño na realidade das vítimas e preguntarlles por que son reacias a denunciar.
Igual lles aclaraba as ideas que moitas delas lle explicasen como, despois de ter denunciado, se tiveron a sorte de non ser cuestionadas, e algo aínda máis difícil, de ser cridas sen que a súa versión fora posta en dúbida, por mor, en ocasións, dese famoso test VioGén, que decidíu que non corría perigo, se viron, por máis que manifestaran o seu medo, totalmente desprotexidas, vivindo un novo calvario tentando agocharse dun agresor libre e dobremente perigoso por ter sido denunciado.
Sería bo tamén que lles contasen como, cando se lles asigna protección policial, non son poucas as ocasións nas que esa protección se reflicte tan só no papel que lles entregaron no Xulgado, porque os policías asignados non aparecen por lado ningún.
Explicaríalles tamén a derrota e a desesperación que sentimos ao ler que as únicas medidas que se van tomar con unha inspectora de policía que non foi quen de valorar o risco que corría unha vítima, Sacramento Roca, acoitelada por la sua ex parella en Novembro do 2018, despois de que acudira tan so cinco días antes á Comisaría da Policía Nacional de Palma a denunciar o acoso que estaba a sufrir, son a suspensión durante trinta días de emprego e soldo e un cambio de servizo, limitándose a apartala do seu posto como xefa de grupo da Unidade de Familia e Muller, e que esas medidas son unha auténtica aldraxe non soamente a memoria de Sacramento, a que axudou a matar, se non para todas as vítimas da violencia machista.
Pero, e non me cansarei de repetilo, iso, desde un despacho, non se sinte na pel, como sentimos todas e cada unha de nos o medo en cada poro.
Contaríalle tamén como se sinten esas mulleres que, despois de ter denunciado ao seu agresor, e manifestar unha e outra vez que temen pola seguridade ou mesmo pola vida dos seus fillos, son obrigadas a entregarllos fins de semana, vacacións, a un proxenitor que é unha auténtica bomba de reloxería, sen que sirva de nada que supliquen que non llos deixen, que unha desas visitas pode ser a derradeira, porque a lei, a xustiza, respecta rigorosamente os dereitos do maltratador, eso sempre.
Os dos menores, os das súas nais, son algo máis que cuestionados.
Os tráxicos resultados que isto provoca as veces xa os coñecemos de sobra, sen que se faga, iso si, nada por remedialo.
Pregaríalle que falara con algunha desas nais que se atopan con que esa ínfima tranquilidade que lles proporciona poder levar a cabo esas visitas nun Punto de Encontro lles é arrebatada no mes de Agosto, ou polo menos parte del, polo peche dos devanditos PEF por vacacións nalgunhas cidades, facendo caso omiso de cantos pedimos unha alternativa, e non dándose por enterados do que é obvio: que a violencia de xénero, os maltratadores, non pechan por vacacións.
Pola contra, é nas datas de lecer cando se produce un repunte desta, pero, malia que ese repunte está máis que demostrado, un ano tras outro poñen os menores e a elas mesmas aos pes dos cabalos.
Fala tamén a ministra de prevención, e, chegados a este punto, si que, se non fora que estamos a falar dun asunto mais que tráxico, case me daría a risa.
Que prevención?
Porque, de todos é sabido, ou debería selo, que o primeiro chanzo da violencia de xénero non é, habitualmente, a violencia física, se non a psicolóxica.
O control excesivo, as descualificacións, os insultos, as ameazas máis ou menos explícitas... algo que, actualmente, grazas as novas tecnoloxías, moitas veces queda plasmado nos teléfonos, por mor de whatssaps, grabacións de audio, etc, etc.
A todas as horas estamos vendo esas campañas que nos din as mulleres que, ao menor sinal de control, en canto nos lancen a primeira humillación, non agardemos a que a cousa vaia a mais.
Pois moi ben.
Que lles pregunten a inmensa maioría de mulleres que teñan acudido a unha comisaría coa intención de denunciar algún destes feitos, por mais que os avale amosando mensaxes, audios, cal é o resultado. Que lles expliquen que prevención se lles aplica.
De verdade que nos encantaría coñecela, porque, polo momento, e en Si, hai saída xa levamos cinco anos bregando con estas situacións, aínda non nos atopamos con que as devanditas denuncias serviran de algo.
A resposta sempre é a mesma.
As probas aportadas non serven de nada. Non hai agresión, non se detectan ameazas nin perigo algún nesas mensaxes nas que son insultadas, nas que o xa maltratador lles advirte que pronto fará acto de presenza, nas que deixa entrever claramente a súa ira, a súa obsesión en moitos casos.
O mesmo dá. Non a agrediu físicamente, polo tanto, non hai delito, e neste punto é cando fai acto de presenza a frase mais utilizada, de feito xa case a frase estrela: "Isto non é mais que unha discusión de parella".....malia que a muller non respondera en ningún momento!
E istos que estou a citar son tan so algúns dos exemplos do que é a realidade pura e dura coa que se dan de bruzos a maioría das mulleres que se deciden a denunciar aos seus verdugos.
E aínda pregunta a Sra. Ministra por que baixa o número de denuncias?
Igual tería que plantexarse, antes de lanzar a mensaxe para animar as vítimas de violencia de xénero a denunciar, que habería que comezar por revisar como as institucións, as persoas encargadas de asistilas, de protexelas, o mesmo que aos seus fillos, están a facer ben o seu traballo, iso en ambos casos, e se son as adoitadas no segundo, algo que se pide a berros e que se ignora.
Esa primeira mensaxe, a fundamental, tería que ir dirixida precisamente a elas, a esas persoas, a esas institucións, que teñen tantas vidas nas súas mans.
Unha vez que a reciban, e lles poñan remedio as eivas tan clamorosas e tan graves que se están a dar neste eido, será o momento de dirixirse as vítimas.
Que lles dean motivos para confiar na lei, na xustiza, nas institucións.
Tal vez entón, e non antes, tenten atopar unha razón para denunciar, cando non as expoñan a un dobre perigo, o seu maltratador e a propia denuncia.
Mentras tanto, soamente lles queda ir sobrevivindo do mellor xeito posible, e pregar por conseguilo un día máis, sen que as fagan responsables tamén disto.
Asociación Si, hai saída