Tribuna Viva
Touradas fóra de Pontevedra valora moi positivamente a mobilización do pasado sábado
Desde Touradas fóra de Pontevedra valoramos moi positivamente a mobilización celebrada o pasado sábado que percorreu as principais rúas de Pontevedra.
Neste 2019 foron máis de 130 os colectivos, asociacións, protectoras etc que apoiaron esta marcha antitouradas, superando amplamente o das edicións anteriores.
Neste tempo aumentaron a concienciación, o traballo e a participación nas manifestacións que desde Touradas fóra de Pontevedra convocamos ano tras ano.
A pesar da descarada ocultación á que en ocasións é sometida a nosa loita por parte de quen defenden os intereses dos empresarios da tortura animal, a xustiza do que defendemos consegue abrirse paso e dar corpo a unha das maiores manifestacións das convocadas de maneira regular en Pontevedra.
Sen embargo, o noso obxectivo non é convocar manifestacións exitosas, o noso obxetivo é a abolición das touradas. Un obxectivo que estamos certas de que cada día está máis próximo mais para o que temos que seguir a loitar con firmeza, paso a paso e con firmeza, porque isto foi o que levou a conseguir grandes avances nos últimos anos como: declaración da cidade como concello contrario ás touradas; supresión das subvencións directas; supresión da feira taurina do programa de festas; supresión da presenza institucional na praza, compra de entradas por parte do mesmo e por suposto os avances dados pola Deputación de Pontevedra, institución que durante o goberno de Rafael Louzán foi a principal institución valedora (a nivel de apoio económico e institucional) do empresariado taurino.
Mais tamén sabemos que estas medidas son un paso previo que podemos e debemos dar antes de chegarmos ao final do camiño, un final que se atopa no Parlamento galego e que non é nin máis nin menos que a ABOLICIÓN das touradas en Galiza.
Todas e todos nós debemos presionar aos partidos políticos que ali teñen representación para que se posicionen con rotundidade en favor da abolición da tauromaquia e para que actúen en consecuencia modificando a fraudulenta Lei de Benestar Animal actual, que segue a facer das touradas unha excepción á hora de combater o maltrato animal.
Xa é ben hora de que as institucións e os partidos que din representarnos asuman a realidade. A realidade é que as touradas non teñen apoio nin interesan á grande maioría do noso pobo. Ao contrario, a maioría de galegas e galegos rexeitámolas, polo que a lei ten que adaptarse a esta realidade.
As touradas non se poden manter artificialmente en base ao diñeiro público, nin por unha decisión política e ideolóxica, nin tampouco pola presión do lobby dos empresarios taurinos. E se o Partido Popular, responsábel de que as touradas sigan sendo legais, teima en defender a barbarie, terá que ser desaloxado da Xunta para que se cumpra a vontade maioritaria.
Por outra parte, valoramos esta nova feira taurina coma un rotundo fracaso.
Son anos nos que a única feira taurina do noroeste peninsular non só non é capaz de encher a praza senón que unha parte importante da asistencia é de persoas doutras comunidades autónomas que se atopan aquí pasando as vacacións.
Este ano a feira taurina sofreu un novo recorte quedando unicamente nun único fin de semana. Pese a isto, a praza quedou lonxe de encherse e a maioría da sociedade pontevedresa deulle as costas a unha actividade que camiña irremediablemente cara a súa extinción.
A tensión no mundo taurino é palpable, así, o sábado mentres vendiamos material na Praza da Peregrina para financiar a campaña (nós non recibimos subvencións públicas coma o mundo taurino), as nosas activistas tiveron que recibir insultos, cortes de manga e burlas por parte dalgunhas persoas das distintas peñas taurinas que acudían á praza de touros.
Por último, desde Touradas fora de Pontevedra queremos anunciar a nosa intención de traballar nos vindeiros meses nos distintos concellos da contorna de Pontevedra para poñen fin á promoción da barbarie taurina na rúas mediante o a regulación do espazo público, algo que xa propuxo recentemente o BNG de Vigo e se levou a cabo no seu momento polo Concello de Barcelona.
Por suposto traballaremos para que o Concello de Pontevedra poña fin á ocupación da vía pública de paneis taurinos, algo permitido polo convenio que se asina de xeito anual co empresariado taurino.
Na cidade que leva a gala a mobilidade a pé, por que temos que andar a esquivar grandes paneis metálicos con publicidade taurina cando ningún outro negocio o fai?. Queremos máis pasos por parte dunha institución que se di antitaurina.
Anunciamos tamén outra das campañas para os vindeiros meses que non é outra que pedir a fin da presenza dos animais na cabalgata de nadal, algo que xa levaron a cabo outros concellos galegos.
Nas vindeiras semanas solicitaremos unha reunión co Concello de Pontevedra para poder tratar este tema e que o concello dea un paso similar ao que se deu coa prohibición dos circos con animais.