Pedro J. Peón Estévez
Como unha balsa de aceite
Hai un tempo que tinha que escribir isto pero non atopaba o intre de facelo pois, con isto do cambio climático, a consabida depresión otonhal adiantóuseme ó verán e vinme obrigado a posponhelo. Algo así debeu de acontecerlhe á "celuburroca" que, como bos pseudosindicalistas, tamén colhen vacacións. Unha cousa son as "xustas" reivindicacións laborais e outra, as sacrosantas vacacións. Cada cousa ó seu tempo.
Pois foi que tinha eu azos de abordar un tema de rabiosa actualidade pero atopeime cunha foto na portada dun xornal ¿galego? que me apartou un tanto do tema. Nela vese con claridade meridiana a unhas mariscadoras, dirixentes da confraría de Lourizán, amosar os estragos do tempo na famosa pasarela aérea dos Praceres. Disque apodrecen os cravos, disque se levantan as táboas, disque caen os pasamáns e disque cómpre arranxar a desfeita. E disque en Madrid,
Santiago e Pontevedra non lhes fan (perdón) puto caso.
E digo eu: en lugar de pedir remendos e arranxos, por que non se esixe un paso en condicións en lugar desa indecente ratoeira, desa trampa mortal? Moi sinxelo: non se fai para non molestar ó senhorito, para que non nos mire mal... non sexa que nos fiche.
Pode que de tanto calar e mirar para outro lado nagándose a ver aparatosas celulosas que baten nos olhos, tragando sapos e máis sapos, convertido o banco marisqueiro nun berenxenal nivel C, perdida a memoria das que tanto loitaron por parte dos seus amnésicos descendentes, encubrindo o caciquismo imperante, apanhando unhas codelas a cambio do silencio.
Pode que por todo isto se tenha perdida toda credibilidade e respecto e, polo tanto, ninguén faga caso en Pontevedra, Santiago e Madrid. Disque na entrada da confraría dos Praceres hai un cartel da celulosa. Sen comentarios.
A tal pasarela foi inaugurada polo ex ministro da dictadura franquista Manuel Fraga e alá fomos os veteranos da APDR a facerlhe a punheta.. O de Vilalba encabronouse un tanto con nós pero tamén algún dos seus sopranabos da parróquia.
Disque a tal pasarela era para garantir a seguridade da xente obrigada a cruzar a autovía pois xa houbera moitos atropelos ( como se a Manolo lhe importasen moito os mariscadores mortos ). Non se pode erguer unha verdade sobre unha mintira.
A "autovía" nuca foi tal, xamais foi esa obra "audaz y genial" que dicía o ABC no seu día ( 18-08-1955 ) A obra foi concebida como primeira pedra da celulosa, como muro de contención do futuro basamento da celulosa.
Iso de "vieiro necesario entre os portos de Pontevedra e Marin" so foi unha camuflaxe, un pretexto e a pasarela dos Praceres, máis que paso elevado de peóns, a fraudulenta pasarela foi erguida en troques da usurpación do camiño
transcelulósico, por parte da pasteira mailo tren ó porto, do que era un dereito inalienable malia que non se utilizase. Son esta clase de feitos os que nos fan perder solvencia?
Levamos décadas facendo "mutis polo foro" e así nos vai. Eu dou fe , daquela era un neno. Non podía decidir; nin loitar; só lembrar. E vaia que se lembro ¡a moitos lhes fode ben o que eu lembro! A propios e a extranhos; a Tirios e Troianos e á madre que os pareu...
Ben, pero eu, igual que Umbral, vin aquí falar do meu livro, é dicir: do aceite. Do aceite en xeral e de certo aceite en especial.
Anda que non resolve problemas un dedo de aceite a tempo! Xa o di o refraneiro: "aceite e vinho, remedio divino"; "o aceite é armeiro, reloxeiro, cerralheiro e curandeiro", porque esa é outra: o aceite é man de santo para a saúde, e senón miren: "aceite de oliva, todo mal quita"; "con aceite de candil cúranse males mil"; "aceite e romeiro fritido, bálsamo bendicido"
Tamén se usa con fins estéticos, pois aí tenhen o aceite do "san Benitinho de Lérez" santo remedio (nunca melhor dito) contra as noxentas espulhas. E o remedio definitivo (aínda que un pouco tardío, porque non dicilo) son os "santos óleos" que aplica o senhor cura a quen vai para o campo de Josafat.
Perante séculos, centos de barcos baleeiros navegaron tódolos mares do planeta perseguindo inofensivos cetáceos para ponhelos a arder en candís, lámpadas e farois de aceite e o seu uso industrial foi moi relevante. Tan só o cachalote Moby Dick se librou de tal fin. Un destes animais fora descuartizado na fábrica do xabrón de Molhabao, aló entre os corenta e cincuenta, e toda a comarca apestou a morto longo tempo.
Quen non lembra o aceite de fígado de bacalao, suplemento nutricional por excelencia, chute vitamínico-graxento contra a fame "neghra" da posguerra. E o famoso aceite de Ricino aprezado como crecepelo pero utilizado maiormente como esfurricante? ( máis ben como castigo pois, povo que non comía, nada tinha que defecar).
O aceite tamén enriqueceu a máis de catro, e ningún era un deses "aceituneros altivos" de Jaén. Pregunten ós máis velhos do lugar (é dicir: a internet) que foi aquilo do caso Reaze que no ano 1972 sacudiu a este país ata os seus máis fondos cementos. Daquela, uns cantos artistas "perderan" algo máis de CATRO millóns de litros de aceite de oliva (que xa é perder aceite!)
Houbo varios asasinatos ("suicidios") e un xuízo no que un certo maxistrado botou terra e máis terra para tapar a un ilustre irmancísimo que estaba no allo.
Sexa como for, os filhos medios lelos do maxistrado acadaron primeiros postos nas oposicións, sobre todo un que chegou a presidente e alongou a concesión da celulosa de xeito dedocrático pois o tipo (oh casualidade!) tamén perde aceite, cousa que non é vergonha algunha. Vergoña é non sair do armario e ter o matrimonio homosexual recorrido no constitucional. Vergonha e noxo...e infamia.
Na primaveira do 81, xusto despois da "tejerada" uns desalmados puxeron á venda para consumo humano aceite de colza desnaturalizado envelenando a unhas 20.000 persoas e matando a 1.100, cando menos, delas entre terribles dores. Parece ser que os culpables non tiñan intención de matar a ninguén, só de facerse ricos á presa. Algo así fora o do metílico. Non sei quen foi, esta vez, o que paleou terra sobre os mortos.
Recentemente recibín a nova de que Ence está a queimar aceite usado para accionar as súas turbinas e eu négome en redondo a crelo. Habería que ser moi canalha para facer tal cousa, aínda que estiver autorizada.
Queimar Ence outro combustibla que non sexa biomasa forestal nas suas caldeiras? A fábrica mais ecolóxica do planeta que ata ten un lazo verde e todo? Estamos tolos ou que? Acaso me traguei eu o documentario El bosque protector - Biomasa forestal onde se cantan as alabanzas da factoría que vén de celebrar o diploma de Nordic Swan na praza de touros de Pontevedra para esto?
Como vai Ence introducir outro tipo de combustible se as suas caldeiras, como eles ben din, son só para queimar residuos da madeira e, de paso, producir un pouco de corrente para consumo propio? A non ser que pensen que en Ence son uns mintiráns, claro está.
A propósito disto último. O lazo verde non é cousa dese chiringo chamado Nordic Swan. O lazo verde é invento da casa. Estes non os retiran Inés Arrimadas e o (primo de) Rivera.
Espero que os anti-Ence recapaciten e traguen dunha vez co enxendro que non pretende outra cousa que integrarse en Pontevedra (ou integrar a Pontevedra dentro dela, non o sei) esperando que esa minoría pedigüenha lles abra as portas. Non caen na conta que Ence e Pontevedra son como o aceite e a auga, é dicir: non se mixturan por máis que remexan.
E xa saben senhores: "Olivo, vinho e amigo, o melhor é o máis antigo" e que non nos falte nunca un bó aceite, non nos vaia a pasar coma ó Rodabalho que, por non haber "aseite" tivo que morrer asado. Señor Montes: misión cumprida.