Marta Rodríguez Engroba
O que di Bertín Osborne... iso si que é serio!
A sospeita de que a miña aterraxe neste planeta foi nin mais nin menos que un lamentable accidente está cada vez máis preto de convertirse en certeza, porque, do contrario, non se explica que semelle ir case sempre, por non dicir sempre, contra corrente.
O problema ten que estar en min, está claro.
Esta semana, de novo tiven a constatación de que o devandito problema non soamente non ten visos de mellorar, se non que vai claramente a peor, porque hai cousas que, por moito que mas expliquen, e por moito que reflexione sobre elas, non hai xeito de que me entren na cabeza.
Ao mellor é que, ademais de teimuda, resulta que xa estou comezando a chochear, pode ser.....
Ao que ía.
Pouco a pouco imos achegándonos ao remate dun verán total e absolutamente dantesco no que atinxe á violencia de xénero.
Desde unha nena de tan só quince anos que abortou como consecuencia da malleira que lle propinou o seu mozo, pasando pola muller asasinada a golpes polo seu home en Jaén, seguindo polo asasinato de M. Pilar, a muller incluída na base de datos do sistema VioGén por mor dunha anterior agresión da súa parella, pero a que ainda así non se lle fixo ningún tipo de seguimento, ou M. Carmen, salvaxemente acoitelada na súa casa de Vilalba pola súa ex parella malia ter unha orde de afastamento son tan só algúns dos exemplos da barbarie machista que este verán nos asolou.
Tampouco algúns fillos escaparon a tan tráxica sorte, como o rapaz asasinado por seu pai en Teruel, ademais se ser tamén súa nai agredida, ou Cristian, o neno de once anos a quen seu proxenitor matou en Beniel, malia ser condeado este pouco antes por quebrantar unha orde de afastamento e advertir súa nai reiteradamente do risco que implicaba para o neno estar co seu pai.
En moitos destes casos quedou en evidencia a gravísima desprotección a que están expostas as vítimas de violencia de xénero, por moito que denuncien, xa que na práctica case sempre é fume o que nos están a vender, e todo isto mentras a ministra saía nos medios de comunicación arengándoas con un "salgan a denunciar", demostrando que, ou non ten nin a menor idea da auténtica realidade das vítimas, algo moi grave, sen dúbida, dado o cargo que ocupa , ou lle importa moi pouco, máis grave aínda.
Pois ben, ante esta tremenda barbarie, o silencio foi a tónica dominante, nin quedou constancia de mais reaccións, tanto por parte de políticos, institucións, etc, etc, como da sociedade en xeral que os consabidos minutos de silencio, as pancartas, as fotos (que son moi efectivos, xa o comprobamos como disuade aos asasinos) , e xa está, a seguir coas vacacións ou co que sexa que estivera facendo cada quen coma se nada acontecera.
A frialdade ante o feminicidio, que se leva tamén a menores por diante, é cada vez maior, e máxime se ocorre nos meses estivais, que a concienciación tamén ten dereito a pechar por vacacións, seica.
Pero, ollo!, o que son as cousas, un bo día aparece nos medios Bertín Osborne lanzando un alegato antifeminista, por dicilo educadamente, porque tal vez o termo máis adoitado sería falar de catro "gilipolleces", con perdón, que soltou, como tantas outras veces, et voilá!, as redes sociais comezan a ferver, o feminismo reméxese, bueno, algún feminismo, e o "Sr." Osborne comeza a estar presente a todas as horas, en todos os foros, e en todas as conversas.
E eu pregúntome, e que conste que son consciente de que, con esta pregunta, é máis que probable que a lista do meu "club de fans" aumente un chisquiño máis, estamos tolos ou que?
Eu non dou creto, de verdade!.
Asisto, impotente, frustrada, e cunha enorme dor, a unha cada vez maior indiferencia ante esta masacre que leva a vida de mulleres e nenos por diante, para ver como, ante as estupideces dun "machirulo" con ínfulas de señorito andaluz, e que me perdoen os andaluces, que non teñen a culpa, ruxen as masas.
Non son quen de entender, por moito que o intente, a total e absoluta pasividade amosada por practicamente todo o mundo ante o brutal azoute da violencia machista todo o ano, pero especialmente no verán, ante a causa máis que evidente da inmensa maioría desas agresións, deses asasinatos, que non é outra que o desleixo, as graves neglixencias de quen ten a obriga de protexernos a nós, as mulleres, aos nosos fillos, mentres, por se isto non abondara, nos minten, nun desprezable intento de vendernos unha protección, unhas melloras, que non existen, e que, ante as manifestacións dun "famosete" vido a menos, que o único que busca e calquera cousa que lle aporte ou lle devolva un mínimo desa notoriedade que lle durou o mesmo que un físico agraciado pero que, agora, por razóns obvias, xa non lle sirve para acaparar fotos e portadas, media España se axite indignada, máxime cando este individuo non está a manifestarse de xeito diferente a como o fixo polo menos desde que é coñecido, seguíndolle, ademais, o xogo, porque o que están a facer é xustamente o que este individuo pretende, que se fale del, e mentres o critican, contesta, o volven criticar, resposta de novo, asegurándose de soltar algunha barbaridade máis que enardezca o persoal, ao tonto, sae todos os días nos medios, algo que agora xa non lle pasa tan a cotío.
Francamente, alucino vendo como a xente, mesmo algunha que se supón con un percorrido profesional e intelectual importante, entra no seu xogo.
Menos sorpresa me causan, iso teño que admitilo, as manifestacións de certos certos sectores que din defender o feminismo, e de novo, reitérome na miña aclaración de que estou a referirme, como ben digo, a "certos sectores", única e exclusivamente, e que se en algo son especialistas é nas reivindicacións virtuais, para as que cada certo tempo adoptan unha causa, algo así como a canción do verán que os que xa temos unha idade vivimos un ano tras outro, e neste caso tocoulle a Bertín Osborne.
Baixo ningún concepto se lles ocorre pedirlles explicacións publicamente, como fan con este señor, aos que, amparados nos seus cargos, fican totalmente impunes despois de que mulleres e nenos sexan asasinados por non cumprir coas súas obrigas, nin de broma!.
Van contra o sistema, din, pero, malia eso, teñen especial coidado en non cabrear aos que o controlan, porque, nunca se sabe, ao mellor, ao final, por aquelo de que quen a segue a consegue, acaban por decatarse do importante da súa loita, e o mesmo atopan un recunchiño onde continuar batallando, pero cobrando.
Arremeter contra Bertín Osborne, darlle unha importancia a el e as súas verbas que non merecen, creo que amosan claramente como funcionamos neste pais, porque, evidentemente, é moito mais doado despotricar vía redes sociais ou poñer un emoticono con cariña de moi enfadado que loitar para tentar que as cousas muden e que a loita contra a violencia de xénero sexa, dunha vez por todas , real, deixando a un lado os golpes de efecto, que a nada conducen, como está xa mais que demostrado.
Di o refraneiro, que sempre digo que é moi sabio, que non ofende quen quere, se non quen pode, e é unha gran verdade, por iso eu, como muller, non me sinto ofendida para nada polo Sr. Osborne, porque sería concederlle unha importancia que, a todas luces, nin ten, nin merece.
Por quen tendo a obriga de protexernos non o fai, por quen sabendo, cala, por quen fai da violencia de xénero negocio, por quen a utiliza descaradamente para darse notoriedade, por quen permite, incumplindo as súas obrigas, que a nós, as mulleres, e aos nosos fillos nos sigan matando, por eses si que me sinto ofendida, e maltratada.
O que diga Bertín Osborne, francamente, é algo que me trae absolutamente sen coidado, malia que para moitos, e para moitas, semelle ser tremendamente serio, algo, na miña opinión, moi, pero que moi, preocupante.
Asociación Si, hai saída