Marta Rodríguez Engroba
Pobre da que lle toca!
Non é doado atopar verbas para referirse a dantesca semana que estamos a rematar, nin quero contribuir, como algúns, a convertir en noxento culebrón a cada vez maior traxedia que está a escribir, día a día, vida a vida, a violencia de xénero.
Demasiados voitres están xa a procura da súa parte da carroña.
Malia iso, non podo substraerme a comentar un aspecto que fai este horror aínda maior se cabe e que deixa en evidencia a gran mentira e o deplorable espectáculo que, mesmo moitos daqueles e daquelas que din loitar contra a violencia machista, nos están a ofrecer, e, o peor de todo, a costa de tantas vidas.
O triple crime de Valga, que deixa o terrible saldo de tres mulleres asesinadas, dous nenos orfos e unha familia destrozada, é, ademais de, cómo digo, terrible, perfecto, por moi mal que soe, para que os diversos actores que teñen un papel nesta presunta loita, que non son poucos, ascendan un chanzo mais na súa carreira para acadar aínda máis rendementos, sexan do tipo que sexan no caso de cada quen.
Desde políticos tentando medrar e asegurarse un futuro ainda mais prometedor que lles asegure a súa cadeira, ata "adalides feministas", que, pasiño a pasiño, están aprendendo a bordar o seu papel de antisistemas benévolas, e que teñen a ben descender do Olimpo do seu particular "feminismo" (que non do de verdade!) para demostrar a súa ainda mais particular "sororidade" a golpe de foto, pasando por algún medio de comunicación que fan do horror do feminicidio un reality cutre, son moitos os que se apuntan a sacar tallada do sufrimento mais atroz.
E para isto, lamentablemente, o triple crime de Valga dá moito xogo.
A razón é moi sinxela.
Ten todos os ingredentes para que, aqueles dos que acabo de falar, amosen a súa consternación sen que, polo menos de momento, e a tenor do que leva trascendido ata agora, ninguén poida reprocharlles que ese sistema que tanto ben, presuntamente, nos está a facer, pero que, a vista está, non evita que a nós, as mulleres, e aos nosos fillos nos sigan matando, unha vez máis fallou.
Non se coñecen antecedentes do asasino por malos tratos, nin, e, e aquí vou a empregar esa "máxica expresión lavaconciencias" que se adoita esgrimir ante asasinatos machistas, existían denuncias previas, polo que, unha vez consumada a traxedia, todo o saldo que poida resultar tras as fotos, declaracións e comparecencias de rigor será positivo.
Que si o apoio psicolóxico aos nenos orfos, para as familias (que non digo que non digo que non se estea prestando, ollo, que a libre interpretación adoita ir precisamente dese xeito, por libre), que se concentracións de repulsa, lecturas de manifestos, mostras de adhesión á familia, mensaxes de agarimo, etc, et, etc, son tan só algún dos exemplos do que está a dar de si este triple asesinato, e probablemente ainda dará durante algún tempo.
Non hai problema.
Ninguén pode rebater absolutamente nada, nin moito menos culpar a ninguén de non ter velado pola seguridade desta familia, así que, neste caso, si que case se pode dicir que todo o monte é orégano, algo sempre importante, pero ainda mais nun momento no que unhas novas eleccións están a asomar xa algo máis que a patiña.
Diferente é, pola contra, o que atinxe ao crime machista cometido en Madrid poucas horas despois.
Tamén dúas nenas foron testemuñas do brutal asasinato de súa nai, tamén unha familia quedou destrozada, pero, neste caso, si existían denuncias, ata catro nos últimos dez anos.
A última foi interposta no ano 2018, e por mor dela foi dictada unha orde de afastamento da que a propia vítima pediu a cancelación.
Agora mesmo, non existía ningunha orde de protección, por desexo, din, da muller asasinada, nin estaba, porén, incluída no sistema de seguimento VioGén, que tampouco, por outra banda creo que lle servira de moito, pero o feito certo é que non figuraba nel.
A ver se o entendín ben.
Hai dous conceptos en violencia de xénero que tentan vendernos ata a saciedade cada vez que alguén ousa cuestionar a asistencia e a protección as vítimas.
A primeira, a FORMACIÓN, así, con maiúsculas, que nos din que teñen todos aqueles que interveñen en todo o proceso polo que estas mulleres teñen que pasar. Policías, xuices....todos, en definitiva.
Pois vai resultar que se saltaron algunhas clases, porque quen teña os máis mínimos coñecementos en materia de violencia de xénero, debería de saber que é o mais habitual, por non dicir inevitable, que unha muller maltratada teña desenrolado unha gran dependencia psicolóxica do seu agresor, dependencia que confunde con amor, e que a leva a rexeitar toda medida de protección que se lle ofrezca e, ainda tendo unha orde de afastamento que tal vez o medo a leve a aceptar despois dunha agresión, pode ser ela mesma a que provoque o seu quebrantamento.
O que xa non é tan normal é que ese persoal TAN FORMADO, opte por dar por bo o seu rexeitamento a ser protexida, e mire a outro lado.
É obvio que a agresividade do seu maltratador, e, porén, o perigo, non desapareceron.
É máis, probablemente sexa maior despois de ter sido denunciado, polo que a muller, os seus fillos, precisan protección si ou si.
E aquí é onde entra o segundo concepto do que tanto falan, A PREVENCIÓN.
E eu pregúntolles, de que prevención nos están a falar? Da que deixa indefensa a unha muller exposta a un perigo certo, alegando como toda excusa que ela a rexeitou, ou, explicado doutro xeito, facéndoa a ela responsable do que lle poida pasar?
Por eso pregaría, por favor, que alguén con coñecemento na materia me definira prevención, porque non teño nada claro o seu concepto.
Por eso, deste crime de Madrid é mellor falar moi pouquiño, ou non falar directamente, porque non todo está tan claro.
De novo ao sistema se lle está vendo o plumeiro, e eso non interesa nin pouco nin moito.
Tan só o Defensor do Pobo semella estar a ter un pouco de sentido común e está a iniciar unha investigación de oficio, e non so neste caso, se non tamén no de Valga.
Outra cousa será o resultado, porque, lamentablemente, nestas situacións, unhos polos outros, a casa case sempre queda sen barrer.
A conclusión non pode ser outra distinta da de sempre, que nos, as mulleres, os nosos fillos, ante unha situación de violencia de xénero, estamos totalmente vendidas e a mercé dun sistema que, fala moito, pero fai moi pouco ou nada, agás alardear do que debería estar a facer pero que queda en intencións, por non dicir en descaradas mentiras.
O certo é que, ante a violencia machista, tal como están as cousas, e a vista de que non existe nin o mais mínimo interés en mudalas, o único que nos queda é lembrar e concordar con aquelo que dicían os nosos vellos que, como case sempre, atinaban de cheo: Pobre da que lle toca!
Asociación Si, hai saída