Antón Roel Villanueva
O limoeiro do Gafos
Agora que se fala de destapar o tramo cuberto do río dos Gafos, lembro unha conversa cunha velliña veciña do río que se lembraba dun limoeiro que agromou ventureiro a carón do río entre sabugueiros, amieiros, silvas, maceiras bravas e loureiros. Aquel limoeiro agasallaba aos veciños co seu froito grande e amarelo como lúas cheas, sobresalía nesa contorna verdescente como unha loaira que é como chama non Caurel as raiolas de sol que saen entre as nubes. Os cativos do barrio apañabamos os limóns para as casas onde as nosas nais facían as mellores tartas e biscoitos e coas follas e a masa das filloas, doces no tempo do antroido.
Cando co vento caían os limóns verdes as mulleres do barrio xunto coas mazás as metían nos armarios para que cheirara a roupa, o noso pai coa auga que sacaba do pozo do muíño do vento no tempo da calor facía para a rapazada do barrio grandes xerras de limoada, é na friaxe da invernia un xarabe con zume de limón e mel que vendía polas casas un persoeiro que viña da Alcarria para a dor da gorxa.
Ca chegada da primavera e no aire o recendo a flor de azar no florecer do limoeiro, as nenas do barrio apañaban nas beiras do río grandes ramos de flores ventureiras para levar a escola de Álvarez Limeses que axxudáballes a mellorar as notas.
Era a única árbore do río ao que non podiamos subir a rapazada, nolo impedían os pinchos que tiña, que o protexía das nosas falcatruadas, os paxaros aproveitábanse para facer os niños nas pólas, tamén bolboretas, xoaniñas da sorte, avelaíñas e vacalouras frecuentaban o limoeiro e no cumio brincaban xílgaros pardais e paporubios.
Naquel ano que roubaron o mes de maio, cando máis fermoso lucía secou o limoeiro, ninguén na contorna pensou que lle chegara a súa hora, pois a pouco tempo comezaron as obras para tapar o río e os veciños sospeitaron con razón que o talaran xunto a moitas árbores máis que se espelleaban no río por que lle estorbaban para levar a cabo a aldraxe de tapar o río pese a oposición dos veciños.
A velliña que me lembrou a historia do limoeiro mágoa que nos deixara hai pouco tempo e non puidera gozar da súa rúa do Gorgullón fermosísima recén remodelada e chea de árbores. Pereiras de Flor que tanto lle gustaban na primavera cando florecían, na súa casa tiña un banco de pedra e cando os peregrinos paraban para coller folgos sempre gustaba falar e compartir o pouco que tiña con eles.
Ogallá coa xeneración que gozou e bañouse no río chegue a tempo de ver o tramo cuberto do Gafos ao seu paso pola cidade tal como o coñeceron, un río fermosísimo cheo de vida do que todos os veciños sacaban proveito e o coidaban. Agora, despois de cincuenta anos soterrado sen luz nin vida fálase de liberalo 'Sen Tempo non era'. Noraboa para Amacio Castro e os rapaces entusiastas da ludoteca Tékere pola iniciativa de nomear as árbores da contorna do Gafos, e bo cos cativos coñeza e saiban distinguir as especies autóctonas das invasoras, e longa vida aos de Vaipolorío que non se renden nunca e a cabeza non lles para e agora queren levarnos por debaixao do paseo cuberto do río que é como meterse no libro de Conrad 'En el corazón de las tinieblas', por suposto que estaremos alí o sábado.