Marta Rodríguez Engroba
Hoxe pensei en calar, pero non pode ser. Sinxelamente, non o merecedes
. Hoxe pensei en non escribir este artigo.
Crín que non sería quen de facelo, non tiña forzas. Non podía mais.
Remata para Si, hai saída, para min, unha das semanas mais duras desde que comezamos o noso camiño.
Unha semana na que, por desgraza, non fixemos se non confirmar o que xa sabíamos que acontecía, pero que aínda tiñamos un chisquiño de esperanza de que algún día chegara a mudar, e que agora temos claro que é unha batalla perdida.
Esta semana constatamos que falar claro de violencia de xénero pode chegar a sair, e de feito sae, moi caro.
Que traballar de verdade, deixando de lado o postureo, defender de corazón as vítimas, aos seus fillos, sen mirar aos nosos intereses, sen preocuparnos de quedar ben con quen manexa un sistema ao que claramente molestamos e desagradamos, ten castigo.
As eivas hai que tapalas, non se poden dicir, e quen pasa polo aro, pode vivir tranquilo, porque o silencio cómplice ten recompensa.
O mesmo da que haxa vidas en xogo, que unhas mulleres, unhos nenos, poidan chegar a pagar coas súas vidas a ambición, o desleixo, e a falta de sentementos dunhos poucos que amparándose na súa condición, manexan os fíos.
Isto non vai deso. Vai de utilizar a causa de moda, cada vez menos, todo hai que dicilo, para tentar medrar, escalar postos, e ser alguén importante.
Para eso se artellou ese entramado de leis, protocolos e sistemas, que, por mais que se percorran, case nunca se chega ao final, e, mentras tanto, os diferentes actores que os manexan, van sacando tallada e asegurándose que, para eles, ao contrario que para as vítimas da violencia machista, as cousas sempre van ir a mellor.
Pouco ou ningún futuro ten quen se introduce nese circuito e non comparte os seus interesados obxectivos.
A súa traxectoria será curta e difícil ata ser mais ou menos sutilmente conducido a saída, e sen posibilidades de volver a entrar.
Tampouco mellor futuro lles agarda, ou mellor debería dicir nos agarda, aos que rexeitamos formar parte del, por moito que manteñamos as distancias e que tentemos deixar claro que o único que nos interesa e traballar e prestar a maior axuda posible e que, o que faga cada quen, non nos preocupa nin o mais mínimo.
É inútil.
Quen non comparte e non comulga cos códigos establecidos, nos que hai prioridades e intereses máis que sagrados e que se defenden con uñas e dentes, automáticamente se convirte en sospeitoso e pasa a ser un atranco que, como todos os atrancos, hai que quitar do medio rapidamente, e para eso si hai unión, independentemente do que cada un poida pensar para os seus adentros.
Cando a zona de confort, as prebendas, se ven ameazadas, os principios que se poidan ter rapidamente se gardan nun caixón e se asegura un de pechalos con varias voltas de chave.
Como alguén, gran persoa que estou segura me entende a perfección, me dixo hai algunhos días, os principios están sobrevalorados.
Gran verdade.
Tampouco a liberdade de expresión é un ben prezado, e menos aínda quen fai uso dela por moito que a Constitución o ampare!.
Ser de verbo claro non está ben visto. Deixa en evidencia demasiadas cousas que estaban moi ben coma sempre estiveron, agochadiñas e sen causar problemas.
Por todo isto e mais, hoxe pensei en calar.
Non porque tivera medo, malia o que vivín na pel durante todos estes días, se non porque, como humana que son, non puiden evitar sentir a impotencia, o desánimo e mesmo a desesperación que me producen as inxustizas, os abusos máis ou menos solapados, e tamén, teño que admitilo, acompañáronme as bágoas, algo que soamente me sucede cando xa non podo máis, e así, ao límite, cheguei a sentirme.
Sei que se fora mais hábil, ou mais interesada,tanto como parte dun colectivo como a nivel persoal, tal vez podería "reconducir" o que, segundo me din, non estou a facer ben, que debería aprender a calar, que as cousas están ben como están.
Sei tamén que me están a ler, e que este artigo non me vai a axudar, pero, malia a dor que sinto, e malia que, como dixen, pensei, por un momento, en calar, que tal vez fora o mellor, despois de moitas horas sen durmir, de meditar moito, de chegar a conclusión de que teño unha enorme fortuna contando cun equipo tan magnífico como o que me acompaña nesta complicada andaina, do que estou tan orgullosa e polo que tanto agarimo sinto, decidín que hai que seguir adiante, con mais forza se cabe, porque que cale, vós, mulleres, nenos, que estades a sufrir a tremenda dor da violencia de xénero, sinxelamente, non o merecedes.
Por iso, tampouco hoxe, unha vez mais, vou calar.
Asociación Si, hai saída