Pedro J. Peón Estévez
Compostaxe si ou si
Día si, día non, baixo o meu caldeiro ó colector de compostaxe do meu barrio para deitar alí os refugalhos orgánicos que unhas bacterias moi trabalhadoras trocarán en fertilizante natural. Nisto consiste, en poucas palabras, o proceso de compostaxe que se está a levar a cabo de xeito gradual na cidade de Pontevedra e o rural circundante dun tempo a esta parte.
Non pasa día que se me vaia do sentido a fotografía de Rafa Domínguez armado de picaranha con ademán de esnaquizar o composteiro sobre o que estába encaramado. Esa imaxe é a cousa máis insolente e irrespectuosa que levo observado nos últimos tempos. A sua actitude é dun cinismo superlativo, dado que ese material foi sufragado cos nosos impostos; trátase, polo tanto, de patrimonio do común. O capitán Picaranha,como conceljeiro que é e membro destacado do pepé local, conta con sobrados medios para manifestar a sua repulsa ou propor calquera moción por medios civilizados e democráticos sen chegar a facer apoloxía do vandalismo. Agardaba eu algunha reacción por parte da cidadanía pero esta, de xeito intelixente optou pola máis aberta indiferencia. Tócame a min, probo e inxenuo cidadán darlhe, involuntariamente, a notoriedade pretendida a este asuntinho. Rafa opta pola recolhida ipso facto ó xeito de Oviedo. Iso xa se fixo en Pontevedra hai tempo e, créanme que era todo un caos á hora de baixar o lixo. Non digamos o efecto que facía amoreado nas beirarrúas tras pasar o día apestando as vivendas. Pero xa non se trata só de recoller o lixo dun xeito ou outro. O tema é moito máis serio. Trátase de volverlhe á terrá ( ó planeta ) parte da materia orgánica que extraemos dela pois, de non ser así, a biosfera esgótase, mineralízase e fica estéril, desértica ( e non me venha vostede tamén co "primo químico" do seu director espiritual )
A compostaxe é un invento netamente rural e, como todos os grandes inventos, casual. Os labregos adoitaban facer medas de refugalhos nun recanto do eirado ou a leira onde acumulaban restos vexetais, legumes, froitas e outras sobras non aptas para o consumo. Estas medas cubríanse cunha caoa de terróns por mor de que a chuvia non as enchoupasen. Chegado o tempo da labra extendíase este producto, xa transformado en compost, e ó pasar o arado quedaba integrado de novo na terra da cal procedía. Para información do senhor Rafa, permítome contarlhe algo da Pontevedra de antes de el nacer.
Antes de existir a actual rede de alcantarilhado, as casas posuían un único cuarto onde ceibar os resíduos corporais humanos. Nos edificios este cuartinho, temén chamado escusado, común ou retrete atopábase a media altura nun relanzo das escaleiras. Pola manhá cedo baixaban os vecinhos dos andares alto e subían os dos baixos, penico en ristre para baleirar o producto da noite naquel habitáculo tamén chamado a "piesa" ( desconhezo a orixe deste termo. Ténholho oído ós devanceros da familia hai moitos anos ) Eses detritus, mailos emitidos en riguroso directo, ían bater a unha foxa situada no soto, foxa que era baleirada polos labregos na noite, que transportaban tales regalías para a aldea en carros para abonar as terras.
Anos despois, os labregos ían ó concelho a pedir que lhes levasen "varreduras" urbanas. En tempo de sembra a demanda era moi forte e era mesmo unha sorte se lhes daban o lixo de todo un día que depositaban nunha leira e os camponeses escolhían retirando os restos non degradábeis ( xeso, vidro, tixolo etc.) O demais era extendido e soterrado co arado e a terra se encargaba de dixerir todo, inluídas latas de conservas. A chegada masiva dos plásticos deixou inservible este recurso pois, sabido é, que os plásticos non son biodegradábeis e poucos deles reciclábeis. Así era como a xente de antes facía reciclaxe mesmo sen sabelo, senhor Domínguez. O plástico converteu un recurso tan beneficioso coma o lixo nun problema moi grave. Os mares de todo o mundo dan fé.
Pregúntome eu, don Domínguez; cal é o criterio que segue o seu partido que na cidade rexeita, con malos modos, a compostaxe mentres que no rural van de promotores da mesma? E cóntolhe: eu vivín perante 20 anos nun concelho da provincia de Pontevedra de cuxo nome non me quero lembrar. Certo día o alcaldinho ( pepeiro, por suposto ) dime, moi fachendoso el, que o concelho trataba de promover a compostaxe e que se eu estaba interesado nun cursinho que ía haber. Eu contesteilhe que me parecía interesante pero que non podía darlhes ningún cursinho porque non tinha tempo. O tipo miroume un tanto ofendido e díxome que era para eu tomar o cursinho, non para dalo. Ofrecinlhe desculpas pola confusión pois crin que pensaran en min para instruílos xa que nós, había cando menos vintecinco anos que faciamos compostaxe a domicilio, moitos anos antes de que el escoitase o termo "compostaxe" por vez primeira. Esa lumbreira é hoxe director xeral do ramo con despacho, carro oficial e todo. Esa si que é escalada e non a de Álex Megos !
En fin; tras Moreira, Domínguez. - Non queres caldo…? Sete tazas ! É que o pepé maila celulosa só crían fodebloques ?
Ai! Noutro orde de cousas e antes de que me esqueza: Estades enterados diso dos aranceis do Trump que tanto asustan ós nosos empresarios exportadores? Lembran cando Podemos descubriu a conspiración aquela dos deputados europeos mailo TTIP? Poucos fixeron caso e outros poucos preguntábanse: e iso do "tetí" que raio é? Pois aí o temos.